Salhaketa informou da morte dun preso de 32 anos que apareceu enforcado na súa cela do cárcere de Zaballa. Levaba pouco máis dun mes na prisión alavesa e, segundo Salhaketa, solicitara en dúas ocasións, mediante instancia, que consultar un psicólogo, «sen conseguilo».

 

Zaballa                                                          Cárcere de Zaballa, en Iruña de Oka (Juanan RUIZ I FOKU)

 

Salhaketa deu conta dunha nova morte na prisión de Zaballa. Trátase dun preso de 32 anos, procedente do cárcere de Iruñea, onde estaba ingresado na enfermaría, e que fora transferido ao cárcere alavés o 4 de agosto pasado. Estaba no módulo 4 e os seus compañeiros achárono enforcado na cela a media mañá, baixárono e tentaron reanimalo até a chegada do servizo médico mais, finalmente, faleceu.

Salhaketa indicou que, segundo a información solicitada, cando chegou a Zaballa «só o viu o educador», aínda que el «solicitara en dúas ocasións, mediante instancia, consultar o psicólogo, sen conseguilo».

Esta asociación entende que se tratou de «unha traxedia evitábel que engrosa as macabras cifras de persoas mortas en prisión», e denunciou «a sistemática política de ocultamento destas mortes, sobretodo por mor da epidemia da covid-19. Segundo os datos cos que contamos, polo menos 118 persoas morreron nas prisións españolas no que vai ano». A anterior morte en Zaballa produciuse hai dous meses, nos mediados de xullo. No ano pasado foron cinco en total as persoas mortas neste cárcere.

«Por que non se esixen responsabilidades ou polo menos se investigan? Ocorrería o mesmo se as vítimas fosen outras? É posíbel tolerar impunemente estas mortes no seo dunha institución do Estado como é o sistema prisional? Ás familias son informadas unicamente mediante chamada telefónica, sen establecer nin sequera un mínimo protocolo de información que proporcionar», apunta Salhaketa, que convocou unha concentración para o vindeiro luns 21 ao mediodía ante a Subdelegación do Goberno español en Gasteiz, na rúa Olaguibel.

Estivo cunha psicóloga de Osakidetza, segundo IIPP

Pola súa banda, Institucións Penitenciarias non ofreceu pormenores do acontecido e sinalou que a autopsia determinará a causa da morte. Negou que non recibise asistencia psicológica e asegurou que o preso falecido foi visto por unha psicóloga de Osakidetza.

Segundo o organismo prisional, nun primeiro momento comunicouse telefonicamente a morte do preso á familia, e posteriormente o subdirector de tratamento de Zaballa reuniuse con varios familiares na mesma prisión.

Naiz