A Agrupación dos Corpos da Administración de Institucións Penitenciarias (Acaip) denunciou a falta de persoal médico nos cárceres galegos, situación que, segundo informou, comunicou á Consellaría de Sanidade nun encontro decorrido nesta segunda feira.
A Acaip lembra que en 2003 foi publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) a lexislación pola que os sistemas autonómicos da saúde asumirían as competencias en materia de sanidade penitenciaria. “En febreiro de 2023, este mandato non se realizou, só Catalunya, Euskal Herria e Nafarroa asumiron esta competencia”, indicaron. A agrupación cita o caso do cárcere de Teixeiro, en Curtis, que “con nove postos de médicos no cadro de persoal, teñen sete vacantes, que aumentarán nas próximas semanas ao ficar apenas un facultativo para cubrir o servizo”.