Esta semana fíxose público que PSOE e UP alcanzaron un acordo en relación coa reforma da Lei de Protección da Seguranza Cidadá, popularmente coñecida como Lei Mordaza. A reforma foi proposta inicialmente polo PNV hai máis dun ano, e todo parece indicar que os puntos do acordo alcanzado entre PSOE e UP serán engadidos á proposta inicial, que xa recollía diversas modificacións relevantes.

 

 

Concentración contra a coñecida como ‘Lei Mordaza’ na Praza do Concello, a 5 de xuño de 2021, en Valencia.- Jorge Gil/EUROPA PRESS

 

ERIC SANZ DE BREMOND

Ora, aquí ímos centrarnos unicamente nos puntos acordados polos socios de Goberno, ou máis ben o que coñecemos dese acordo, xa que até a data non se publicou ningún texto do mesmo.

Antes de máis nada, compre resaltar que a Lei de Seguranza Cidadá, na forma en que foi anunciada e posteriormente aprobada, conseguiu que na cidadanía se instalase unha sorte de autocensura, ao crer que se sancionaban condutas que en realidade non o estaban. Así, e a título de exemplo, son innumerabeis as ocasións en que puidemos escoitar que a Lei Mordaza sanciona gravar unha actuación policial na vía pública, cando a realidade se afasta bastante desa afirmación. Estamos, portanto, ante unha lei que non só veu sancionar todo un repertorio de protestos pacíficos desenvolvido no ciclo de mobilización post-15M, senón que tamén conseguiu instalar no imaxinario colectivo unha autocensura que lle permitiu chegar alén do que realmente sancionaba.

E ante esta lei, criticada por innumerabeos organismos nacionais e internacionais, anúnciase aos catro ventos o acordo dos socios de Goberno para a reformaren, en cumprimento dun compromiso electoral e como mostra de que estamos ante o Goberno máis progresista da historia da democracia.

E aínda que é verdade que debemos celebrar a reforma da Lei Mordaza, tamén o é que o acordo alcanzado supón unha sorte de decepción. Con este acordo pérdese unha importante oportunidade para reformar moitos dos puntos máis lesivos da mesma e para abordar a seguranza cidadá dunha perspectiva realmente progresista e transformadora.

A modo de resumo, como boas noticias, anunciouse que a reforma implicará a redución de 6 a 2 horas o tempo que as persoas poderán ser retidas a meros efectos de identificación en comisaría, coa obrigación de seren devoltas ao lugar en que foron retidas. Adáptase, en coherencia coa xurisprudencia do TEDH sobre o dereito ao protesto pacífico, a infracción de organizar ou promover (a asistencia nunca supuxo infracción algunha) concentracións ou manifestacións sen realizar a comunicación previa á autoridade gobernativa. Desta feita, non se supedita o exercicio do dereito de reunión, ou a promoción do mesmo, a esta comunicación. Introdúcese como criterio á hora de impor a sanción a capacidade económica do sancionado, cunha redución de até o 50% para aqueles que cobren menos de 1,5 veces o SMI.

Por outra parte, anunciáronse outros puntos que carecen, na miña opinión, de incidencia real, alén do titular. Insístese en que a mera captura e uso de imaxes de axentes de policía na vía publica non serán sancionabeis (non o eran) salvo que xeren un perigo certo á súa seguranza persoal e familiar. Basicamente dise o mesmo que xa dixo o noso Tribunal Constitucional ao analisar este artigo. Nada novo. Mantense a presunción de veracidade dos axentes nos procedementos sancionadores (non confundir cos procedementos penais) salvo proba en contrario, mais matízase que sempre que resulte coherente, lóxica e razoábel. Custa imaxinar que este matiz supoña, de facto, o máis mínimo límite a esa presunción, que moitas veces torna inútil recorrer. Engádese, por último, máis un compromiso que unha regulación sobre o uso de de a forza e o material antidisturbios, cando se afirma que as autoridades competentes deberán desenvolver un protocolo respecto diso.

Ficaron polo camiño as promesas de prohibir as devolucións en quente, o que a ninguén debe sorprender, por canto foi o propio o PSOE quen as defendeu en Estrasburgo, recorrendo a sentenza do TEDH, terminando a Grande Sala por validalas. Mantense a infracción que demostrou ser a máis utilizada das acrecentadas coa Lei Mordaza: a falta de respecto a axentes da autoridade (7% do total de sancións impostas), que tamén ten a súa censura penal (art. 556.2 CP) onde non opera a presunción de veracidade. Mantéñense as infraccións reguladas ad hoc para protestos pacíficos de determinados colectivos como a PAH, Stopdespexos (art. 37.7), Rodea o Congreso (art. 36.2) ou Greenpeace (art. 37.14), por exemplo. Mantense a elevación de montantes mínimos das sancións que trouxo a Lei Mordaza (de 0 a 100 as leves e de 300 a 600 as graves) que veu da man da redución da sanción de multa ao 50%, iso si, sempre que non a recorras.

Mais é que, alén diso, con este acordo, pérdese unha oportunidade para complementar e enriquecer a maneira en que é abordada e entendida a seguranza cidadá. Cuestións como, por exemplo, os controis de identidade baseados en perfís étnicos, ou a obrigación de portar visíbel a identificación por parte dos axentes da autoridade para poder ser investigado de maneira efectiva calquera abuso, e en consecuencia reducilos, achegarían á seguranza cidadá.

En definitiva, con este acordo, a sensación é que avanzamos un paso, mais non podemos esquecer que o facemos despois de termos recuado dous.

Público