Varios sindicatos denunciaron a persecución policial sufrida por seis membros da dirección LAB cando ían de camiño á sede de Altsasu con motivo dunha reunión habitual de traballo e destacaron que se trata dun caso de «espionaxe ao independentismo»: CUT (Aragón), CIG (Galicia), CSI (Asturies), COS, IAC, CSC e Intersindical Valenciana (todos eles de Països Catalans), Intersindical (Estado español), SAT (Andalucía) e Solidaires (Estado francés).
LAB denunciou que o pasado fin de semana axentes da Garda Civil retiveron membros da súa dirección que acudían a unha reunión de traballo en Altsasu.
«A isto chámaselle espionaxe contra o independentismo. Non hai argumento que xustique que a Garda Civil o fixese en termos de seguranza. Fíxoo desde un punto de vista de espionaxe e persecución persoal, tal e como ficou corroborado coa actitude intimidatoria coa que actuaron», destacan os sindicatos.
«En vista do tempo que pasaron retidos no control e o clima de excepcionalidade creado, o obxectivo non foi outro que obstaculizaren o labor político e sindical das e dos militantes de LAB, mediante persecución política e persoal», denuncian e subliñan que «continúan tratando o tema da tortura con total crueldade e impunidade, lonxe do recoñecemento, o respecto e a reparación das vítimas da tortura».
«Non é por acaso que isto acontecese en Altsasu. O pobo de Altsasu vén sufrindo e denunciando a persecución policial que padecen as súas veciñas e veciños, circunstancia que ten influencia directa na vida cotiá e no proceso de normalización democrática. As forzas armadas españolas teñen Altsasu en situación de excepción. Non queremos perder a oportunidade de mostrar novamente a nosa solidariedade co pobo de Altsasu e de esixirmos a inmediata posta en liberdade dos/as novos encarcerados/as», engadiron estes sindicatos.
«A persecución policial e as continuas ameazas continúan, síntoma inequívoco da negación que sofre o pobo Vasco para alcanzar a normalización política e democrática.
Débense dar pasos para a desmilitarización se se quere resolver o conflito. Os estados teñen a responsabilidade de desactivar a ocupación militar e a ameaza armada que paira sobre as decisións democráticas que se poidan tomar en Euskal Herria. O desarmamento dos estados é necesario», destacan estes sindicatos.