“As contradicións dos axentes foron tan evidentes e manifestas que non cabe outra posibilidade que a absolución”, explicaba o avogado Erlantz Ibarrondo despois do último xulgamento ao xornalista Jorge Correa, Boro, no mes pasado. Os feitos polos que se chegaran a pedir 6 anos de cadea para Boro están relatados nesta conversa [aquí] e, despois de o Xulgado nº6 do Penal de Madrid ditar sentenza absolutoria, Boro compartiu con adiante.gal estas reflexións [aquí].

 

 

Resultado de imaxes para caso boro

 

O Colectivo Editorial de La Haine, medio para o que traballa Boro, explicou nun editorial como a sentenza sinala que o testemuño dun policía non é “proba plena e obxectiva de cargo”. O xuíz subliña ademais que o testemuño dos policías ten o mesmo valor que calquera outro.

A seguir reproducimos a valoración do Colectivo Editorial de La Haine.

 

Valoración do Colectivo Editorial da Haine da importante sentenza absolutoria do proceso contra o noso compañeiro Boro LH

 

Como diciamos hai uns días, a importante sentenza do caso contra o xornalista do noso medio, Boro LH, é toda unha vitoria. O xuízo celebrouse ademais nun momento en que os ataques á liberdade de expresión, de información , de manifestación e en definitiva, o retroceso dos dereitos e liberdades é a tónica xeral no Estado español, cunha xustiza que de vez en cando antepón eses dereitos e liberdades á palabra da Policía. Polo cal esta vitoria ten dobre mérito.

Os feitos do acontecido aquela tarde en Madrid xa son dabondo coñecidos e foron amplamente divulgados durante estes máis de 4 anos e medio: unha manifestación abortada pola Policía Nacional, seguimento e agresións tanto a manifestantes como a prensa, o noso compañeiro achégase para informar dunha destas situacións de ataque a un grupo de xornalistas e nese momento encáranse coa súa compañeira, Boro simplesmente vira e achégase a ela e é empurrado por un dos policías, outro sae correndo cara a el, Boro corre e é derrubado, comezan a esganalo e case o deixan sen respiración, entretanto o resto de xornalistas recibe unha brutal malleira ao tratar de documentar a agresión e a detención do compañeiro, Boro é novamente agredido cunha puñada no ollo e finalmente é levado ao furgón policial entre berros de ‘son xornalista, isto é unha detención ilegal!’. Isto pasa nun contexto moi concreto, os días despois das Marchas da Dignidade en Madrid, e nun clima de ameazas e acoso constante á prensa máis crítica.

Como é sabido, o compañeiro foi en principio acusado de atentado á autoridade e lesións, polo que lle pedían 6 anos de prisión e 6.200 euros en concepto de indemnización a 2 axentes. Como na maioría das montaxes policiais, os axentes baseaban a súa acusación só no seu relato dos feitos. Tamén é importante sinalar que o acontecido foi gravado por varias cámaras desde diferentes ángulos.

Pois ben, aínda que en moitos casos vemos que a palabra da policía é suficiente para condenar a anos de prisión moitas persoas, a sentenza crea un importante precedente cando admite que: ‘en relación ao valor das declaracións testemuñais dun axente da policía, singularmente naqueles supostos en que tal axente estiver involucrado nos feitos, ben como vítima -por exemplo, atentado, resistencia, desobediencia…- ben como suxeito activo -detención ilegal, torturas, contra a integridade moral…-non resulta aceptábel en liña de principio que as manifestacións persoais do policía teñan que constituír proba plena e obxectiva de cargo destrutora da presunción de inocencia por si mesma, tendo en conta a calidade, por razón da súa condición de axente da autoridade das mesmas, e non pode ser así porque calquera sobre-estimación do valor procesual das declaracións policiais levaría consigo de modo inevitábel a defraudación da presunción de inocencia dos suxeitos afectados por elas. De maneira que as achegas probatorias dos axentes da autoridade non deberán merecer máis valoración que a que obxectivamente derive, non do a priori da condición funcionarial destes, senón da consistencia lóxica das correspondentes afirmacións e da forza de convicción que das mesmas decorra no cadro da confrontación dos restantes materiais probatorios achegados ao xuízo. O testemuño dos axentes, portanto, ha de ser analisado e valorado como o de calquera outra testemuña, e, portanto, como establece o Tribunal Supremo, será fiábel e credibel na medida en que for firme, coherente, contundente, sereno, imparcial, coincidente co doutras testemuñas e achar apoio noutros datos obxectivos que apareceren na causa.’

De maneira que a sentenza crea un importante precedente ao non dar valor probatorio á simples palabra dos axentes da Policía. Mais, alén diso, a sentenza tamén critica as grandes contradicións no relato dos axentes e alude a elas en varias partes do texto: ‘apréciase falta de precisións e contundencia e mesmo contradicións non permitindo que os seus testemuños sexan corroborados entre si (…). No testemuño vertido polos dous axentes e exposto con anterioridade non se aprecia uniformidade.(…) As imprecisións, a falta de uniformidade entre os dous testemuños dos axentes e mesmo as contradicións relatadas en que incorren levan a que o testemuño dos axentes non sexa suficiente para desvirtuar a presunción de inocencia que ampara o acusado, requiríndose unha maior corroboración dos seus testemuños.’

