No pasado 4 de agosto a  Dirección Xeral de Traballo publicou no Boletín Oficial do Estado a resolución en que é aprobada a legalización do Organización Sindical de Traballadoras e Traballadores Sexuais (OTRA). Agora, a ministra de Traballo, Migracións e Seguranza Social, Magdalena Valerio, afirma que anulará a resolución pois non era consciente do que aprobaba. Conta para iso co apoio do Goberno.

 

 

A secretaria xeral do novo sindicato (OTRAS), Concha Borrell, declarou que o Goberno de Pedro Sánchez debería ‘demitir en bloco’ dado o rexeitamento á creación desta nova organización e ‘por non entender que é un traballo’.

A polémica estriba en considerar o oficio da prostitución como un traballo ou non. Se a resposta é se esixen os seus deberes e dereitos, se se considera que non é un traballo é complexo explicar porqué son autorizados no estado español os clubes de alterne.

Nunha comparecencia pública, a máxima responsábel de OTRAS defendeu que a actividade que exercen as traballadoras e traballadores sexuais ‘non é ilegal’ e que ‘ben que se reparten licenzas para abrir clubes de alterne’, polo que lle parece ‘incríbel’ a posición adoptada polo Goberno ante esta cuestión.

Borrell e Sabrina Sánchez, membro deste novo sindicato, denunciaron que para este colectivo ‘os dereitos laborais son unha utopía’ e aseguraron que ‘a situación no país’ provocou que tomasen medidas legais.

‘Organizámonos como mulleres librepensadoras. Non somos suxeitos pasivos. Somos as mulleres máis castigadas socialmente e non podemos ter os mesmos dereitos que os demais. As traballadoras sexuais merecemos todo respecto. Queren manternos á marxe da sociedade’, declarou Borrell.

A Dirección Xeral do Traballo aprobou o sindicato OTRAS e publicou a súa resolución no pasado 4 de agosto no Boletín Oficial do Estado (BOE), aínda que onte a ministra de Traballo, Magdalena Valerio, anunciou a súa intención de anular o sindicato apoiada polo Goberno.

Insurgente