Unha vez comprobado que o desembarco de tropas rusas en Catalunya non é máis do que unha delirante formulación que serviu para sustentar unha investigación policial de máis de tres anos e unha serie de resolucións xudiciais enervadoras de dereitos fundamentais, que pasarán aos anais dos disparates xudiciais, poderemos ver que, no fondo, o real e grave, do que temos que ter coidado é da xeneralizada represión de todo aquilo que fai e di o independentismo.

 

Los mejores memes de Puigdemont y Putin por los 10.000 ...

 

O problema dos delirios é que en tanto algúns terminan rapidamente, outros se transforman en forzadas realidades que afectan a vida, a facenda e a liberdade de seres humanos cuxo único crime non é outro que o teren un desexo de independencia inasumíbel por un sector poderoso dentro do estado español.

A represión non pasa exclusivamente polas nove persoas condenadas do procés, que tamén, senón que, alén delas, esténdese a un número moi elevado de persoas que, en moitos casos, terán de facer frente a penas de prisión igualmente duras e, noutros, a unha serie de penas non privativas de liberdade, mais igualmente castrantes para as súas vidas e traballos.

Nestes momentos, no horizonte penal avístanse procedementos que afectan máis de 2.850 cidadáns que, máis cedo do que tarde, teremos de nos sentar no banco dos acusados e encarar acusacións case tan inverosímeis e delirantes como a chegada das tropas rusas, mais con consecuencias tan reais como as xeradas a partir da sentenza do procés.

Os próximos en ocupar o banco serán un grupo de académicos -Jordi Matas Dalmases, Marc Marsal Ferret, Tània Verge Mestre, Marta Alsina Conesa e Josep Pagès Massó- cuxo crime consistiu en seren eleitos, polo Parlament de Catalunya, como vogais da Sindicatura Electoral de Catalunya no 7 de setembro de 2017.

Para nos situarmos, debemos lembrar que son acusados dun delito de desobediencia -do que poderían ser autores máis da metade dos cidadáns de Catalunya- e, alternativamente, dun de usurpación de funcións. Só desde unha perspectiva represiva e vulneradora de dereitos fundamentais é posíbel soster unha acusación destas características.

 

Perseguir académicos por realizaren as súas investigacións, as levaren á práctica e tentaren divulgalas é algo impropio dun estado democrático e de dereito

 

Tanto as prohibicións de actuar emitidas polo Tribunal Constitucional como a actividade acusatoria da Procuradoría representan unha clara contravención dos compromisos internacionais subscritos por España e recoñecidos no texto constitucional que tanto din defender.

No caso concreto destes represaliados, a cousa é moi clara e sinxela, porque entran en xogo unha serie de dereitos que fan que, axustándonos á legalidade, o realizado por eles sexa amparado expresamente pola Carta Europea de Dereitos Fundamentais, o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos, o Pacto Internacional deDereitos Civís e Políticos, o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e, tamén, a propia Constitución española.

Trátase de académicos que actuaron non só en cumprimento da encomenda recibida, senón que, sobretodo, fixérono no convencemento de estaren amparados non só pola liberdade de cátedra, que o están, senón tamén pola igualmente garantida liberdade de investigación científica e, alén do máis, polo dereito á liberdade de expresión entendida como o dereito a “comunicar informacións ou ideas sen que poida haber inxerencia de autoridades públicas”.

Foi desde a máis seria dignidade e coherencia profesional que estes académicos asumiron o traballo realizado polo Parlament de Catalunya e que, para eles e entre outras cousas, era un exercicio práctico daquilo sobre o cal viñan investigando desde había moitos anos. O sorprendente, o aberrante, é que, agora, se vexan confrontados a un tribunal por faceren, xustamente, aquilo para o que se formaron.

Son múltiplas as normas que amparan o traballo realizado polos síndicos electorais, mais, sen dúbida, a que máis me agrada, especialmente por como expresa o dereito que se quere violentar, é a contida no artigo 27 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos: “Toda persoa ten dereito á protección dos intereses morais e materiais que lle correspondan por razón das producións científicas, literarias ou artísticas de que for autora”.

 

Matas, Marsal, Verge, Alsina e Pagès son cinco dos máis de 2.850 cidadáns que se sentarán no banco para responder da ousadía de facer frente á establecida sacrosanta unidade da nación española

 

Neste xulgamento hai moito en xogo, non só a sorte procesual de cinco académicos, que tamén, senón a viabilidade dos nosos dereitos, como cidadáns, a recibir información veraz sobre ideas e avances científicos que, en resumidas contas, é o que aquí se pretende coartar.

Matas, Marsal, Verge, Alsina e Pagès son titulares destes dereitos, como nós de recibirmos a información -por vía de divulgación- do traballo que eles realizaban. Perseguir académicos por realizaren as súas investigacións, as levaren á práctica e tentaren divulgalas é algo impropio dun estado democrático e de dereito e este xulgamento, próximo á súa celebración, ben pode ser entendido como unha sorte de proba do algodón en materia de respecto dos dereitos fundamentais.

O que non debemos esquecer, porque as páxinas do calendario pasan a unha velocidade de vertixe, é que Matas, Marsal, Verge, Alsina e Pagès son cinco dos máis de 2.850 cidadáns que, máis cedo do que tarde, nos sentaremos no banco para responder non dos nosos actos, que non son delituosos, senón da ousadía de facermos fronte á establecida sacrosanta unidade da nación española.

Perseguir académicos é tan disparatado e delirante como escuadriñar o horizonte para ver por onde aterrarán as tropas rusas que libertarán Catalunya. O problema é que hai quen cre que o uno e o outro forman parte da actividade propia dun estado, seguramente teñen razón, mais non as dun estado democrático e de dereito. Afinal, tanto ten se son soldados rusos ou académicos… Todo pola patria.

Gonzalo Boye

El Nacional