A corporación de Radio Televisión Española gastou en 2019 4.345.661 euros en programas relixiosos emitidos tanto TVE como en RNE. En televisión, os programas repartíronse principalmente entre A 2, TVE América, TVE Asia, TVE Europa/África, e algúns na desconexión da 2 en Cataluña. O segundo canal da corporación foi o que máis horas de programación relixiosa emitiu, cun total 180 horas en todo 2019.
TVE emite 10 programas relixiosos, a inmensa maioría dedicados ao catolicismo. Tamén hai espazo para o xudaísmo, o cristianismo evanxélico ou o islam.
Se atendemos aos gastos, aos que tivo acceso La Marea através dunha petición ao Portal de Transparencia, a misa do domingo, coñecida como O día do Señor, leva grande parte do orzamento. En total, a eucaristía dominical tivo un custo de 1,5 millóns de euros en 2019. A 2 de TVE foi o canal que emitiu as 61 celebracións católicas que absorveron un total de 67,5 horas de televisión. En 2017, o actual vice-presidente do Goberno Pablo Iglesias aseguraba que a “Igrexa católica ten xa bastantes canais en que poderían emitir misa ou o que queiran”, polo que pedía acabar coa misa televisada: “A min paréceme que as televisións públicas teñen que estar para emitir contidos culturais, contidos que defendan a diversidade e a educación sexual”, defendía hai tres anos.
Pobo de Deus é o segundo programa relixioso máis custoso da televisión pública, tamén de orientación católica. Entre os recursos propios e externos a corporación gastou 760.277,87 euros nos seus 101 programas na 2, algúns dos cales foron repostos nos canais internacionais.
A Misa (só emitida na 2 Cataluña), Boas Noticias TV (programa evanxélico), Shalom (comunidade xudía) e Últimas Preguntas completan o top dos programas relixiosos de maior custo, cun orzamento de entre 300.000 e 400.000 euros cada un e unha media de 50 programas anuais.
O resto de programas representan un menor gasto: Testemuño, Procesións, Medina TVE (para a comunidade musulmá) e Culto evanxélico. Deste último apenas foi emitido un programa en todo 2019 cunha duración menor a unha hora. Apesar diso tivo un custo próximo aos 20.000 euros.
A maior parte destes programas foron producidos con recursos propios “nun 89%”. Para o 11% restante necesitouse contratar recursos externos.
Tamén en RNE
Cun menor orzamento, a radio pública tamén dedica espazo á relixión. En 2019, RNE gastou case 110.000 euros neste tipo de programación. O espazo máis custoso foi ‘Fronteira’, “un programa de entrevistas baseado no diálogo entre a fe e a razón”, segundo reza na propia web. As 46 horas en antena en Radio1 supuxeron uns 54.000 euros para os cofres da corporación.
‘Fé e convivencia’ é un programa semanal “específico dedicado a outras confesións relixiosas non católicas” para crentes evanxélicos, xudeus e musulmáns que se emite os domingos. O ano pasado ocupou máis de 45 horas e tivo un valor de 21.320,64 euros. O resto de programas “misas, Alborada, Horizonte…” supuxeron un custo menor.
Domingos relixiosos
En outubro de 1956, o capelán de Franco abenzoou as instalacións de Paseo da Habana onde comezaron as primeiras emisións de TVE. Tal e como explica o xornalista Angel Munárriz no seu libro Iglesia S.A., o catolicismo “goza dun claro privilexio nos medios públicos” que arrastra desde a ditadura. Os acordos co Vaticano non obrigan a que exista programación relixiosa, aínda que si especifican que “o Estado velará para que sexan respectados nos seus medios de comunicación social os sentimentos dos católicos”.
O bloque dominical de programas relixiosos foi forxado nos 80 e, 40 anos máis tarde, continúan a formar parte da programación da televisión pública dos domingos pola mañá, cunha clara preponderancia da relixión católica. A crise da COVID-19 provocou un aumento dos espectadores da Santa Misa. A imposibilidade de saír de casa fixo que a eucaristía do 15 de marzo fose seguida 1.061.000 espectadores -o duplo que a semana anterior-, o que a converteu en líder da súa faixa horaria cun 14,3% de cota de pantalla e obtendo o seu mellor dato histórico.
Dani Domínguez