Onte, xoves 14 de maio, a Fundación Galiza Sempre e Mar de Lumes organizaron un debate online sobre a posición do soberanismo ante a crise provocada pandemia do COVID-19. Participaron Mertxe Aizpurua (Bildu), Marta Rosique (ERC), Laura Borrás (JxCat), Albert Botran (CUP) e Néstor Rego (BNG).

 

A Fundación - Galiza Sempre

 

Un debate moi necesario xa que ante a radicalización centralista do nacionalismo español, é preciso explicar que a unidade española e o estado de alarma non son o “único camiño” (de feito, no meu entender, nin sequera son un camiño). Como ben se apuntou no debate o principal slogan da campaña gobernamental para afrontar a crise, “Este virus lo paramos unidos”, xa deixa ben ás claras ás intencións do poder. “O virus non entende de territorios”, dixo Pedro Sánchez para deixar sen competencias as comunidades autónomas. Como indicou Laura Borrás, o Estado das Autonomías máis avanzado de Europa (Madrid dixit), veu abaixo cun simples decreto lei. A lei redúcese agora ao 155 sanitario xestionado polo binomio PSOE-UE, que, para disimular o seu ardor españolista, enfeitan a criatura co marketing dunha co-gobernanza en que un manda e o resto obedece.

A xestión do Estado de Alarma decretado polo goberno de esquerdas alicerza (como ben apuntou Marta Rosique no debate) en tres bases: a centralización, a militarización e o autoritarismo.

A centralización non precisa de moita explicación. Usurparon competencias que a lexislación ordinaria non lles concedía e isto provocou de inmediato serios problemas de xestión. Paradoxalmente os mesmos usurpadores mostraron ben pouco valor no uso das competencias que si tiñan recoñecidas. Un exemplo: cando a Generalitat solicitou o fechamento de portos e aeroportos, non se atreveron a dar o paso e optaron por limitarse a fumigar as instalacións.

A militarización. Non só alagaron, sen ninguén saber para que, vilas e cidades de militares armados, tamén se brindou aos mandos do exército micrófono e cámara para faceren propaganda diaria das bondades do seu corpo (e eles non desaproveitaron a ocasión de facer o ridículo. Im Westen nichts Neues). Non menos preocupante é o papel desempeñado polos diferentes corpos policiais e a garda civil, que puideron comprobar como, cando cometen abusos -agresións físicas e verbais, ameazas indiscriminadas de multas (nesta altura xa están abertos practicamente un millón de expedientes sancionadores), detencións inxustificadas, espionaxe nas redes, etc.- estas agresións se integran agora na normalidade do estado de alarma. No entretanto o goberno -de esquerdas- non ve, non sabe, non contesta.

O autoritarismo, claramente reflectido no uso abusivo de decretos leis e do agora españolizado Aló Presidente con que cada semana Sánchez reduce os partidos que apoiaron a súa investidura e as comunidades autónomas a meros executores das súas decisións. Autoritarismo que tamén sofre a cidadanía -non toda, parte dela- que ve suspendidos dereitos básicos como o de manifestación. Que envexa nos deu ver a celebración do 1 de Maio en Lisboa mentres no estado español o TC impedía a celebración de manifestacións debidamente organizadas para impedir o risco de propagación do virus!

E que envexa nos dá agora ver veciños e veciñas do bairro de Salamanca de Madrid exercendo o seu dereito a manifestarse sen necesidade tan sequera de comunicar a súa decisión á Subdelegación do goberno!

Non quero esquecer a situación que lles toca vivir ás persoas presas nos cárceres españois. Impotentes ante as medidas tomadas por un goberno que fai orellas moucas as recomendacións dos organismos internacionais. Nun contexto de isolamento colectivo de proporcións insólitas, sen medios suficientes para comunicar coas familias, con falta de persoal sanitario e de información , cando parecía que o goberno decidira aliviar esta penosa situación pois anunciaba medidas máis flexíbeis pola remisión da pandemia, vemos que máis unha vez fomos vítimas de engano. Se as cousas xa estaban mal, en pouco ou nada melloran co anuncio de un goberno que fai recaer nas propias persoas penadas a responsabilidade de calquera contacto co exterior.

Fronte a esta deriva centralista e autoritaria, que parece preparar a nova normalidade anunciada por Orwell, as cinco persoas que participaron no debate aberto da Fundación Galiza Sempre e Mar de Lumes propoñen o camiño do soberanismo, da Europa das Nacións, da redución dos gastos militares, da devolución dos rescate bancario e da nacionalización das malvendidas compañías estratéxicas. Ante o temor a un novo surto pandémico e un novo surto centralista, alertan, está o camiño da soberanía das nacións. Un camiño de liberdade e xustiza a que os pobos non poden renunciar.