 

Resultado de imaxes para caso boro

 

 

Ademais, a sentenza tamén valora a petición da defensa de Boro LH de deducir testemuño contra os axentes por se incorresen en sede xudicial nun falso testemuño. O fallo recoñece que ‘os axentes 99.190 e 98.373 non foron precisos, nin uniformes entre si, e mesmo foron contraditorios nalgunhas das súas manifestacións’, aínda que conclúe que ‘se requer a obxectiva falta de verdade na declaración e para iso requiríase da disponibilidade de medios de proba que acreditasen a certeza de feitos incompatibeis coa mesma, sendo tamén carga do acusado a proba dos feitos impeditivos e/ou obstativos’ mais deixa a porta aberta a que poidan ser iniciadas accións penais contra os axentes de policía por incorreren en falso testemuño: ‘(…) leva a que o presente xulgador opte por non deducir testemuño sen prexuízo de que a parte poida realizar as accións penais que estimar oportunas’.

En definitiva, estamos ante unha importante sentenza, froito do documentado traballo da defensa, as abundantes probas gráficas, os importantes testemuños das testemuñas e das graves contradicións do relato da Policía. Unha historia que non se sostiña, e menos aínda observando os distintos vídeos, onde todo fica moi claro.

Apesar desta grande vitoria, non esquecemos os máis de 4 anos e medio que o compañeiro sufriu o que se deu en chamar unha ‘pena de banco’, tendo a súa vida condicionada ante a esaxerada petición fiscal, e tendo que cubrir todos os gastos derivados da súa defensa xurídica, viaxes, etc.. afortunadamente, temos de agradecer todas as persoas e colectivos que colaboraron economicamente para poder pagar esas despesas, a solidariedade económica recibida polo compañeiro foi de grande axuda para facer fronte a este atropelo.

Tampouco esquecemos que froito desta detención, Boro LH pasou a engrosar as listas negras que manexan as Brigadas de Información dos diferentes corpos policiais, sendo obxecto de dúas detencións máis: unha por realizar o seu traballo, outravolta para lahaine.org, cubrindo unha acción en Iruñea (caso finalmente arquivado), e outra por utilizar o seu dereito á liberdade de expresión na rede social Facebook (Operación Araña), e pola cal a Audiencia Nacional lle impuxo unha condena de ano e medio de prisión, condena que actualmente está recorrida perante o Tribunal Supremo.

En La Haine sempre estivemos convencidos de que a inclusión de Boro LH na Operación Araña non foi por acaso, senón que responde o clima de persecución e de ataques á liberdade ideolóxica que vivimos no Estado español, e máis concretamente a un intento de castigar o traballo do compañeiro así como o noso propio labor como medio de comunicación. Artigos como este do xornal ABC veñen confirmarnos este extremo, así como as estreitas relacións entre os gabinetes de prensa de Policía e Garda Civil con algúns medios de comunicación, que copian e colan o que lles ditan as forzas represivas. As mentiras e o afán asinalador e criminalizador daquela noticia, confírmanos que Boro LH se converteu en obxectivo da Operación Araña no preciso momento en que foi identificado en Madrid como membro de La Haine, e que os corpos policiais abriron o camiño para esoutra detención.

A noticia apuntaba no seu día a que ‘a Garda Civil traballa sen tregua para desmascarar varios internautas, empeñados en utilizar as redes sociais para enalteceren o terrorismo e mofarense do sufrimento das vítimas, que aínda non puideron ser identificados polas medidas de seguranza adoptadas’ e citaba, entre outros perfís, o de Boro LH. Se o xornalista fixese o seu traballo comprobaría que no caso do noso compañeiro era totalmente falso ese extremo das ‘medidas de seguranza adoptadas’, xa que o seu perfil era público, e ademais estaba claro que correspondía á persoa que foi detida aquel 29 de Marzo en Madrid, xa que había distintas publicacións falando destes feitos en primeira persoa. Mais como sabemos, son os mesmos corpos represivos quen se encarga de dar aos medios afíns obxectivos para sinalar, para posteriormente eles actuaren e realizaren as detencións.

En conclusión, desde La Haine queremos congratularnos por esta grande vitoria, queremos dar un especial agradecemento ao avogado da defensa, Erlantz Ibarrondo, e a todas as persoas que nos apoiaron e acompañaron durante estes anos de denuncia desta descarada montaxe policial.

Tamén facemos un chamado a reforzarmos os medios de comunicación populares, porque estes ataques deixan claro que son unha ferramenta que fai dano ao réxime e son os que dan voz aos sen voz. Neste sentido expresamos a nosa solidariedade e apoio incondicional a todxs os informadores críticos perseguidos hoxe en día: Alex García (Resistencia Films), Verónica Landa (Ahotsa.info), Clemente Bernard, Carolina Martínez, Jordi Borrás… e tantos outros que estamos no punto de mira por informarmos criticamente.

Longa vida á Desobediencia Informativa. Longa vida á Haine.

Colectivo Editorial de La Haine

Adiante.gal