Mañá (19 de outubro) comeza na Audiencia Nacional un dos rodeos aos que o Reino de España nos acostuma: desta volta axuizamento de 12 cidadás galegas a 600 quilómetros dos seus fogares, no que un Tribunal herdeiro no fondo, pero tamén na forma, do franquista Tribunal de Orde Pública (T.O.P) determinará se os actos de arroupo a quen tivo o infortunio de caer na tupida arañeira da lexislación penal e penitenciaria antiterrorista son, de seu, nada menos, que auténticos actos de subversión terrorista.

 

Militantes de Causa Galiza y Ceivar rechazan la acusación ...

 

Como calquera macrocausa que se prece adobíase cunha petición extravagante do Ministerio Fiscal, organizada para convidar ao achandamento e á submisión. No seu conxunto, a reclámaselles unha condena a 102 anos de prisión, ao pagamento decentos de milleiros de euros en concepto multas, a privación de emprego ou cargo público e, entre outras excentricidades, entre 34 e 42 anos de inhabilitación para o sufraxio pasivo (prohibición de seren electas) a cada unha das acusadas.

Unha das características funcións político-estratéxicas da lexislación antiterrorista é a exclusión das persoas condenadas do foro público, do espazo social de participación política e especialmente a súa proscrición electoral. O chamado combate xudicial antiterrorista non se emprega xa só en erradicar a vía armada ou violenta de acceso a determinados fins políticos, senón que na súa axenda gañou centralidade extirpar determinados programas políticos do “mercado electoral”. Só unha mostra: Arnaldo Otegi Mondragón.

Cando Mira Benavent analisa as penas principais de inhabilitación para o sufraxio pasivo das que falamos asociadas a delitos como o de enaltecemento do terrorismo, conclúe que desta maneira se trataría de “evitar a todo custo que se poidan alcanzar os fins políticos que perseguen as organizacións terroristas, os seus entornos ou […] grupos ou persoas que simplemente simpatizan, mostran nostalxia […] ou fan humor negro coas vítimas do terrorismo”. Esas penas, sempre asociadas aos delitos de “terrorismo” pasan inadvertidas decote na comunicación social das condenas e, curiosamente, non forman parte estrutural dos tipos penais que perseguen o crime organizado.

Os órganos xudiciais especializados no antiterrorismo recíclanse para axuizar masivamente delitos de opinión, perseguindo baixo a fórmula enaltecemento do terrorismo o amortallamento do “inimigo” político.
O discurso e o aparato policial e xudicial anti-terrorista do Estado Español, inicialmente organizado para combater a ETA, veu ser oportunamente reutilizado para a persecución dos independentismos periféricos, que son na data de hoxe a proscrita expresión de disidencia á democracia orgánica formulada en 1978. Xa sexa para lexitimar a oposición a unha saída negociada ao esgotamento da vía autonomista nos Paísos Catalás ou ben para conseguir condenas exemplarizantes no caso galego. Desta maneira as resolucións xudiciais foron perdendo progresivamente a mínima conexión co principio de tipicidade e proporcionalidade. Nos casos galego e catalá a “outra vida” deses dispositivos resulta útil e oportuna para o proxecto estatal de mostra músculo fronte ao “inimigo”, tocado pola máxica variña lexitimadora da Administración de Xustiza.

Pola contra, para quen teña certo ánimo crítico só habería que contrastar elementos obxectivos. Dunha banda as sucesivas sentenzas sobre os delitos asociados directa ou indirectamente á “Resistencia Galega”, caricaturizados como idóneos para a produción do terror na poboación da Comunidade Autónoma Galega (!). Son moitas as voces que estudando a intervención penal contra o independentismo galego dende a socioloxía, a politoloxía ou o mundo xurídico defenden a evidencia científica (e o sentido común) de que tal amortallamento en base ao pánico da sociedade galega non existe ou existiu. Se ese estado de terror non existe, non debera existir tampouco a posibilidade de condenar a cidadás galegas en virtude dos tipos penais “antiterroristas”, pensados para situacións de “guerra interna”. Esta incongruencia interésalle ben pouco ao Reino de España, apurado en salvar os mobles da súa campaña política contra a disidencia.

