Varios soldados, algúns de uniforme e outros á paisana, cantan e danzan dentro dunha carpa militar. Soa Estirpe Imperial, unha das bandas de rock neonazis máis populares. “Cara al sol, canción antigua y nueva, Cara al Sol es el himno mejor, Cara al Sol y morir peleando, que mi patria así me lo pidió”, gritan os mozos ao tempo que levantan o brazo facendo o saúdo nazi. Trátase de Primavera, a canción sobre a División Azul que fixo en versión rock a banda neonazi. É, por súa vez, unha versión da Katiusha rusa, adaptada polos soldados españois durante a súa participación na Segunda Guerra Mundial ás ordes do III Reich.
A escena acontece no cuartel de Paracuellos del Jarama, na serra madrileña onde está a Brigada Paraquedista (BRIPAC) do Exército español, cuxos membros celebran o día da Inmaculada Concepción de 2019, patroa das tropas de infantaría. “Non é estraño ouvir esta canción, así como comentarios entre a tropa e mandos intermedios contra o Goberno, a inmigración ou en favor de Vox. Ao contrario, é algo bastante habitual nos cuarteis”, confesa un soldado profesional con quen falou La Marea e que pide gardar o anonimato.
O 9 de decembro deste ano fíxose público un vídeo en que se vía como varios soldados celebraran o día antes a festividade da patroa entoando esa mesma canción. Moitos dos comentarios á noticia advertían que, posibelmente, a maioría dos que a cantaban non coñecían o seu significado, apesar de repetir tres veces «Cara ao Sol».
A ministra de Defensa, Margarita Robles, declarou na Cadena SER no pasado 4 de decembro “en relación co chat de ex militares en que se falaba de fusilar 26 millóns de españois” que non entendía por que se pon ao Exército o «sambenito» de franquista, cando entre as súas filas hai maioría de persoas novas que se cadra «nen saben moi ben quen era Franco».
Este medio púxose en contacto co Ministerio de Defensa para coñecer a súa opinión sobre as imaxes que aparecen nos dous vídeos mencionados. No departamento de prensa non responderon a ningunha das cuestións expostas.
[EXCLUSIVA] Soldados españoles hacen el saludo nazi mientras cantan una canción de la División Azul en un cuartel del Ejército. Lo cuento en @lamarea_com https://t.co/dv31meo8Qe pic.twitter.com/xLigXT2LX1
— Miquel Ramos (@Miquel_R) December 16, 2020
Exemplos anteriores
No vídeo que aquí se reproduce en exclusiva pode apreciarse como os participantes na celebración suman brazos estirados realizando o saúdo fascista ao son do mencionado himno. Interpretado, aliás, por unha das bandas de rock neonazi máis populares. Unha combinación que pon en dúbida o argumento do descoñecemento sobre o significado do que cantan os soldados. Sobretodo, daqueles que levantan o brazo en tanto berran cantando a canción da División Azul enarborando garrafas de cervexa.
O xornalista de El País, Joaquín Gil, publicou en abril de 2018 un vídeo en que cadetes e alféres dun batallón de perto de 250 persoas marchan entoando esa mesma canción. Eran futuros médicos militares, e realizaban treinamento de combate ás ordes dun coronel no campo de manobras e tiro Palancar da Academia de Enxeñeiros de Hoyo de Manzanares, perto de Madrid. O Ministerio de Defensa afirmou na altura que un tenente coronel freou aqueles cánticos. Dous anos despois, novos vídeos revelan que o himno falanxista continúa formando parte da banda sonora dos cuarteis españois.