“Non hai peor tiranía que a que se exerce á sombra das leis e ao abrigo do calor da xustiza”   Montesquieu

 

Las 200.000 víctimas de la Ley Mordaza | ctxt.es

 

Hai tres días completáronse seis anos da entrada en vigor das leis mordaza.

O 1 de xullo de 2015 comezou a aplicarse a reforma da Lei de Seguranza Cidadá -unha lei administrativa coñecida popularmente como a lei mordaza- e do Código Penal. Desta feita culminou o proxecto lexislativo que iniciara o PP tres anos antes, co fin de dispor de ferramentas represivas suficientes para acabar co ciclo de protestos e mobilización social que se iniciara en 2010: tres greves xerais en dous anos, o movemento 15-M, o movemento de vivenda, etcétera…

Ambas as leis -a Lei de Seguranza Cidadá e o Código Penal- son os instrumentos de que dispón calquera Executivo para impor a súa orde social. E nos anos que seguiron á reforma laboral e a explosión do 15-M, a orde que se buscaba era a de pór fin ao clima de conflitividade social que se respiraba. Non en balde, a delegada do Goberno en Madrid na altura, Cristina Cifuentes, afirmou que a Lei é “moi permisiva e ampla” co dereito de reunión e manifestación e que era necesario “modulala” para “racionalizar o uso do espazo público”. Un regreso, portanto, ao vello concepto da orde pública. Isto foi explicitado na Exposición de Motivos da nova Lei de Seguranza Cidadá, en que se fai unha referencia directa á Lei de Orde Pública de 1870, afirmando que a “instrumentalización do concepto orde pública non pode levar a o desvaloralizarmos”.

Seguindo a máxima de Goethe, quen dixo “prefiro a inxustiza á desorde”, a orde pública pasou a consagrarse como o valor supremo do noso ordenamento xurídico. Por diante mesmo de dereitos constitucionais como o de reunión e manifestación, ou a liberdade de expresión.

As leis mordaza e o protesto social

Desta feita, foi aprobado un paquete de medidas destinadas a desincentivar o protesto social. Por exemplo, a reforma do Código Penal agravou as penas por desordes públicas cometidas no seo dunha manifestación. Tamén fixo o mesmo coas condenas vinculadas a algúns delitos de expresión.

Por súa vez, a Lei de Seguranza Cidadá introduciu quince novas condutas sancionabeis directamente vinculadas ao exercicio do dereito de manifestación, como a prohibición expresa dos escraches, de parar despexos, acampar na vía pública, manifestarse frente a un Parlamento, etc.

Dixo por entón Lorena Ruiz-Huerta que “a maioría destas novas infraccións están feitas ad nominem, quer dicir teñen destinatarios moi claros dentro dos movementos sociais. Por exemplo, achamos que obstruir a autoridade na execución das súas decisións administrativas ou xudiciais convértese nunha unha infracción grave, castigada cunha multa de até 30.000 euros. Isto vai dirixido claramente á Plataforma de Afectados pola Hipoteca. Outro caso é o punto de desobediencia ou resistencia á autoridade na negativa a identificarse: isto vai dirixido á campaña de desobediencia do DNI. Temos outro caso: a ocupación de calquera predio ou a ocupación da vía pública, quer dicir a sanción do 15M. Tamén se introduce unha sanción para aqueles que escalen edificios ou monumentos ou se lancen desde eles. Cada movemento social ten a súa”.

Trátase, en definitiva, dunha ferramenta idónea para desincentivar diferentes loitas e manter o status quo a base de buro-represión evidenciando, como dirían Marx e Engels, que “o Dereito é a vontade da clase dominante erixida en lei”.

Outros aspectos da lei mordaza: protección da autoridade, criminalización da pobreza e persecución das minorías sociais

Mais, alén de como afectou esta norma aos movementos sociais, non debemos esquecer que se trata dunha lei que afecta aspectos da nosa vida cotiá. Por exemplo, regula en que supostos pode a policía identificarnos e revistarnos na vía pública. Tamén se trata dunha lei que blinda e hiperprotexe o principio de autoridade, sendo posíbel impor importantes multas por desobedecer a funcionario de policía ou por lle faltar ao respecto.

