Rajoy

 

Promesa. O espírito de Jorge Fernández Díaz continúa vivo. Unha das súas obras magnas como ministro de Interior, a lei de seguranza cidadá, coñecida como ‘lei mordaza’, fixo cinco ano. Cando foi aprobada houbo unha onda de protestos da esquerda española porque a lei corta dereitos básicos como a liberdade de expresión ou de manifestación, dá ás forzas de seguranza do estado máis impunidade da que xa tiñan e permite as devolucións ‘en quente’ de migrantes. A lei substituía outra que non era en modo algún un prodixio de liberdades, a lei Corcuera, a do ‘pontapé na porta’, aprobada en 1992, mais a de Fernández Días ainda a ultrapasaba do punto de vista involutivo.

Durante o debate da lei no congreso español, o socialista Antonio Trevin advertiu que a lei convertía España nun estado policial, en tanto o coro do 15-M, coñecido co nome de ‘la Solfónica’, era desaloxado da tribuna de espectadores porque cantaba ‘Do you hear the people sing’ de Os Miserabeis. Non consta que ningún dos membros do coro sexa hoxe ministro, mais podería ter un cargo no goberno español de coalición que asinaron Pedro Sánchez e Pablo Iglesias no 12 de novembro de 2019 e que incluía promesas como a derrogación da lei. Unha promesa que xa estaba na lista de propostas de Sánchez para a moción de censura contra Mariano Rajoy o primeiro de xuño de 2018, que triunfou grazas aos votos da esquerda e o independentismo catalán, vasco e galego.

Mais a promesa, como tantas outras, sumiu. O goberno do PSOE e Podemos non derrogou a lei senón que a utilizou máis veces que o goberno de Rajoy durante os tres anos e medio que gobernou coa lei en vigor. Aplicouna, concretamente, un 42% máis, coa escusa do estado de alarma decretado durante a crise do coronavirus. Entre o 14 de marzo, dia en que foi decretado o estado de alarma, e o primeiro de xuño, que é o último día de que o Ministerio de Interior ten datos, propostas de multa houbo 1.089.197. O que significa un aumento do 42% en comparación coas 765.416 que foron impostas entre o 2015 e o 2018. As multas dispararon coa crise do coronavirus, mais iso non pode ser escusa porque Pedro Sánchez leva dous anos gobernando, dos cales un e medio en coalición con Podemos, a formación surxida do 15-M que organizou os protestos máis duros contra a lei.

A lei mordaza, sumada ao estado de alarma, abriu a porta a os corpos e forzas de seguranza do estado aumentaren as actuacións en Catalunya desprezando as competencias en seguranza cidadá que corresponden ao Mossos d’Esquadra, que son, en teoría, unha policía integral. Durante o estado de alarma a policía española e a Garda Civil impuxeron 4.405 multas, maioritariamente en Barcelona e Girona. Tamén fixeron 67 detencións. A maior parte das sancións, 141.382, foron impostas polos Mossos e as policías locais, mais o secuestro de competencias de Interior foi aproveitado claramente polos corpos estatais para recuperaren actuacións que non lles correspondían estatutariamente, co aval entusiástico do ministro do Interior español, Fernando Grande-Marlaska. Estas cifras demostran que o goberno español mente cando di que non secuestraron competencias durante o estado de alarma.

O estado de alarma foi levantado xa, mais a lei mordaza continúa en vigor, sen que nin o PSOE nin Podemos teñan feito un calendario para a derrogar, apesar de ser unha lei cuestionada polas organizacións internacionais dos dereitos humanos. Aproveitando o quinto aniversario, Amnistía Internacional presentou 142.000 asinaturas para demandar que sexa derrogada, mais Grande-Marlaska dixo en abril que o artigo que considera falta grave a desobediencia aos corpos e forzas de seguranza do estado non será tocado. O Tribunal Constitucional español tampouco parece ter presa en pronunciarse sobre un recurso presentado precisamente polo PSOE, cando estaba na oposición. Un tribunal que pode reunirse en vinte-e-catro horas para anular un referendo non encontra  o momento de manifestarse sobre unha lei que vulnera os dereitos humanos e as liberdades democráticas. Sen sorpresas.

Pere Martí – VilaWeb