Entrevista por correo postal con Toni Chavero e José Ángel Martins Mendoza, dous dos presos que participan activamente na proposta de loita activa dentro das prisións -que comezou hai máis de dous anos-, e que o 10 de decembro iniciaron a terceira greve de fame para reivindicar que se respecten as leis e os dereitos humanos dentro dos centros prisionais. A acción, en que participan cerca de trinta persoas presas, pretende estenderse até a terza feira 25 de decembro en diferentes cárceres do estado español.

A atención mediática en relación ás prisións nas últimas semanas estivo moi centrada na greve dos funcionarios de prisión e na greve de fame dos presos políticos cataláns, mais pouco -ou nada- se falou da greve de fame que comezaron no 10 de decembro unhas trinta persoas presas sociais en diferentes centros prisionais do estado español -e xa é a terceira do ano- para visibilizar as súas reivindicacións, resumidas nunha tabela de doce puntos en que demandan apenas “que o estado español respecte as súas propias leis e os dereitos humanos dentro das prisións”. Para conseguir testemuños en primeira persoa, a Directa contactou por correo postal con dous dos presos que desde hai máis de dous anos participan nesta proposta de loita activa dentro das cadeas.

 

Unhas trinta persoas presas sociais en diferentes centros prisionais do estado español comezaron no 10 de decembro unha greve de fame -e xa é a terceira do ano- para visibilizar as súas reivindicacións, resumidas nunha tabela de doce puntos en que demandan apenas “que o estado español respecte as súas propias leis e os dereitos humanos dentro das prisions”

 

Toni Chavero (TC) é de Madrid, ten 47 anos e leva entrando e saindo de prisión desde 1996, sempre por condenas relacionadas con roubos e algunha tensión cos funcionarios de prisións. Entre unhas cousas e outras, hai máis de vinte anos que está preso, e ten prevista a saída no ano 2016. Segundo se define a si mesmo ‘fun politoxicómano até abrir os ollos e comezar a loitar’. Actualmente está en primeiro grao -o réxime fechado- no centro prisional de Albocàsser (Castelló II)

José Ángel Martins Mendoza (JM) -aliás Peque- é membro do colectivo anarquista de presos sociais Colapso e na súa actual condena leva privado de liberdade oito anos e medio -ainda que antes xa levaba ás costas máis de dezoito anos en prisión. Actualmente está privado de liberdade, en primeiro grao, na prisión de Puerto III (Cádiz). Defínese como antimilitarista, antisistema, antiautoritario. ‘Se tivese que definirme, diría que son libre pensador, porque só polo feito de dicir que es anarquista, xa estás cometendo un delito’.


Que sigifica para vós estar ‘en loita activa’?

TC: Para min estar en loita activa significa ter algún motivo polo que vivir aquí dentro, para non deixarme someter e vivir con dignidade. A miña decisión é cumprir estas condenas como creo que teño que cumprilas, sen someterme, sen pasar polos seus aros, e sendo libre de todos os xugos e cadeas. Loitar é a única maneira de vivir que entendo aquí dentro, se non sentiríame desprecíbel. E prefiro morrer a estar vexetando. Iso é o que significa para mim. Estou nesta posición desde 2015, cando despois dun agravamento da miña condena vin e sentin a necesidade de estar en loita. Tenteino apañando ideas de experiencias anteriores, como a Coordenadora de Presos en Loita (COPEL) e a Asociación de Presos en Réxime Especial (APRE), pasando por carta as nosas ideas e propostas aos colectivos de apoio na rúa, para abrir o debate e crear esta proposta de loita activa que continúa  viva hoxe. Antes de 2015 eu era asiduo escritor de críticas ao sistema, mais sen tanta intensidade.

JM: Para os compañeiros que estamos en loita activa significa loitar día a día para conseguirmos dereitos dignos dentro do cárcere, sentirnos vivos e realizados como persoas e non dicir que algo está ben cando sabes que está realmente mal, fechando os ollos e ollando para o outro lado. É a loita polos nosos dereitos e os dos nosos compañeiros e compañeiras, amizade, fraternidade e dignidade. E a miña posición para a defensa destes ideais comezou desde a miña entrada no cárcere en 1991, cando comecei a ler escritores como Proudhon, Bakunin ou Kropotkin.

 

Fotografia de Antonio Cascio (KrasnyiBCN)

 

Cales son as vosas esixencias desde dentro?

TC: As nosas esixencias, dacordo coa nosa tabela de reivindicacións, son en primeiro lugar -e a curto prazo- que cumpran coas súas propias leis e respecten os nosos dereitos como presos. En segundo lugar, e a longo prazo, conseguir a abolición das prisións pola súa inutilidade ‘resocializadora’. A cadea é un simples negocio, un negocio que agora florece.

