En agosto de 2017 desatouse o último dos incontables episodios de violencia contra esta minoría musulmá por parte do Exército de Myanmar. Refuxiados na veciña Bangladesh, máis dun millón de rohingyas malvive en precarios campos de refuxiados, ameazados polo monzón e a falta de alimentos e coas súas vidas truncadas para sempre.

Bul Bulakter sabía que ían matala pero antes, seguramente, violaríana. Se decidía quedar, tarde ou cedo asasinarían o bebé que estaba xestando e queimaríano nunha fogueira xunto aos restos da súa aldea. Historias similares chegaban desde outras aldeas próximas da súa mesma etnia, os rohingya, un pobo musulmán asentado desde hai centos de anos na rexión birmana de Rakhine, fronteriza coa rexión máis meridional de Bangladesh. Un pobo perseguido, condenado ao ostracismo nun país de maioría budista e sempre medorento de que se desate
a violencia contra eles.

Co posto, a moza Bulakter, de 17 anos, decidiu escapar da súa aldea antes de que o Exército de Myanmar entrase nela a sangue e lume. Fuxiu en setembro de 2017 xunto á súa familia, o seu novo marido, Jani Alom, e embarazada de cinco meses. Venderon o pouco que tiñan e pagaron a un pescador para cruzar nunha barcaza o río Naf, relata. É apenas un quilómetro pero, para a súa etnia, esa distancia é algo máis que unha fronteira de auga entre países. É a diferenza entre seguir vivo ou ser brutalmente asasinado. Desde entón, a súa vida conxelouse no tempo, como as dos máis de 700.000 rohingyas que fuxiron á veciña Bangladesh desde que a súa persecución recruara de forma moito máis violenta en agosto.

A masacre —quizais o primeiro xenocidio do século XXI— foi a reacción de Myanmar ao ataque dun grupo insurxente rohingya o 25 de agosto de 2017. O chamado Exército de Salvación Rohingya de Arakán atribuíuse unha serie de atentados coordinados contra postos das forzas de seguridade birmanas. Morreron varios policías, segundo o Executivo de Myanmar, que contestou cun lance de represión a todo o pobo rohingya, xa perseguido e maltratado moitos anos antes de que este grupo islamita dese sinais de vida. Foi a escusa perfecta para que o extremismo e a xenofobia dalgúns monxes budistas callara aínda máis. O resultado converteuse nunha das maiores crises humanitarias dos últimos anos, tan brutal que Nacións Unidas cualificouna sen titubeos de «limpeza étnica de manual».

 

 

Bulakter e os seus viven agora no campo de refuxiados de Jantoli, un dos máis de dez que o Goberno de Bangladesh habilitou na rexión de Cox’s Bazar desde o comezo da crise. Algúns asentamentos, como o de Kutupalong, a poucos quilómetros de Jantoli, levan décadas operativos. Porque a persecución dos rohingya por parte do Exército de Myanmar e de milicias budistas radicais non é un fenómeno novo, aínda que a escalada de violencia desta vez foi atroz: asasinatos, execucións sumarias, infanticidios, violencia sexual, apartheid e traballos forzosos son algunhas das prácticas que reportaron numerosas organizacións humanitarias e milleiros de testemuños das vítimas. Practicamente todos os refuxiados rohingya perderon a algún achegado a mans da maquinaria de terror e extermino birmana.

Non eran unha comunidade rica, pero hai case un millón de persoas cuxas pertenzas se resumen nun puñado de arroz cada tres días que reparten as ONG e nunhas canas de bambú que o Goberno de Bangladesh fai chegar diariamente aos campos en camións. Con elas sosteñen os plásticos que reparte o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR). Son as paredes e teitos das súas febles chozas, e hai tantas que xa é imposible distinguir onde termina un campamento e empeza outro. A vexetación desapareceu por completo e os enormes grupos de chabolas corren ladeira arriba e abaixo, facendo sitio aos novos refuxiados que chegan, por centenares, cada semana.

Na choza de Bulakter e a súa familia apenas se pode camiñar ergueito. A calor absorbida polo plástico asfixia de día e o vento que se coa polos buracos xea polas noites. Nesas condicións tivo que traer ao mundo a súa filla, a quen aínda non lle puxo nome. Só ten dous días de vida e, seguramente, nunca coñeza a rexión birmana onde foi procreada. O seu mundo será un campo de refuxiados cheo de po e de augas fecais e o seu berce resúmese nun par de mantas e o chan de terra. Unha pequena chea de brasas á beira da nena failles as noites máis levadías, aínda que un mal vento pode facer que todo saia ardendo. Quizais por esta razón sexan tan frecuentes os incendios nos campos, pero «que máis podemos facer? Así é a nosa vida agora. Non temos máis nada que os poucos alimentos e medicinas que nos dan as ONGs», lamenta a nai primípara, que nin sequera come o suficiente para producir leite materna.

