En Marzo de 1984, a policía española executaba unha operación en Pasaia que culminaba coa morte, cribadas de balas, de catro persoas pretendidamente vinculadas aos Comandos Autónomos Anticapitalistas. A coñecida como “emboscada de Pasaia” sementou dúbidas xa naquela altura na sociedade pois todo parecía apuntar a que, sabendo a policía da chegada dos membros dos C.A.A. a Pasaia, ben puderon detelos e non “abatilos”- Perante o que semellaba unha clara execución extraxudicial, millares de persoas saíron á rúa en protesta por estes feitos en Euskal-Herría e a esquerda critica do Reino de España amosou a súa protesta por estes métodos policiais no que quería ser un Estado de Dereito .

En marzo de 1988, as forzas especiais británicas abatían varios militantes do IRA en Xibraltar, previa información da policía española. Os irlandeses foron cribados de balas, con numerosos impactos en zonas vitais do corpo. Houbo unha vista perante a xustiza xibraltareña para revisar a actuación policial que, outra volta, parecía indicar unha decisión previa político-policial de “abater” os militantes do IRA obviando o “engorroso” proceso xudicial que caracteriza a declaración de responsabilidade e a imposición de penas nun estado democrático. Naquela altura a esquerda crítica e internacionalista de todo o Reino de España e as asociacións de defensa de dereitos civís amosaron o seu rexeitamento a estes métodos policiais que, a todas luces, amparaban unha execución extraxudicial.

En agosto de 2017, nunha intervención policial que todos coñecemos polo miúdo en varios escenarios de Catalunya, a policía autonómica daba morte a seis presumíbeis integrantes da célula jihadista. Cinco deles en Cambrils: a información revela que catro foron “abatidos” (segundo o eufemismo en voga) nun primeiro momento, sen portaren armas de fogo e, dado que varios coitelos foron aprehendidos no vehículo, é case seguro que algún ou algúns deles ían desarmados. O quinto de Cambrils non portaba armas (nin coitelo, nin machado….) mais tamén foi morto por disparos da forza policial.

O sexto foi morto a balazos varios dias despois tentando escapar por unha viña. Non levaba armas. Non había terceiras persoas en risco nas cercanías nin, obviamente, risco para os policías actuantes dado que , como fica dito, non portaba armas.

Varios deles eran menores de idade. Para o que redacta estas liñas, esta última cuestión non é baladí aínda que si semella ser absolutamente indiferente para a maior parte da opinión publicada ou emitida que califica as persoas abatidas pola policía como “monstros” “animais”…

A actuación policial dos Mossos que acabou coa vida destas seis persoas parece responder ao mesmo protocolo seguido noutros atentados como os de Londres, París ou o mais recente de Bruxelas. Como excepción notábel, o agresor na mesquita de Finsbury Park que acabou coa vida dunha persoa musulmana non foi afectado por este protocolo e, por ignotas circunstancias, apesar de utilizar unha furgoneta como arma, non foi morto a balazos pola policía.

Agás individualidades isoladas (Alba Rico ou Martín Caparrós) non se ten escoitado ningunha critica á actuación dos Mossos d’Esquadra. Ningún grupo politico pediu comparecencias dos responsábeis policiais para valorar e revisar a proporcionalidade da decisión de disparar a matar a todos os supostos membros do comando. Nin a esquerda crítica nin organizacións de dereitos civís teñen alzado a voz pedindo explicacións de por que foron “abatidas” persoas que non portaban armas de fogo ou que meramente escapaban sen posibilidade de causar mal a terceiros ou aos axentes actuantes. Realmente non había outros medios que dar morte a balazos a estas seis persoas para os pór a disposición da xustiza? É esta a formación dos axentes policiais nun estado de dereito que aplican a lei do far-west para deter supostos delincuentes? (que sempre serán supostos porque non haberá posiblidade de axuizalos!).

En troques de investigar esta actuación policial e os protocolos que a ampara no ámbito europeo, apróbase unha declaración institucional absolutamente acritica coas forzas de seguranza apoiada por toda a chamada esquerda critica e rupturista presente na Deputación Permanente do Congreso. E os responsábeis politicos conceden a cabeceira da manifestación de Barcelona a forzas policiais, como se estas encarnasen unha superior “autoridade moral” polo feito de teren dado morte a seis persoas.

O que asina estas liñas non é mais que un militante dentro dunha asociación galega de defensa de dereitos civís, EsCULcA, que vén denunciando formas de islamofobia institucional como a creación do ficheiro STOP RADICALISMO. Non é sociólogo, nen politólogo e carece de vocación de gurú. Mas tenta encontrar explicacións de até onde chega a nosa tolerancia como sociedade para admitir acriticamente a ausencia de límites nos medios para conseguir a detención dos “inimigos”… e o silencio (cando non a louvanza) á actuación policial da esquerda autodenominada “critica” perante esta situación. Que mudou dende os anos 1980? Admitimos hoxe acriticamente a bondade das actuacións policiais que naquela altura cuestionábamos porque pensamos hoxe que todo é perfecto no noso Estado de Dereito? Ou o que mudou é a orixe nacional e étnica dos “abatidos” pola policía que agora son “animais”? A resposta correspóndenos a todas e a todos .

Podemos berrar e escribir que non temos medo. Mais o certo é que temos moito medo. Medo de disentir nas cuestións en que non se admite o desacordo sen risco de ser calificados ou calificadas de “filoterrorista”. Medo de exercer a crítica a institucions “sacralizadas” como a policial e as súas actuacións. Medo de analizar os vídeos dos operativos policiais que conduciron á morte destas seis persoas por se chegamos a cuestionar a proporcionalidade dos medios adoptados.

Si que temos medo…

Publicado en Sermos Galiza (30/08/2017)