O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza recusa a solicitude da familia que reclamaba ser indemnizada polo suicidio dun xoven de 16 anos en febreiro de 2012 nun centro de titularidade da Xunta, xestionado por unha fundación.

Entrada al centro de internamiento de menores Entrada do centro de internamento de menores / Google Street View
En febreiro de 2012, un adolescente de 16 anos tutelado pola Xunta ingresaba nun centro de internamento de menores de Ourense após ter sido condenado por agredir a nai. Vinte días despois o xoven tiraba a vida pendurándose das tubaxes do cuarto: cinco anos máis tarde, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza nega que a Xunta deba indemnizar a familia ao non apreciar ningún tipo de neglixencia da administración do centro xestionado por concesión unha fundación.

Segundo explica a sentenza, o adolescente de 16 anos ingresou no Centro Monteledo de Ourense, titularidade da Xunta de Galiza e xerido pola Fundación Camiña Social, no 2 de febreiro de 2012, logo após ter agredido a nai. Tirou a vida vinte días despois: estivera vendo a televisión a seguir o xantar, despois recibiu unha chamada telefónica e tivo de ser reducido antes de ir para o cuarto. O corpo foi encontrado máis tarde pendurado das tubaxes do propio cuarto.

O xulgado de instrución nº 1 de Ourense decidiu arquivar a investigación penal en outubro dese mesmo ano, decisión confirmada pola Audiencia Provincial pouco despois, Agora é a sección primeira do contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a que recusa a pretensión da familia de ser indemnizada con algo máis de 170.000 euros ao entender que a morte “dependeu unicamente da vontade persoal do menor”, sen “ter dado mostras do seu propósito” anteriormente.

Os tres maxistrados que asinan a sentenza rexeitan os argumentos aducidos tanto pola defensa da nai como a do pai do xoven, presentada despois do silencio da Xunta. Recoñecen que o centro non tivo un protocolo de prevención de suicidios até tres meses despois de aconteceren os feitos e que apenas uns días máis tarde un xulgado de menores obrigou o centro a cubrir as tubaxes en que o adolescente se esganara, mais non consideran acreditado que, de se ter feito antes esta obra, a morte tería sido evitada. “Non podemos aceptar como unha verdade apodíctica que, de se ter aprobado con antecedencia, tería determinado a súa activación en evitación deste suicidio”, din.

A sentenza recolle diversas circunstancias que rodearon os feitos: antes de ingresar no centro, o xoven pasou varios días no módulo de observación “sen que se observase ningunha conduta que fixese presaxiar ideas suicidas”. Ao mesmo tempo, reflecte que o director do centro recoñeceu ignorar os antecedentes e relatorios do tempo que o meor pasou noutro centro, o Centro de Protección A Carballeira, onde unha mañá acordou con “cortes nos pulsos”, recoñecendo tamém que un relatorio da Procuradoría aseguraba que padecía un “transtorno disocial e unha psicopatía plena”.

A familia afirma que o xoven cumpría 12 dos 18 factores de risco do protocolo establecido posteriormente.

Recoñeceu tamém o director que antes dos feitos outros dous menores tentaran dar cabo da vida nos seus cuartos do centro. Na súa sentenza, os xuíces dan a razón á Xunta, a Fundación e as aseguradoras, mais ao mesmo tempo critican que, por exemplo, non fose acreditado en ningún momento da investigación penal se “a personalidade do menor puido influir en que ocultase os seus verdadeiros sentimentos e mostrase unha aparente normalidade para que non se adoptasen medidas” que evitasen o suicidio.

A familia recorrerá

O avogado da nai do adolescente, José Manuel Pacho, explica que recorrerá a sentenza por entender que houbo un “funcionamento anormal” da administración que levou á morte do xoven.

“É bastante clara a censurábel a acción da administración”, cre o letrado. “Se isto non é funcionamento anormal da administración non sabería dicir en que condicións poderá darse”, explica en canto expón os argumentos polos que cre que a Xunta debería ter indemnizado a familia como responsábel.

O letrado salienta o custoso que resulta levar un caso como este: “Someter a control xurisdicional a administración supón un custo que moitas familias non poden asumir”, explica, ao tempo que anuncia un recurso contra esta sentenza.

Aberto Pozas

Cadena Ser