Mais o seu alcance non se detén aí. A lei mordaza criminaliza a pobreza e a pertenza a colectivos sociais marxinalizados. En primeiro lugar, porque a súa reforma aumentou o montante das multas a impor, aprofundando a fenda entre quen, con maior ou menor dificultade, pode facer frente a unha sanción, e quen non. Tamén penaliza determinadas condutas, como a aceptación de servizos sexuais perto de escolas ou interrompendo a seguranza viaria -favorecendo, portanto, o exercicio da prostitución en clubes de encontros-. En segundo lugar, a lei mordaza castiga severamente o consumo de drogas, o botellón, o cultivo de estupefacientes e as actividades relacionadas. Noutras palabras, lonxe de abordar o problema das drogas e outros problemas sociais através da intervención social preténdese acabar con el mediante sancións.

Por último, non podemos esquecer que a Lei de Seguranza Cidadá legalizou as devolucións en quente na fronteira sur -que eran un costume policial antes da súa entrada en vigor-, privando quen entra no país por Ceuta e Melilla da posibilidade de acceder á protección internacional dos requerentes de asilo e a un procedemento de expulsión con todas as garantías.

O aval do Tribunal Constitucional

No ano pasado, máis de cinco anos despois da entrada en vigor da lei mordaza, o Tribunal Constitucional pronunciouse por fin acerca da constitucionalidade desta norma. A verdade é que non esperaba moito do Constitucional, mais a noticia caeume como un golpe seco -pensei que, talvez, acabarían coas devolucións en quente-, pois este deu o seu aval á práctica totalidade da reforma: finalmente outorgou a súa aprobación aos rexeitamentos de inmigrantes na fronteira (como fixera o TEDH anteriormente), ás sancións por infracción grave de protestos frente ás Cámaras lexislativas, así como aos “revistas corporais externas” ou ‘cacheos’ que supoñen nudez total.

Só non deu apoio entusiasta ao artigo que regulaba as gravacións “non autorizadas” ás forzas e corpos de seguranza do Estado. Que dicir, estimou a inconstitucionalidade do inciso “non autorizado”, asegurando que a policía non é quen para dicir se podemos gravala no exercicio das súas funcións.

Multas por desobediencia e faltas de respecto á autoridade

Os efectos destas leis non tardaron en facerse notar desde a súa entrada en vigor o 1 de xullo de 2015. Por exemplo, durante o seu primeiros tres anos, diferentes policías do Estado multaron 48 persoas ao día por “faltas de respecto e/ou consideración á autoridade”. E no ano seguinte esta cifra aumentou a 80 multas diarias. Por outras palabras, púxose unha multa cada 18 minutos por non respectar as autoridades. Sanción que non ten que ser confirmada por ningunha autoridade xudicial, senón que é imposta directamente pola Delegación de Goberno. É o propio afectado o que, se quere xudicializar o seu expediente, ten que interpor un recurso contencioso-administrativo.

Pablo Romero citou un exemplo recente neste mesmo medio (Público) sobre o tipo de actuacións susceptibeis de seren sancionadas: o caso dun home de 69 anos que resultou multado en València por rir dunha foto en que aparecía unha bicicleta da Policía local en que se podía ler “Policía loca “, ao faltar unha letra no adhesivo. E Alejandro Torrús, hai tres anos, recolleu outros casos igual de estrambólicos, como a multa dirixida a un cidadán por dirixirse en catalán a un axente; ou a doutros dous cidadáns que foron multados por ter premido en ‘gústame’ nun vídeo no Facebook e por tirar fotografías a un vehículo de Policía que estaba mal estacionado.

Mais calquera record que puidese existir de cifras de utilización da Lei Mordaza antes do ano 2020 ficou feito pó durante o primeiro estado de alarma. A policía pasou a propor para sanción por desobediencia 20.000 persoas ao día nos meses de marzo e abril do ano pasado. En apenas mes e medio, máis dun millón de persoas foron propostas para sanción (aínda que finalmente só acabaron sendo tramitadas unhas 7.000 multas). Máis dun 2% da poboación española coñeceu de primeira man a aplicación da Lei de Seguranza Cidadá nese período de tempo. Por contextualizar cos datos públicos existentes, entre o 1 de xullo de 2015 e o 31 de decembro de 2019 foron postas en total case o mesmo número de multas (1.009.729) cun montante global de 563,3 millóns de euros, se se tramitasen todos os expedientes sancionadores.

