Hai décadas que numerosos organismos denuncian a vulneración de dereitos do Ficheiro de Internos de Especial Seguimento. O sistema creado nos anos máis duros da loita anti-terrorista.

.

.

  • Encadenados na estación de metro do Arc de Triomf de Barcelona para reclamar a liberdade dos CDR encarcerados ACN

Os sete membros dos CDR encarcerados depois da operación Judas hai dous meses, desde o día en que pisaron a prisión, o 26 de setembro, están sob o réxime de control penitenciario máis estrito, o que máis endurece as condicións de vida dos reclusos e o que máis polémica xerou desde o momento en que foi creado, nos anos máis duros da violencia de ETA e a loita anti-terrorista. Jordi, Alexis, Eduard, Ferran, Germinal, Xavier e Txevi están adscritos ao ficheiro de internos de especial seguimento (FIES), que dá carta branca ao centro prisional de Soto del Real para intervir todas as súas comunicacións, facer inspeccións contínuas das súas celas, limitar -ainda máis- o número de libros e de mudas que poden entrar na prisión e aplicar un réxime de isolamento durísimo,como acontece no caso de Jordi Ros e Xavier Duch, que só poden sair da cela catro horas ao día. Sen teren sido xulgados, os sete están adscritos ao FIES-3, o nível reservado aos presos que pertencen a bandas armadas ou grupos terroristas, o que historicamente se aplicaba a membros de ETA que asasinaran decenas de persoas.

A primeira irregularidade, aseguran os avogados dos presos e tamén numerosos especialistas en dereito penitenciario, é que se aplique esta medida tan extrema a persoas que non foron xulgadas e ás cales non se imputou ningunha acción violenta concreta. Mais o mesmo FIES é cuestionado desde as súas orixes, no ano 1991. “Crearon auténticos búnquers para nos enterraren, máis que nos recluíren”, denunciaba no libro Huye, hombre, huye o preso anarquista FIES Xosé Tarrío González. Hai décadas que numerosos organismos recorren xunto da xustiza española e europea contra este sistema de control porque cren que vulnera numerosos dereitos fundamentais, mais, ainda que foi declarado ilegal por varios autos, o goberno español validouno coa reforma do regulamento prisional.

Unha medida extrema

O Obser­va­tori del Sis­tema Penal i els Drets Humans da UB é unha das entidades que denunciaron incansabelmente as irregularidades que envolven o FIES e o seu uso. O seu director, Iñaki Rivera, relata graficamente: “Cando souben que os sete membros de CDR encarcerados estaban sob este sistema, creado nun momento de absoluta violencia que non ten nada a ver coa actual, non podía crelo; o FIES é unha ferramenta moi grave, unha medida penitenciaria totalmente extrema, e dóeme porque comeza a normalizarse esta situación de absoluta excepcionalidade”. Como lembra Rivera, este réxime, que adapta os sistemas de isolamente total probados na Alemaña e na Italia, foi moi empregado cos presos de ETA, mais “despois foi aplicado noutros supostos que non tiñan nada a ver co obxectivo inicial, como no caso de líderes dos cárceres especialmente rebeldes”. Embora a administración non fornece datos sobre o número de presos FIES -unha mostra máis da opacidade que envolve o mecanismo-, o seu uso foi reducíndose cos anos, constatan os especialistas na materia. No entanto, alertan do uso selectivo que se fai del, xa que é cada centro prisional, co aval do Ministerio do Interior, o que decide  que preso debe ser sometido a este endurecemento das condicións de vida e tamén as medidas concretas que se han de aplicar.

Loita contra o inimigo

Como explica o profesor de dereito penal da UAB Joan Baucells, o FIES serviu, na práctica, “para establecer un control absoluto sobre os individuos que o sistema penitenciario consideraba que merecían un seguimento especial”. É por iso que “foi aplicado sobretodo a condenados por terrorismo e narcotráfico”, mais tamén a “supostos de delitos con motivación política”, por exemplo, no caso dos insubmisos. Como resume, o FIES “formou parte do chamado dereito penal do inimigo, que consiste en construir un dereito de excepción en que se flexibilizan as garantías do dereito penal e procesual para loitar de maneira máis expeditiva ou eficaz contra suxeitos que son etiquetados como inimigos”.

Segundo Xavier Pellicere, portavoz de Alerta Solidària e coordenador da defensa dos sete CDR prisioneiros, todos teñen limitadas as cartas que reciben a dúas ou tres por semana e intervidas todas as comunicacións, cousa especialmente grave no caso das conversas cos avogados, porque vulnera non só o dereito á intimidade senón tamén o de defensa. “É unha medida excepcional dentro da prisión mais que vimos antes no caso de presos políticos porque é unha ferramenta máis que o Estado usa para loitar contra a disidencia política”, asegura.

LAIA BRUGUERA

El Punt Avui