Non se limitaban a fechar os ollos deixando pasar polo Enreixado de Xibraltar unha serie de vehículos carregados con millares de paquetes de tabaco de contrabando, senón que eran eles mesmos, cinco axentes da Garda Civil, os que formaban a organización criminal a que a Fiscalía Anticorrupción atribúe agora os delitos de contrabando, suborno, pertenza a organización criminal e revelación de segredos. Ademais, levarían a cabo roubos de tabaco e drogas, os coñecidos como ‘vuelcos’, a organizacións rivais.

 

 

 

Estas son as principais conclusións a que chegaron tamén os investigadores do Servizo de Asuntos Internos da Garda Civil antes de deteren en febreiro de 2019 os seus -até esa altura- cinco compañeiros do Instituto Armado que formaban parte do servizo de Alfándegas na Liña, formado por un total de 60 membros e encarregados de controlaren a pasaxe na fronteira entre España e Xibraltar.

É agora cando o xuíz titular do Xulgado nº 4 da Liña ditou auto de procedemento abreviado e solicitou á Fiscalía Anticorrupción e ás partes personadas elevaren os seus escritos de cualificación sobre os feitos investigados.

O cinco implicados ingresaron en diferentes prisións logo de ser detidos, aínda que a día de hoxe só continúa no cárcere o considerado xefe da banda, J.M.S.J., xa que os seus catro compañeiros están en liberdade sob fianza. Cos seus arrestos, cesaron automaticamente nos seus destinos e foron suspendidos nas súas funcións, á espera de ser expulsados do corpo caso seren condenados.

Na causa, segundo as fontes xudiciais consultadas, hai investigadas ademais unha decena de persoas non pertencentes á Garda Civil, que na súa maioría tiñan como cometido conducir os vehículos en que entraba o tabaco ilegalmente en España e custodiar a mercadoría.

Insurgente