O auditorio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade do País Vasco foi escenario na pasada sexta-feira dunha conferencia que os seus protagonistas terían preferido non realizar xamais. Xornalistas, compañeiros e familiares de Pablo González, o xornalista preso desde hai un ano en Polonia, contaron ante unha sala chea as diferentes arestas dunha auténtica inxustiza e dun atropelo á liberdade de información.
Participantes na conferencia – Público
Ante unha sala chea, os diferentes relatores repasaron os varios puntos que caracterizan esta tremenda historia, que comezou cos interrogatorios realizados a González polo servizo secreto ucraíno e a familiares do xornalista por parte do CNI español. Despois produciuse a súa detención en Polonia, da que vai completarse un ano. É acusado, sen probas, de espiar para Rusia.
“Os meus fillos levan un ano enteiro sen ver o pai”, dixo ante a ollada atenta dos asistentes –entre os que había un bo número de estudantes de xornalismo– Oihana Goiriena, esposa de Pablo González e presidenta da asociación #FreePabloGonzalez. Tamén deixou sobre a mesa outro elemento chave: “Desde o Ministerio de Relacións Exteriores non tivemos ningún contacto. Ninguén se puxo en contacto con nós”, subliñou.
Cartaz do evento ‘Pablo González: un ano preso en Polonia’
O encontro desta sexta-feira –organizado polo xornal Público e o Colexio Vasco de Xornalistas, en colaboración coa Universidade do País Vasco (UPV/EHU)– serviu precisamente para traer á tona as mentiras e vulneracións aos dereitos humanos e á liberdade de información que rodean este caso.
Carmen Peñafiel, catedrática da UPV/EHU na Facultade de Xornalismo, foi a primeira voz que alertou o auditorio sobre esta “grave violación de principios e valores que a UE debe defender”. Tamén lamentou o “silencio” das autoridades españolas, un elemento que voltaría a estar sobre a mesa ao longo da mañá.
“O que permitimos que pase con Pablo é triste e decepcionante para un país que se gaba e vangloria do seu carácter democrático”, resumiu Amaia Goikoetxea, presidenta e decana da Asociación e o Colexio Vasco de Xornalistas, que atribuíu esa “apatía e desinterese” a unha “falta de maturidade democrática”.
“O grave é que estamos afacéndonos a todo”, dixo Goikoetxea, quen incidiu, primeiro en eúscaro e despois en castelán, noutro punto que tamén se repetiu ao longo de cada unha das intervencións: “Pedimos verdade e xustiza para Pablo”.
Non foi por acaso que este encontro tivese lugar na UPV/EHU. Pablo González, alén de xornalista, é alumno desta universidade, onde realiza unha tese de doutoramento adscrita ao Departamento de Ciencia Política. Jon Azkune e Asier Blas, profesores de Pablo, interviron tamén para denunciaren este atropelo e reclamaren que o seu alumno, preso en Polonia, volte a casa.
Esther Rebollo, directora adxunta de Público, moderou unha das mesas redondas. Fíxoo como representante deste xornal e como unha das profesionais que trataba con González, colaborador deste medio.
Nacho Calle, xefe de Investigación de Público, estaba sentado ao seu lado. “Aínda que Pablo non fose compañeiro este caso igualmente tiñamos que seguilo, porque vai coas bandeiras do noso xornal: estamos ante un problema gravísimo de dereitos humanos e de liberdade de información”, afirmou.
Rúa repasou as diferentes informacións elaboradas por Público que demostran as incongruencias e falsidades sobre este caso. Con esa bagaxe, o xornalista advertiu que se trata dun “ataque directo á liberdade de información e un aviso da casa moi perigoso”. O motivo? Pablo González “é un dos xornalistas que máis sabe do espazo pós-soviético en español –explicou Rúa–. Silenciar ese tipo de voces para algúns é moi importante”.
O xornalista de Público avanzou que este medio continuará dando probas “sobre como Polonia quere crear un caso onde non o hai”. Daqueles primeiros pasos cara á criminalización do xornalista falou tamén Juan Teixeira, amigo e compañeiro de González.
Chegaron nesa altura as lembranzas daquela primeira chamada do servizo secreto ucraíno ordenando Pablo presentarse en Kiev. A guerra que coñecemos hoxe non comezara aínda, ou talvez si.
“Pablo é un xornalista multitalento. Hoxe falta un dos nosos membros por facer o seu traballo xornalístico en Polonia”, apuntou pola súa banda Jon Kortazar, profesor do Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura e compañeiro de Pablo González no grupo de investigación Geopolitikaz.
Edith Rodríguez, vice-presidenta de Repórteres Sen Fronteiras (RSF), alertou a sala sobre outro aspecto de suma gravidade: “Pablo é un xornalista dun país membro da UE preso noutro país da UE. En RSF non temos precedente deste tipo”, apuntou.
A representante desta organización internacional de xornalistas subliñou a “opacidade” que caracterizou o procedemento contra Pablo González “desde un primeiro momento”. Frente a esa situación, RSF dirixiuse ás autoridades polacas para reclamar que se respecte a presunción de inocencia e o xornalista sexa liberado.
“Entendo a soidade que sentiu Público“, dixo Rodríguez noutro tramo da súa intervención, aludindo así aos empecillos e dificultades que pouco antes expuxera Rúa ao relatar o traballo efectuado por este xornal desde un primeiro momento para sacar á tona as “incongruencias” ao redor do caso de González.
A presión, confiou a vice-presidenta de RSF, “irá tornándose cada vez máis insoportábel a media que pase o tempo. Os que estábamos sós estaremos acompañados”, indicou. En calquera caso, lamentou “certos reparos nalgúns medios” á hora de referirse a este asunto.
“Inacción”
Ruth Ferrero, profesora de Ciencia Política na Universidade Complutense e especialista no espazo pós-soviético, lamentou tamén a “inacción das autoridades españolas”, á vez que advertiu sobre a desarticulación das democracias liberais frente a “unha ameaza constante ao estado de dereito”.
A seguir Iker Bizkarguenaga, xornalista do diario Gara, lembrou as vulneracións rexistradas no caso de Euskal Herria, onde gardan na memoria o encerramento do diario Egin ou as torturas ao director de Egunkaria, Martxelo Otamendi. “É unha mochila que vén de lonxe”, afirmou.
Pola súa banda, Ramón Zallo, catedrático de Comunicación Audiovisual na Universidade do País Vasco, centrou a súa intervención en elementos talles como “o boom da desinformación”, a represión, o abuso de poder informativo, a mentira ou a ausencia de normas, diferentes e claros desafíos para a boa información.
“Pablo é vítima dunha represión. Polonia hoxe é un buraco negro no relativo aos dereitos cidadáns e a dependencia do Poder Xudiciario, controlado por un goberno de ultradereita”, agregou Zallo.