 

 

A crise, tras medio ano de fuxidas e chegadas masivas a Bangladesh, parece estabilizada, aínda que non foi fácil acomodar —se é que se lle pode denominar así— case un millón de persoas en apenas medio ano. «Son centos de miles de persoas vivindo apiñadas en campos abarrotados. As enfermidades aquí propáganse con moita facilidade, porque é imposible non contaxiarse nestas condicións de superpoboación. Apenas están vacinados, chegaron moi débiles e a maioría dos refuxiados son cativos», explica o persoal de Médicos de Sen Fronteiras dunha das clínicas que puxeron en funcionamento no campo.

O primeiro reto foi conter brotes de sarampelo e difteria, enfermidades que xa se consideraban erradicadas en practicamente todo o mundo. «Custounos moito facerlles fronte, aínda que unha simple vacina chegase para evitalo», asegura unha doutora, que tamén destaca os numerosos casos de desnutrición infantil, febres infecciosas e diarreas agudas. «As condicións de insalubridade nas que viven son un caldo de cultivo perfecto para as infeccións, e a densidade de poboación dos campos fai que un brote se converta facilmente en epidemia», explica a cooperante.
Pero o peor está por vir. En poucos meses, a maior ameaza para os rohingyas non será a persecución birmana, senón as tormentas. Nesta época, o monzón e os ciclóns darán ao traste cuns refuxios precarios, provocarán movementos de terra e os campamentos encheranse de barro. As augas fecais dos centos de miles de urinarios portátiles que poboan cada esquina dos campos mesturaranse co lodo e contaminarán os xa escasos pozos de auga potable dos campos. Enfermidades transmitidas pola auga como a diarrea acuosa aguda, o tifos, a hepatite… empezarán a causar estragos, advirten as ONG, que non descartan brotes de dengue ou cólera nuns campos que non están preparados para unha climatoloxía adversa.

Fronte á clínica de MSF, decenas de refuxiados resgárdanse do sol de medio día baixo uns teitos de cana. Eles chámanlle «a tetería». Sentados en bancos de bambú toman café soluble e mascan paan, a noz da planta de betel que envolven nunha folla verde. Fano sen descanso, durante todo o día, porque é tremenda­mente aditivo e os seus efectos, similares aos da folla de coca, axúdanlles a mitigar a fame e mantenos activos, aínda que tingue de vermello os seus beizos e esnaquízalles a dentadura.

 

 

Entre cuspes laranxas, algúns explican o seu periplo ata Jantoli. Camiñadas de tres días a través do bosque, escondidos dos militares e rezando a Alá para que non lles disparen na fronteira. Omar, un mozo de 25 anos que fai ás veces de tradutor, sente un calafrío cada vez que se cruza cun soldado dos que patrullan os campos.
«Sei que os militares de Bangladesh non me van a facer nada, pero cada vez que vexo un uniforme morro de medo, quedo paralizado», relata. Sofre estrés postraumático, algo máis que habitual nos campamentos. Omar viu cos seus propios ollos como os militares queimaban a súa aldea e golpeaban con paus os seus veciños. Sabe que está vivo de milagre, pero o prezo que pagou por sobrevivir é demasiado alto. «Aquí non podemos facer nada. Perdémolo todo alí e aquí, aínda que estamos a salvo, non podemos traballar. Nin sequera podemos saír dos campos», describe.

Outro dos veciños da improvisada «tetería» fala sen andrómenas da violencia en Myanmar. «A nosa comunidade foi totalmente destruída. Expulsáronnos a todos e agora malvivimos aquí ata que o noso pobo sexa borrado por completo. Ese foi sempre o obxectivo do Goberno birmano», di. Pero, sobre todo, teme que os obriguen a regresar. Un millón de refuxiados son demasiadas persoas ocupando unha vasta extensión de terreo no que, antes de que chegasen a milleiros cada día, vivía xente case igual de pobre ca eles.

A política de brazos abertos non fixo moita graza aos habitantes de Cox’s Bazar. Onde antes tiñan as súas plantacións de arroz e o seu gando, agora hai centenares de miles de persoas situadas aí polo Goberno. «Hai certa tensión social desde hai un tempo», explica un cooperante de MSF, que comprende en certo xeito o malestar. «A poboación orixinaria de aquí converteuse tamén en refuxiada na súa propia casa. Ademais hai malestar porque ven toneladas de alimentos e medicinas chegando aos campos cando eles tamén o necesitan», describe. Producíronse manifestacións contra a acollida de refuxiados e tamén contra as ONG. Ata agresións, sobre todo coincidindo coa época electoral en Bangladesh, onde a propaganda partidista sobre a crise dos rohingya agreou máis o ambiente. «Somos conscientes, por iso as nosas clínicas están abertas a todo o mundo, non só aos rohingya. Atendemos a todos os que necesitan tratamento cos medios que temos», explica o cooperante.

