Eduardo Zaplana EFE
“O sentido común do século XVIII, a súa comprensión dos feitos evidentes do sufrimento humano e das esixencias obvias da natureza humana, actuaron no mundo como un baño de purificación moral” – Alfred North Whitehead
Eu son unha vítima de Eduardo Zaplana.
Ollen que gosto pouco de falar en primeira persoa, mais neste caso paréceme pertinente. Sonno de forma obxectiva. Zaplana foi un dos pais das teorías conspiratorias do 11M. Un dos que se consideraron agravados cando a Xustiza se fixo sen dar o máis mínimo respiro ás súas falacias. El, e outras persoas, ocupáronse de vingarse en min. Un pontapé no meu cu que ía dirixido a quen non podían alcanzar, nunha represalia totalmente política e despoxada de calquera xustificación profesional. Tempos pasados. Aínda así nunca dubidei de que Eduardo Zaplana, coa súa soberba, co seu poder incuestionábel noutros tempos, co seu pléiade de vítimas, é un ser humano. Disto vai esta reflexión: de seres humanos, da humanidade do Estado e da inaceptábel implantación dunha vinganza institucionalizada a priori, sexa do signo político que for o seu destinatario.
Zaplana ten unha leucemia -un cancro do sangue- e foi trasplantado para tentar detela. Por causa dese transplante, realizado no hospital público de Valencia, sofre agora o que se denomina Doenza do Enxerto Contra o Hóspede (EICH), quer dicir, trataríase do ataque dos linfocitos do doante da medula aos órgaos do trasplantado. Sería o equivalente ao que chamamos ‘rexeitamento’ dun transplante doutro órgao. Se ese rexeitamento non responde aos corticoides, como é o caso do político popular, as expectativas de supervivencia diminúen considerabelmente. A situación é similar á que tiñan os doentes da sida antes da chegada dos retrovirais: estaban expostos a que o máis mínimo contacto cun virus ou unha bacteria lle provocase a morte. Seguro que se fan cargo da situación, contodo, a xuíza instrutora do procedemento contra el parece non decatarse. Zaplana ten sangrados internos, chagados das mucosas, deben serlle realizadas algunhas probas con grandes coidados para evitar que microroturas da parede intestinal fagan pasar ao sangue microorganismos… e todo un longo etcétera de complicacións que lle foron explicadas en múltiplos relatorios á maxistrada polo xefe de servizo do Hospital Público La Fe de Valencia. Algo obxectivo que levou os médicos forenses en maio a dicir que podería correr risco a súa vida en prisión aínda que en setembro recuaran, apesar de o paciente non ter ido obxectivamente a mellor senón a peor. Deberían explicar por que.
A xuíza de Instrución que o mantén imputado e en prisión preventiva, Isabel Rodríguez, parece non ter capacidade para comprender o que técnica e cientificamente se lle expón. Iso que vostedes mesmos xa comprenderon, que unha persoa con ese nivel de complicacións e de risco de infección, que non podería superar, non pode estar nunha prisión convivindo con todo tipo de reclusos afectados cada un de cousas diversas, dun constipado a unha tuberculose. Rodríguez non o ve. Así que día após día oficia ao hospital para apertar e devolver a Zaplana a Picassent. Para iso non dubida en tratar unha eminencia en hematología, o doutor Guillermo Sanz, como se fose un médico de parte vendido á familia e que, segundo se deduce dos seus autos e oficios, parecería que está disposto a asinar calquera tipo de papel que a familia necesite para beneficiarse. É tan insultante o comportamento da maxistrada que debe ofendernos a todos.
Guillermo Sanz é un médico sen sombra de sospeitas. Unha eminencia en hematología cuxa especialidade nas Síndromes Mielodisplásicas e no transplante con proxenitores hematopoiéticos é recoñecida internacionalmente. Publicou centenares de artigos de investigación e actualmente é co-chair de Harmony, o proxecto estrela europeo dotado con 40 millóns de euros e que se pensa estender posteriormente a outras doenzas. Para a xuíza de instrución é “o médico da familia”. Alguén sospeitoso. A realidade é que se trata dun vocacional da sanidade pública, un home comprometido e de esquerdas, que non desistiu do seu compromiso desde que militara no Partido Comunista de estudante na Autónoma de Madrid, até aceptar ser interventor de Podemos nas últimas eleccións. É indignante que lles teña que contar isto mais, dada a actitude da Xustiza neste caso, case é preciso xustificar que non hai ningún interese oculto no que para Sanz é un exercicio práctico do seu xuramento hipocrático: salvar o seu paciente. Para iso non dubidou en pedir amparo á Sociedade Española de Hematoloxía, que nos días que veñen emitirá dous relatorios de ambos os xefes de unidades de transplante sobre a situación cientificamente adversa de Zaplana. A ciencia, aquilo que nos trouxo á civilización e que parece significar xa tan pouco. Todo iso féchao a xuíza con “até nos paraísos fiscais hai hospitais” así que si pode fuxir. Tampouco debeu ler nos relatorios que as directivas do European Blood and Bone Marrow Transplantation Group e da Organización Nacional de Transplantes sinalan que calquera paciente trasplantado debe ser tratado no centro que o trasplantou ou nun centro acreditado por eles. Ela prefire o hospital penal porque todo isto explícallo quen debe considerar un mindundi vendido a non se sabe que intereses.
Zaplana agora mesmo, sendo un preso preventivo, é de peor clase que un condenado. Ningún xuíz de Vixilancia Penitenciaria o mantería en prisión nestas condicións. Lémbrese o Caso Bolinaga en que, apesar de mostrarse en contra forenses e fiscais, o xuíz Castro da Audiencia Nacional viaxou a Donosti a entrevistarse cos médicos, ‘os seus médicos’ que diría Rodríguez, e finalmente púxoo en liberdade por motivos humanitarios. No caso de Zaplana, unha persoa que aínda conserva indemne todo o seu dereito á presunción de inocencia, están a porse en risco de vulneración o seu dereito á vida e a non sufrir un trato inhumano e degradante. Todo iso para conseguir que non se converta nun fugitivo -con ese panorama, imaxinen, indo de hospital en hospital- e mantelo preso para asegurar un proceso que probabelmente nunca termine co cumprimento da condena dado que, de seguirse os impulsos da instrutora, morrerá moito antes de que esta chegue. É unha incongruencia do sistema que un imputado en prisión preventiva acabe recibindo peor trato que un condenado en firme. Non é a primeira vez que acontece. En catro parágrafos mal fiados soluciona a xuíz a fundamentación para non ponderar os dereitos que están en xogo aínda que máis parece barallar se Zaplana parece ser máis ou menos culpábel segundo pasa o tempo, algo impropio dun auto como este.
Xa saben que eu creo que os feitos acabarán probando que tamén se corrompeu mais iso non tira nin unha milésima a ningún dos argumentos que lles dei. A Xustiza que practica un Estado de Dereito sempre mostrará uns principios e unha magnanimidade que o delincuente nunca ten. Porque somos mellores que os que vulneran a lei e porque o sistema que auspiciamos tamén o é.
Por iso Eduardo Zaplana debe ser desencarcerado por motivos humanitarios sexa cal for a súa participación na corrupción ou sexa cal for o seu ronsel de sobranzaría e prepotencia. Non é só por el, é por todos nós. A crueldade, a cegueira, a falta de apoio na ciencia, a prepotencia do quen puxa os cordeliños non engrandecen o Estado de Dereito senón que contribúen a denegrilo.
Elisa Beni