O propio Maxistrado da Audiencia Nacional Sáez Valcárcel emitiu en 2014 un voto particular no que defende esta tese, asegurando que “estos rasgos [de Resistencia Galega] no se compadecen con los de una organización terrorista”. Neste voto particular móstrase moi crítico coa tendencia da Audiencia Nacional a facer descansar os seus razoamentos nos informes das seccións de intelixencia das Forzas e Corpos de Seguridade e do CNI. Malia o acedo deste posicionamento, dítase sentenza condenatoria contra varios cidadás, escrita por Fernando Grande-Marlaska Gómez, o actual Ministro de Xustiza do “Goberno Máis Progresista do Mundo”. Outra mostra da independencia e imparcialidade do Poder Xudicial.

Para contraste outra sentenza; a do Tribunal Supremo de 18 de marzo de 1991. Nesta resolución adúcese falta de probas para establecer unha conexión directa entre os GAL e os seus membros procesados na altura, e isto impediría considerar as súas actividades como delitos de terrorismo. Esta afirmación da Sala realízase logo de que nas súas propias declaracións os procesados recoñeceran pertencer aos paramilitares Grupos de Liberación Antiterrorista. Curiosamente neste caso o Poder Xudicial tamén acusou serias dificultades para considerar probada a incrustación dos GAL na estrutura policial e política do Reino de España, a pesares da natureza e os cargos das persoas condenadas.

Fronte á costume o xuízo que mañá comeza e que se estenderá como mínimo por tres xornadas ten unha pecularidade. Non se trata dun axuizamento por actos violentos senón dun “xuízo á solidariedade”, ou un “xuízo á participación política”. Axuizar como se axuíza a doce procesadas en función das opinións expresadas ou da súa adherencia a un programa independentista supón adiantar de maneira abrupta a barreira da persecución penal.

Se permitimos que pechen esta circunferencia ficaremostodas atrapadas. E silenciadas. Sen posibilidade de reaccionar mentres se nos impón un único modelo político viable, o da corrupta e esgotada monarquía parlamentaria do Reino de España, capital Abu Dabi.
Nos últimos anos o delito de enaltecemento do terrorismo, como puro delito de opinión, está a ser o protagonista de todas as condenas mediáticas da Audiencia Nacional, chegando a multiplicarse por catro entre 2011 e 2018 o número de condenas con respecto aos anos anteriores, cando curiosamente ETA depuxera as armas no comezo da década. O que é polo de hoxe pode considerarse que todas as organizacións armadas significativas que actuaron nas fronteiras do Reino de España abandonaron a súa actividade. Que sentido xurídico (alén do represivo) tería pois tal indicador de procesamentos por actos loatorios ou enaltecedores? Obvio: ningún. O Poder Xudicial español chegou ao cumio da extravagancia chegando a afirmar na “sentenza Strawberry”, revogada logo polo Constitucional, que “una mal entendida nostalgia por la actividad terrorista de los GRAPO” debe ser perseguida como delito.

Co delito de enaltecemento do terrorismo complétase o círculo da persecución penal do “inimigo” político independentista. Calquera mostra de solidariedade ou arroupo a penadas e penados (e ás súas familias) que coa escusa da loita antiterrorista se viron sometidas a condenas extremas, isolamentos internacionalmente cuestionados, rigores penitenciarios abusivos, dispersións penitenciarias insostíbeis e mesmo chegaron a denunciar torturas (nunca imparcial e rigorosamente investigadas) parece querer interpretarse xudicialmente como un chamado indirecto á acción violenta e armada. Esta tese expansiva e absurda da “policía xudicial antiterrorista” podería chegar a penalizar perspectivas que, como a que neste artigo se defenden, son nidiamente críticas coas propias sentenzas condenatorias e a actuación das Administracións de Xustiza e Penitenciaria.

Se permitimos que pechen esta circunferencia ficaremos todos e todas atrapadas. E aínda peor, silenciadas. Sen posibilidade de reaccionar mentres se nos impón un único modelo político viable, o da corrupta e esgotada monarquía parlamentaria do Reino de España, capital Abu Dabi. Pero esta vez xa non pola vía militar, senón pola vía xudicial. Sacrosanta e incuestionábel.

Brais González Pérez

El Salto Diario