JM: As nosas esixencias son os doce puntos da nosa tabela de reivindicacións. Non queremos privilexios, só os beneficios estipulados no Regulamento Penitenciario (RP) e a Lei Orgánica Xeral Penitenciaria (LOXP). Sen nos denegriren porque nos dan o trato que nos corresponde por lei, nun país democrático. Loitamos desde dentro porque practicamente todos os que estamos en loita activa levamos case toda a vida en prisión. No meu caso, desde que tiña 16 anos.

Desde o pasado mes de maio fixestes diferentes greves de fame e accións co obxectivo de visibilizar a vosa tabela reivindicativa. Que resultados teñen as greves e como se viven desde dentro?

TC: Os resultados das greves de fame que fomos facendo non son palpábeis, non é algo que se poda ver rapidamente. Se temos en conta que esta proposta de loita comezou a ‘cociñarse’ en 2015, e que se iniciou no 2016, non creo que ainda sexa o momento de avaliala en relación a outras loitas anticarcerarias. Se tivese que valorar estas greves de fame diría que axudaron moito á coordenación entre dentro e fora, e xeraron máis unión. O que máis valoro é a humanidade que se desenvolveu, tanto dentro como fora. Sobre os presos que se uniron, pola información que me chegou, diría que son unha vintena. Dunha populación reclusa de máis de 60.000 persoas, unha vintena pode parecer insignificante, mais creo que igualmente é moi positivo. En definitiva, preferimos que os poucos que sexan estexan conscienciados e loiten con seriedade. Agora mesmo estamos dispostos a seguir para adiante, reflectindo sobre como foi este 2018 e pensando qué teríamos de mudar para mellorar. Agora en decembro comezamos outra greve de fame, e en 2019 faremos as que foren necesarias. É preciso dialogar e reflectir entre nós como continuaremos. Creo que estamos avanzando moito.

JM: De momento, no meu parecer, pouco ou nada conseguimos coas greves de fame, xa que en loita activa apenas estamos entre 18 e 25 compañeiros e compañeiras. Se a nosa loita continúa como temos pensado, e se suman máis presos e presas, a cousa mudará bastante. O nerviosismo por parte de Institucións Penitenciarias cada vez se nota máis.

A nivel represivo, aféctavos o feito de serdes presos en loita activa e participardes en greves de fame?

TC: A nivel represivo temos moitos problemas. Eu son de Madrid e estou preso en Castelló. Transferíronme moitas veces, e nunca chego a estar máis dun ano na mesma cadea. Portanto, aféctame na dispersión, a intervención das comunicacións, o réxime de isolamento continuado en primeiro grao, as malleiras, as suxeicións mecánicas… Hai un menosprezo constante dos funcionarios cos presos en loita activa. O máis difícil é manterte psicoloxicamente forte para seguir para a frente, porque todo isto deixa sentir os seus efectos.

JM: A proba do seu nerviosismo é a represión que nos fan padecer: inspeccións diarias, intervención da correspondencia, cartas que se perden, dispersión, rotura de obxectos persoais, aplicación de isolamento por participar en xexúns e greves de fame, formas despectivas de falarnos e trato degradante constante. Cando comezamos esta proposta de loita só éramos catro ou cinco presos, e actualmente xa somos máis dunha vintena. Nestes momentos estamos a punto de comezar a última greve de fame do ano, para despois realizar unha asemblea interna e sabermos cantos continúan e cantos máis se suman á proposta de loita activa.

Que pediríades á xente que vos apoia desde fora?

TC: Fora para min é moi importante visibilizar os colectivos que estiveron connosco desde o comezo da proposta no 2015, como o colectivo Tokata en València ou o grupo Pro-Presxs de Madrid. Despois diso, tambén se sumaron outros colectivos de todo o estado, e creo que cada vez van sumándose máis apoios á nosa proposta. Creo que un dos factores determinantes para sumar apoios foron as greves de fame que comezamos en maio de  2018, e a visibilidade que nos deu o documentario da COPEL. Agora mesmo sabemos que están facendo accións de solidariedade coa nosa loita en diferentes cidades do estado español, e estamos moi agradecidos. Ás persoas que loitan contra as prisións desde fora diríalles que moitas grazas, que tenten manterse unidas e manteñan a constancia.

JM: A verdade é que fora temos compañeiros e compañeiras moi cualificados que dan todo por esta loita. Hai outros que teñen moita vontade de axudarnos, mais que por ignorancia andan un chisco perdidos. Por outro lado, estes grupos teñen medios escasos, así que fan o que poden. O que me agradaría pedir aos compañeiros antiautoritarios e anticarcerarios é moita difusión. Xa sexa mediante a publicación de fanzines, palestras, proxección de documentarios… Que toda a xente fique a saber o que foi a COPEL  e a APRE. Podemos avanzar moito antes de que nos esmaguen.

Credes que sería positiva e posíbel a coordenación entre toda a comunidade anticarceraria?