A ansiada derrogación da lei mordaza

Por todas as razóns explicadas anteriormente, amplos sectores sociais, especialmente da esquerda, baptizaron esta reforma como lei mordaza antes mesmo de a maioría absoluta do PP a aprobar e reclamaron a súa derrogación. E os partidos que actualmente conforman o Goberno central fixeron súas estas reivindicacións e incorporáronas ao seu programa electoral.

Despois da aprobación do programa de goberno de coalición de Unidas Podemos e o PSOE en decembro de 2019, varios medios recolleron que, por fin, sería derrogada a lei mordaza. Contodo, lendo o punto 5.6 do programa pode apreciarse que unicamente se acordou suavizar algúns dos seus aspectos, mais non acabar coa norma. Concretamente, consta que se reformará a lei existente, con vistas a que a nova lexislación estea “baseada nunha concepción progresista da seguranza cidadá e priorizará a garantía de dereitos e a protección da cidadanía, e en particular regulará, entre outros, o Dereito de reunión, a identificación e revista corporal, a identificación dos axentes, e a derrogación do artigo 315.3 do Código Penal”, que é o artigo relativo á agravación das penas por un delito de coaccións cando os feitos son cometidos nun piquete durante unha greve.

É normal que ningún goberno queira derrogar por completo unha norma deste tipo. Afinal de contas, como dicía no inicio deste texto, a Lei de Seguranza Cidadá é a ferramenta coa que conta calquera Executivo para impor a orde.

Está por ver que proposta de reforma se publica finalmente, mais temo seriamente que se esta se limite a cominar as forzas e corpos de seguranza do estado a actuaren dunha forma máis proporcional e outros xestos inuteis similares. Sen recortar o seu poder sancionador, poderemos continuar tropezando con situacións arbitrarias en que, desde a subxectividade dos axentes, sexan sancionados comportamentos cunha profunda afectación á liberdade de expresión ou ao dereito de reunión.

Completados seis anos e dous días desde a entrada en vigor da lei mordaza, topei no bairro de Lavapiés cun control policial. Catro axentes uniformados e dous á paisana estaban identificando tres mozos negros. Descoñezo o motivo da intervención policial. Ignoro se os axentes actuaron en conformidade co disposto no artigo 16 da Lei de Seguranza Cidadá, que establece que poderán ser identificadas persoas na vía pública cando existan indicios de que puideron participar na comisión dunha infracción ou cando se considere razoabelmente necesario que acrediten a súa identidade para prevenir a comisión dun delito. Quero pensar que todo se fixo con escrupuloso respecto á lei. Mais o certo é que, se os axentes non obraron en conformidade co legalmente establecido, non temos ningún medio de facer un contrapeso á súa versión dos feitos: e é que a súa palabra nun procedemento administrativo goza de presunción de veracidade. E este é, en definitiva, o principal problema da lei mordaza: a autoridade está desproporcionadamente blindada, en detrimento da presunción de inocencia do administrado. Abonda con que a policía declare que unha persoa actuaba dunha forma “sospeitosa” para a súa intervención se dar por boa. Abonda con que a policía diga que unha persoa actuaba de forma “irrespectosa” para lle impor unha sanción. Os axentes da autoridade, en resumo, convértense en xuíz e parte.

Non creo que se aprobe unha reforma o suficientemente profunda como para acabar con estas dinámicas. Mais é posíbel que si sexa introducida algunha mellora. Quero pensar que, como mínimo, se atenuarán as restricións ás manifestacións pacíficas non comunicadas previamente, se matizarán os supostos en que a policía pode proceder á identificación e inspección corporal dunha persoa e se rebaixarán os montantes das multas. Teño menos esperanzas en que se poña punto e final ás devolucións en quente en Ceuta e Melilla e a hiperprotección á autoridade. Mais, en calquera caso, a espera está a facerse insoportábel.

Daniel Amelang López

Público