As Administracións de ambos os países contemplan castigos para quen enfrente o recrutamento obrigatorio e rexeite presentarse no campo de batalla.

 

Soldados ucranianos    Soldados ucraínos nunha imaxe de arquivo. REUTERS

 

O “Non á Guerra” tamén soa na Ucraína e Rusia. Un “Non” rotundo protagonizado non só por quen corre risco de morrer baixo míseis, senón por quen se nega a disparalos. Non queren morrer nin tampouco matar. Son obxectores de consciencia e resístense a participar no conflito, algo que tanto no territorio ucraíno como no ruso pode custar moi caro.

O xornalista e obxector de conciencia Ruslan Kotsaba, quen tamén ostenta o cargo de presidente do Movemento Pacifista da Ucraína, coñece o cárcere por dentro. Entre 2015 e 2016, este recoñecido activista pasou 524 días entre reixas por facer público o seu rexeitamento á guerra e ao exército.

Un tribunal absolveuno, mais o Estado non baixou os brazos: en setembro de 2021, Kotsaba volveu enfrentar os tribunais, acusado de “traizón e obstrución de operacións militares” polas súas expresións pacifistas nun vídeo que publicou en 2015.

Naquela gravación, o xornalista e activista pola paz chamaba a boicotar a mobilización militar polo conflito no leste de Ucraína. “Prefiro ir ao cárcere que entrar en guerra civil agora e matar os meus compatriotas que viven no Leste (…) Non participarei nesta guerra fratricida”, afirmou nesa altura.

Como Kotsaba puido comprobar, a obxección de conciencia é unha práctica de alto risco na Ucraína. As autoridades dese país reinstalaron o servizo militar obrigatorio en 2014, ao calor dos confrontos con Rusia no leste do país.

No pasado 24 de febreiro, nada máis comezar a invasión rusa, o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, anunciou o recrutamento obrigatorio para todos os homes de entre 18 e 60 anos de idade. Os obxectores de consciencia voltan a estar así no foco do Goberno de Kiev, que defende a obrigación masculina de ir á frente de guerra. Quen recuse facelo enfrenta penas de prisión que van de tres e cinco anos de cárcere.

Até agora, o recrutamento obrigatorio ucraíno só contemplaba “servizos sustitutivos” nos casos daqueles homes que alegaban motivos de índole relixiosa. Segundo consta no último informe da Oficina Europea de Obxección de Conciencia, entre xaneiro e novembro de 2020 “rexistráronse 3.361 procedementos penais contra evasores do servizo militar”.

Segundo esas cifras, 190 desertores foron encarcerados, outros 24 acabaron recluídos en batallóns disciplinares e 380 resultaron multados polos tribunais. “En anos anteriores, ao redor do 20% das solicitudes de servizo alternativo foron rexeitadas por falta de tempo”, sinala o relatorio.

Segundo datos publicados nos últimos días, o Exército de Ucraína conta cuns 250.000 membros, dos cales aproximadamente un 10% son recrutas.

De manifestante a soldado

A Internacional de Resistentes á Guerra (IRG) é unha rede global pacifista e antimilitarista con máis de 90 grupos afiliados en 40 países. A finais de 2020 activou unha campaña en favor do “servizo alternativo” como vía para salvarse de engrosar as filas do Exército ruso, agora involucrado na invasión de Ucraína.

“En Rusia, os homes entre 18 e 27 anos considerados con boa saúde deben cumprir o servizo militar. A duración é dun ano, cun único un día libre á semana e sen licenzas. Polo xeral, só a terceira parte dos homes en idade de recrutamento son, de feito, recrutados (unha terceira parte non pode cumprir o servizo por problemas de saúde, e outra terceira parte non é recrutada porque non é necesario)”, sinalaba a campaña lanzada entón por IRG.

Nesa liña, a Oficina Europea de Obxección de Consciencia alertou no seu último relatorio de que “nos últimos anos (2015-2020), a situación do dereito á obxección de conciencia en Rusia é alarmante”.

Grupos opositores denunciaron que o Goberno de Vladimir Putin utiliza o recrutamento como arma para silencialos, o que pode derivar en situacións surrealistas: quen hoxe se manifesta contra a guerra nas rúas rusas pode ser detido e posteriormente enviado a facer o servizo militar obrigatorio e acabar así participando na guerra contra a que protestaba.

“Até a data, non dispomos de datos estatísticos sobre as persoas cuxo servizo militar foi substituído polo servizo civil alternativo. Contodo, segundo as nosas estimacións, o número de cidadáns que conseguiron exercer o seu dereito á obxección de conciencia está a diminuír”, apuntou a Oficina Europea no seu último relatorio.

Por súa vez IRG advertiu sobre “o rexeitamento dos oficiais do servizo militar obrigatorio a ofrecer aos cidadáns lugares onde realizar un servizo civil alternativo”. De feito, cada ano as entidades estatais “solicitan máis de 5.000 civís do servizo alternativo para ocuparen diferentes postos de traballo, mais a cantidade total disponíbel deles non supera os 1.000 por ano”.

A organización antimilitarista alertou así mesmo sobre “as actuacións abusivas e arbitrarias cometidas por oficiais das xuntas de recrutamento e conscripción, como, por exemplo, o rexeitamento inxustificado de solicitudes, a recusa ilícita de solicitudes para os lugares do servizo civil alternativo e os ataques á dignidade dos obxectores de consciencia”.

“Carácter punitivo”

Trátase dun problema cronificado. Un relatorio do Comité de Dereitos Humanos das Nacións Unidas sobre o dereito á obxección de consciencia advertía xa en 2009 sobre o “carácter punitivo” outorgado polo Estado ruso ás prestacións sustitutorias, xa que “estes servizos deben prestarse fóra dos lugares de residencia permanente, cun soldo moi baixo que para os destinados a traballar en organizacións sociais non alcanza o nivel de subsistencia e con restricións á liberdade de circulación das persoas afectadas”.

Público