Unha vez concluída a concorrencia da sociedade nas eleccións convocadas para renovar o Parlamento Galego e desaparecido o risco de interferir na emisión do voto das galegas e dos galegos, Esculca fai público un comunicado sobre a privación do sufraxio activo de cidadáns e cidadás da comarca da Mariña. Entende que esta decisión da Xunta de Galiza afecta o núcleo fundamental de participación política e atenta directamente contra o dereito á igualdade perante a lei.

La sede del Parlamento de Galicia - Parlamento de Galicia

EsCULcA entende

1.- Que a actuación de supresión do dereito de sufraxio a electores da MARIÑA acordada pola Xunta de Galiza constitúe un feito de enorme gravidade non só por afectar o núcleo esencial do dereito fundamental de participación política senón tamén por atentar de xeito directo o dereito á igualdade perante a lei dos galegos e galegas.

2.- Que a Xunta de Galiza actuou con absoluta falta de transparencia na supresión do dereito ao sufraxio activo de electores da contorna da Mariña sen que conste o procedemento formal de comunicación desa privación de sufraxio, a autoridade autonómica que asume a responsabilidade administrativa e penal, a existencia de informes da Xunta Electoral que avalen a prohibición e a información que eventualmente foi facilitada aos afectados/as sobre os posibeis recursos a interpor e os criterios de afectación de tan radical decisión.

3.- Mais ainda, sendo graves os anteriores extremos,a Xunta de Galiza actuou tamén con absoluta e radical falta de competencia para adoptar tal decisión dado que no noso sistema electoral só é posíbel privar do dereito de sufraxio activo por resolución xudicial . Portanto , a Xunta de Galiza ditou unha resolución arbitraria -privar do dereito de sufraxio activo cidadás e cidadáns galegos- e manifestamente inxusta pola súa patente falta de competencia.

4.- Que a gravidade da situación determina que EsCULcA , con carácter excepcional (pois como tal debe ser calificada a decisión da Xunta) afirme publicamente a patente infracción do núcleo esencial do dereito fundamental á participación política e á igualdade perante a lei dos galegas e galegos privados pola arbitraria decisión de Xunta de dereito ao voto .

5.- Que, alén de manifestar tal posición frente a sociedade galega , EsCULcA valorará que decisións compre adoptar para esixir a responsabilidade das autoridades da Xunta por esta arbitraria decisión e pola infracción de dereitos individuais e colectivos dos galegos e galegas.

Galiza a 13 de xullo de 2020

Contacto: esculca@esculca.gal – 680 952 809