Por razóns como esta, o pasado 23 de novembro de 2017, os Gobernos de Bangladesh e Myanmar asinaron un acordo para a repatriación dos case 688.000 refuxiados que chegaron ata ese momento, pero non houbo ningún avance desde entón. Non hai garantías de que Myanmar poida ofrecer un retorno en condicións de seguridade para a diáspora e, nos campamentos, ninguén quere ser o primeiro en regresar. «Sempre estivemos perseguidos e fomos humillados en público. Se volvese agora estou seguro de que me matarían», relata outro dos refuxiados que teme ser repatriado á forza tarde ou cedo. Prefire resignarse a vivir nestas condicións o resto da súa vida antes que morrer ou ser encarcerado nun país que os considera estranxeiros e, agora, terroristas.

 

 

Non lles fai falta imaxinar como sería ser refuxiado para sempre. Bástalles con visitar o veciño campamento de Kutupalong, actualmente o maior campo de refuxiados do mundo, con máis de 1.200 hectáreas de terreo. Centos de miles de rohingyas colapsárono durante esta última crise, pero alí hai decenas de miles de compatriotas seus atrapados desde hai décadas. Fuxiron pola mesma razón, a violencia indiscriminada, pero nunca foron tantos como para xerar problemas ao Goberno de Bangladesh.

Nenujahan viviu practicamente a metade da súa vida neste dantesco campo de desposuídos. Ten 55 anos, pero as súas profundas engurras e o único e desgastado dente que lle asoma das enxivas fai pensar que, máis ben, é unha octoxenaria. Chegou a Kutupalong en 1992, escapando doutro episodio violento contra a súa etnia, aínda que apunta que esta vez é moi diferente. «Nos 90 non asasinaban a tantas persoas como agora. Entón non nos mataban, só nos pegaban, violaban as mulleres e queimaban as nosas casas para botarnos das nosas terras», recorda con serenidade na porta de cabana. Aínda que teñen máis ou menos o mesmo tamaño, a súa casa non é de bambú e plástico como as chozas dos recentemente chegados. En máis de 25 anos como refuxiada tivo tempo para cambiar as canas por ferros e as lonas por adobe. Ata ten unha porta de latón. «Na miña aldea tiña terras e unha pequena tenda. Eramos agricultores, pero os soldados chegaron unha noite, déronlle unha malleira ao meu marido e violáronme varias veces. Tamén violaron a miña sobriña pequena. O Goberno de Birmania ocupou as nosas terras pola forza e tivemos que escapar», recorda coa mirada perdida.

«É impactante ver como se repite a historia. É unha tristeza enorme saber que os familiares que deixei alí viñeron, 25 anos despois, a vivir a mesma vida miserable que a miña», exclama entre indignada e resignada. De cando en vez, di, vai visitar os seus sobriños que chegaron ao campo hai cinco meses. «Non nos vemos moito porque teño que camiñar media hora para chegar á súa zona, aínda que sexa o mesmo campamento», lamenta. Pero pese a todo, négase a regresar á casa. «É mellor morrer aquí que volver a onde xa non tes nada. Non quero oír falar de repatriación se non teño os mesmos dereitos que calquera cidadán de Myanmar e me devolven as miñas terras», argumenta. Polo menos aquí é unha das aproximadamente 8.000 persoas rexistradas como refuxiadas. Ten unha tarxeta que o proba e recibe algo de diñeiro cada mes de fondos de axuda humanitaria. Con iso pode poñer comida no prato para ela, o seu marido e o seu único fillo.

Cando cae o sol, a visita a Kutupalong termina. «Non é seguro», repite nun inglés precario un dos policías que patrulla o campo. Para aforrar palabras, mostra no seu móbil a foto dun cadáver xunto a unha das cabanas do campamento. «Hai 20 minutos disto», exclama mentres me escolta ata a saída. O Goberno quita ferro á inseguridade nos campos, onde se rexistraron polo menos 16 asasinatos, segundo un portavoz da policía de Cox’s Bazar, pero o axente de Kutupalong móstrase máis preocupado. «Peléxanse entre eles, quítanse cousas ou xa tiñan problemas entre eles antes de chegar aquí», detalla o oficial, que prefire non dar o seu nome. O crime é «insignificante» nos campos, segundo a Policía, aínda que distintas ONG e axencias da ONU alertaron da proliferación de trata de mulleres e de menores refuxiados nos campos. Lograron fuxir do xenocidio, pero o inferno aínda non rematou.