O goberno español aprobou na semana pasada unha orde do Consello de Seguranza  –consultar no  BOE– que establece un procedemento de actuación contra a ‘desinformación’. A oposición e moitos media clamaron por xustiza porque entenden que a Moncloa pretende controlar, perseguir e censurar o dereito de información e a liberdade de expresión. De momento, no entanto, a Comisón Europea non criticou o protocolo. A loita contra as noticias falsas e a desinformación é unha responsabilidade compartillada da sociedade, mais que os gobernos se poñan á cabeza xera dúbidas. Falamos con Simona Levi, activista e autora do libro  #FakeYou: Fake news y desinformación.

Roger Graells Font entrevista a activista e especialista en noticias falsas Simona Levi, fundadora de Xnet, sobre a nova e polémica orde do goberno español para tentar controlar a desinformación.

***********************************

 

Que valoración fai da orde publicada?
—Non hai nada que non houbese antes. Non muda o tipo legal nin prevé sancións. Mais aprofunda na narrativa europea, abrazada con moito entusiasmo polo goberno español. Utilizan as  fake news e o discuro de odio -liderado polo discurso liberticida de Podemos- para controlar a internet e facer exactamente o mesmo que se fixo coa invención da imprenta. Ou sexa, utilizaren os intermediarios que permiten o acceso á informaicón coa tecnoloxía -medios de comunicación, Facebook…- para que apliquen de maneira privada a censura. Son formas narrativas para que agrade á opinión pública o discurso e poderen así avanzar progresivamente nesa liña.

Portanto, considera que a orde fai parte da construción do relato?
—Considero, sí. Concretamente,é unha orde que dá poderes á policía. Ainda que xa era así. O matiz importante é que consideran que hai medios decentes e que farán limpeza dos que consideren indecentes. Iso é o mesmo que a censura previa ou a inquisición, é a mesma práctica. Procúrase a alianza co intermediario para recuperar o monopolio perdido pola democratización da información para que lles faga o traballo sucio.

Sorpréndelle que o faga este goberno, que se reivindica progresista?
—Non me sorprende. Hai anos que explicamos que a peor tecnofobia, que considera que a internet é perigosa, ven da esquerda. Concretamente de Podemos. Podemos ten no seu ADN unha visión dogmática e comunista de control das masas. Non lles interesa nada que os individuos se expresen libremente, igual que a dereita. Esta idea de control da masa e de ter a tecnoloxía nas súas mans é propia do dogmatismo desta esquerda.

Mais o PSOE deixou Podemos fora da estrutura de control da desinformación
—Deixou, si, mais o traballo sucio de dicir que a internet é perigosa e debe ser censurada fíxoo Podemos. É como o relato que fixeron contra o discurso de odio. Que despois aplica o PSOE… que é quen ten os medios para o facer.

Existe este mecanismo noutros estados da Unión Europea?
—Non o sei. Mais a comisión que se ocupa das fake news da Comisión Europea é semellante. A maioiría dos participantes son grupos de presión dos grandes media que protexen as súas prebendas e privilexios. A fonte real de fake news son os partidos politicos e os grandes media, que protexen o seu statu quo.

Durante o confinamento houbo polémica polas declaracións dos comandantes da Garda Civil, que dicían que monitoraban as críticas contra o goberno español nas redes sociais.
—A min iso non me  preocupa. A rede é un ágora pública e a policia vixia os espazos públicos. Que a policía lea conversas nas redes non me parece un problema. É como se nos escandalizásemos cando os vemos patrullaren polas rúas. Non vexo que sexa un sintoma de falta de democracia.

 

Simona Levi 2 'La cultura fora de les indústries culturals ...

 

 

Considera que os gobernos, dalgunha maneira, terían de controlar as fake news?
—Para eliminar as fake news habería que lexislar contra partidos políticos, institucións e grandes media. Son os principais produtores de fake news.  Hai que blindar a liberdade de expresión e sancionar gravemente institucións, partidos e negocios que vivan e que produzan masivamente e invistan en desinformación. Non hai que cortar dereitos, senón vixiar os que investen en información e traer á tona os obxectivos, non os contidos.

Iso tamén podería ser criticado como unha forma de censura.
—Non, porque non se toca a liberdade de expresión. Tócanse os negocios. É posíbel vender alimentos en seguranza xurídica? Non. Se alguén usa a súa liberdade de expresión, non pode ser sancionado. Mais se alguén fai negocio e investe diñeiro na información, iso non é liberdade de expresión. É un negocio e debe portanto ser regulado. Se o queren facer de graza, non hai problema.

—A propaganda política sempre existiu. Sexa dos partidos ou das institucións.
—Calquera campaña para eliminar as fake news que non diga que son basicamente propaganda política, será unha campaña para destruir a liberdade de expresión. Non se pode aceptar de maneira ningunha. Atrás da circulación das noticias falsas hai intereses políticos e económicos.

Hai algún estado que considere a posibilidade de regular segundo a súa proposta?
—Ningún. Traballaremos niso e dedicaré o que me resta de vida a facelo. Somos os únicos que defendemos esta posición, mesmo dentro do activismo. Fixemos unha presentación no Parlamento Europeo coa presidenta Von der Leyen. Traballamos moito para que nos fagan caso e para que esta tendencia liberticida mude. Reproducen o que pasou coa imprenta, tres séculos de censura.

Hai un ano das eleccións españolas do 10 de novembro. O goberno español prometeu que derrogaría a lei Mordaza, mais ainda non o fixo. Séntese decepcionada?
—A verdade é que non o sei. Hai moita xente que se ocupa dese tema, eu normalmente ocúpome das causas abandonadas. Mais puideron tocar outras cousas, como por exemplo as inxurias á coroa, e tampouco o fixeron. Temos un problema grave. A pandemia provocou que a xente teña outras urxencias e a vixilancia ás institucións é agora máis frouxa. Non hai incentivos para que muden as cousas nas institucións, nin por presión popular nin por outros motivos. Mais hai xente que se ocupa diso e nós damos todo o apoio que podemos.

Roger Graells Font