TC: Creo que é posíbel, si. E sería moi positiva a unión fora. Se mellora a coordenación poderíamos articularnos de forma máis fluída. Ora ben, a realidade e a experiencia indícanos que se temos en conta a forma de pensar de cada persoa e grupo, a coordenación non resulta moi fácil. Que todas as persoas dun grupo se poñan dacordo cunha maneira de actuar xa resulta difícil, así que coordenarnos todos nesta loita é moi complicado. Eu creo que sería posíbel establecendo unhas bases lóxicas dacordo co que se pretende conseguir a curto e longo termo. A partir daí, dialogar e sermos flexibeis os uns cos outros, xa que o fin da nosa loita é o mesmo. Todos imos nunha mesma dirección, mais por camiños diferentes. Por outra parte, iso é o que nos enriquece: a liberdade de pensamento e acción.

JM: Claro que creo que sería posíbel e positiva calquera forma de coordenación anticarceraria, con grupos como a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA), os sindicatos CGT e CNT, xornais, revistas, advogados… e como non, con grupos anarquistas. Hai pouco máis de dous anos xa se celebrou unha asemblea nacional con case todos estes grupos. Moitos dos que acudiron á asemblea dixeron que nos axudarían na loita anticarceraria, mais moitos deles, ao cabo de pouco tempo, parece que esqueceron o seu compromiso. Segundo o meu parecer, agora que novos grupos de apoio queren unirse á nosa loita, sería aconsellábel facer unha nova asemblea onde os que realmente queiran axudarnos o deixen claro. E os que unicamente ofrecen o seu apoio para ficar ben, que non fagan perder o tempo aos compañeiros e compañeiras da rúa, e menos a nós. Necesitamos diálogo e compromiso. Sei que aos compañeiros que loitan fora non lles resulta fácil, nin teñen moitos recursos para poder axudar, mais toda a xente ha de ser sincera e deixar claro até onde pode chegar.

Cal é a vosa opinión sobre os presos políticos? Credes que poderían unirse á vosa loita e reinvindicacións?

TC: A miña experiencia cos presos políticos de Resistencia Galega, GRAPO e ETA sempre foi moi positiva. Creo que son moi solidarios, que teñen moi claro o que queren e están moi unidos. A miña visión deles e elas é moi positiva, e a verdade é que aprendín moitas cousas boas. Hai dous anos ou máis que se lles comunicou a nosa proposta de loita, e ainda que están dacordo coas nosas reivindicacións, están máis centrados na súa loita que en implicarse con nós. Creo que se se unisen á nosa loita podería axudar a mellorar as condicións nos cárceres e a visibilidade das nosas accións sería máis ampla e contundente, porque teñen moito apoio por detrás e porque son persoas cunha convicción moral e un posicionamento indestrutíbel. Portanto creo que se se unisen será moi positivo.

JM: Sobre os presos políticos opino que só ollan para o seu propio cú e non lles interesan as nosas loitas a non ser que saiban que poden ser beneficiosas para eles e elas. E claro que poderían sumarse á nosa proposta de loita, xa que a prisión funciona en contra de todos. Alén de seren máis participantes na proposta, serían máis avogados, familiares e movementos implicados. Iso axudaría a facer que as nosas reivindicacións se ouvisen máis.

Cara onde vai a vosa loita? Como vedes o futuro da proposta de loita activa que estades levando a cabo?

TC: O obxectivo da nosa loita consiste, en parte, en xerarmos e recuperarmos o espírito e a solidariedade das anteriores loitas anticarcerarias, onde estaban moito máis unidos e, se batían nunha, tiñan que bater en todas. Mais tamén queremos obrigar, através das nosas accións, a que as institucións cumpran as súas leis teóricas e as poñan en práctica. A curto e medio prazo é o que queremos, que cumpran as súas leis e respecten os nosos dereitos. A longo prazo pretendemos destruir e abolir as prisións pola súa inutilidade e falsidade. Din que a súa función é reinserir, mais o único que fan é castigar. Din que recuperan as persoas para voltaren á sociedade, mais o único que fan é someter a súa vontade. O sistema carcerario só funciona como un negocio para o Estado. As cadeas non reinsertan, non resocializan. Son só escolas de delincuencia, encobertas por unha falsa aparencia de cara á sociedade.

JM: A nosa loita, basicamente, vai enderezada a sentirnos vivos esixindo os nosos dereitos e non sentirnos como seres inertes. Eu xa estou condenado a máis de vinte anos de prisión e, seguramente, por ter dignidade e non me deixar robotizar, morrerei no cárcere. Mais polo menos tentarei que as persoas que foren encarceradas no futuro non sexan tratadas como lixo, que é o que pasa agora mesmo nas cadeas. A curto prazo esiximos que se respecten os nosos dereitos e que as condenas podan ser pagadas en dignidade. A longo prazo, queremos a absoluta abolición do estado-negocio carcerario.

Vicent Almela | @La_Directa

Directa