Rabia ao silencio, o novo disco de María Xosé Silvar, Ses (A Coruña, 1982), está a levar a música a redaccións, platós e estudios de radio de toda Galiza. Tamén estivo presente na TVG, a onde acudiu cunha camisola de #DefendeAGalega. Segundo puido coñecer Sermos Galiza, a coordinación de Cultura da CRTVG transmitiu a anulación das conversas que tiña acordadas a artista nos medios públicos.

Acordou coa CRTVG unha serie de entrevistas pola saída de Rabia ao silencio, o seu novo disco. Porén, ao pouco de ser emitida unha das conversas na TVG anuláronlle o resto de citas que tiñan concertadas. Foi así?

Si, fun facer unha entrevista ao programa Zigzag Diario, dentro dunha serie de entrevistas que tiñamos para facer promoción do novo espectáculo e ao día seguinte da miña aparición na TVG, a miña axencia recibiu unha chamada en que lles comunicaban a cancelación da miña participación no programa A Revista.

“As mellores xornalistas que temos neste país, como Tati Moyano, Marga Pazos, Lorena Pose ou Ana Pérez, foron represaliadas pola súa loita contra a manipulación”

Cre que a anulación responde ao feito de que vostede levase unha camisola negra coa lenda #DefendeAGalega nesa primeira entrevista?

Resulta desgrazadamente evidente. Despois de que as mellores xornalistas que temos neste país, como Tati Moyano, Marga Pazos, Lorena Pose ou Ana Pérez, fosen represaliadas pola súa loita contra a manipulación, está claro que a máis mínima mostra de apoio á liberdade de expresión, vai ser castigada.

Que lle parece que a TVG lle prohiba ao persoal, aínda que non saia en pantalla, levar camisolas contra a censura ou contra a manipulación?

Paréceme que dá boa conta do poder que teñen e do inmensamente enganados que teñen os seus votantes.

Que papel deberían cumprir os medios públicos coa cultura?

Limitarse a informar e a espallar toda a variedade que existe. A promover e promocionar dun xeito imparcial. Iso é o que se supón que era o xornalismo.

“A min hai algunha que me tiña ben enganada, porque xogan a estar na misa e repicando”

Como ve a situación denunciada por profesionais dos medios públicos?

Moi negra, nunca mellor dito. Pero non só polo poder, aí hai moito cómplice e moito infiltrado sen o cal non sería posíbel esta situación. E non sabes até que punto son lobos con pel de cordeiro. A min hai algunha que me tiña ben enganada, porque xogan a estar na misa e repicando. Pero, polo que a min respecta, as caretas caeron ao chan e cada quen ha ser tratado e tratada como se merece.

Sermos Galiza