A plataforma SOS Sanidade Pública denuncia a decisón da Xunta de Galiza de fechar varios Centros de Saúde e Puntos de Actuación Continuada a medio do estado de emerxencia sanitaria derivada da expansión do Coronavirus. Lembra a plataforma que xa noutras situacións de crise o goberno galego aproveitou para desmantelar ou cortar servizos e reclaman que non se repita esa actuación e a prioridade sexa garantir a saúde da poboación.

.

Resultado de imagen de sos sanidade pública.

.

COMUNICADO DE SOS SANIDADE PÚBLICA

Ante a información sobre o peche dalgúns Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada, decretados pola Xunta de Galicia, Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, quere comunicar  o seguinte:

1.- Consideramos que a  prioridade nestes momentos de crise é cumprir coas medidas acordadas polas autoridades sanitarias para combater a pandemia, independentemente das opinións que cada persoa ou organización teña respecto diso, dada a incerteza existente sobre a mesma e os diferentes enfoques que os organismos internacionais e países, están a adoptar.

2.- A existencia dun Sistema Sanitario Publico, Universal e Accesible, baseado nunha potente Atención Primaria, é a ferramenta fundamental para facer fronte a Emerxencia Sanitarias, polo que a loita pola súa defensa e mellora, que veu realizando a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, é algo absolutamente necesario manter e incrementar.

3.- A loita contra a pandemia, non debería supoñer abandoar o resto de actividades asistenciais necesarias para facer fronte aos problemas e necesidades de saúde física e psiquiátrica da poboación, especialmente da máis vulnerable pola súa idade, condicións de saúde ou aillamento. Consideramos necesario, que salvo en caso de forza maior, é importante manter os equipos abertos para prestar asistencia a domicilio, renovar, receitas, toma de test, control da evolución dos paciente infectados nos domicilios, etc. e  evitar o máis posible deste xeito os ingresos hospitalarios que teñen moitos máis riscos para pacientes, familiares e profesionais.

4.- Calquera medida que supoña cambios fundamentais nas actividades asistenciais do Sistema Público deben ser xustificadas, informadas e explicadas á poboación (incluíndo a que ten limitacións auditivas) e aos seus representantes (organizacións políticas, sindicais, científicas e sociais) para ter o máis amplo respaldo. Nestes momentos, bótanse en falta os instrumentos de participación social e profesional na sanidade que a Plataforma vén reclamando desde hai anos e que o PP eliminou.

5.- Garantir a saúde da poboación en xeral, especialmente a máis vulnerable e a do colectivo sanitario, debe ser o eixo que oriente as medidas a adoptar.

6.- Desde a Plataforma, exiximos que esta situación non sexa utilizada para desmantelar ou recortar o Sistema Sanitario Público Galego, como noutras situacións de crise.

7.- Consideramos necesario manter o modelo de Equipos de Atención Primaria, que garanta unha atención continuada, cercana e accesible a todas as persoas, que se contemple as dificultades e os perigos dos desprazamentos nestes momentos e que as medidas sexan totalmente reversibles.

Manuel Martin – Porta-voz de SOS Sanidade Pública