O titular do xulgado de instrución número 41 de Madrid citou como investigados 12 xornalistas polas filtracións do sumario dos sete CDR encarcerados na Operación Judas, segundo adiantou na pasada cuarta-feira o xornal ABC.

Escorcolls Mossos Guardia Civil Sabadell CDR - Sergi Alcàzar                      Foto: Sergi Alcàzar

 

O xuíz investiga os xornalistas por un delito de revelación de segredos despois de que Alerta Solidària, a organización que coordena as defensas dos detidos, pedise que fose aberta unha investigación sobre as filtracións do sumario.

Neste caso hai implicados un total oito medios: El Mundo, El País, ABC, El Confidencial, La Vanguardia, El Español, Cadena Ser e RTVE.

Nos autos filtrados a estes medios revelábase, entre outros datos, que os investigados celebraran unha “reunión secreta in itinere” o 15 de setembro de 2018 coa irmá do President da Generalitat no exilio, Carles Puigdemont, que tiña como obxectivo “entregar documentación sensíbel e establecer comunicacións seguras” entre este e o actual President, Quim Torra.

Nas mencionadas resolucións tamén se detallaba que “na instrución constan conversas telefónicas en que se fala da existencia dun plano de conspiración contra as institucións do Estado, que consistiría no asalto e posterior ocupación do Parlament de Catalunya o citado como día ‘D, coa finalidade última de subverter a orde constitucional”.

Denuncia de Alerta Solidària

Os avogados dos CDR denunciaron que as filtracións supuxeran vulneracións do dereito de defensa para os detidos e que filtrar información que está sob segredo de sumario é “delito”. Alerta Solidària tamén apuntou que podería terse cometido un delito contra a administración pública, xa que as filtracións só poderían proceder do Ministerio do Interior español ou da Administración de Xustiza e, portanto, de funcionarios.

En paralelo, a equipa de avogados continuou investigando e as pesquisas apuntaron a un membro da Administración de Xustiza, motivo polo que ampliaron a denuncia, que a Audiencia española tranferiu ao xulgado que agora investiga o caso, para que se determine se esta persoa -cuxas marcas de agua de usuario apareceron en dous medios de comunicación- foi a responsábel das filtracións.

“De confirmarse este extremo, ficará mostrado novamente que o procedemento aberto pola Audiencia Nacional española contra os 9 detidos do 23 de setembro, dos cales 7 ainda están en prisión preventiva apesar das flagrantes vulneracións de dereitos, non é obxectivo, que non está sendo tramitado de maneira adecuada, e que diante da Audiencia Nacional, en tanto por un lado se revelan segredos, se vulnera a presunción de inocencia e se procura un xulgamento paralelo, que afecta mesmo a intimidade de persoas que non son sequer parte do procedemento, resulta imposíbel encontrar ningún tipo de procedemento axustado a dereito e, menos ainda, como ficou evidenciado, coas garantías suficientes”, afirma Alerta Solidària.

O delito de revelación de segredos pode supor desde unha multa de 12 a 18 meses e inhabilitación para exercer traballo público dun a tres anos até penas de prisión de entre un a tres anos se houber un prexuízo grave á causa pública ou a un terceiro.

 

APM E ACIJUR denuncian vulneración do dereito á información libre e veraz

Despois de o Xuiz Juan Carlos Peinado ter citado a declarar os oito xornalistas, a Asociación de la Prensa de Madrid (APM) e a Asociación de Comunicadores e Informadores Jurídico (Acijur), emitiron comunicados oficiais en que mostran o seu desacordo con esta decisión.

Comunicado da APM

“A Asociación de la Prensa de Madrid (APM) rexeita a citación xudicial como investigados de 12 xornalistas de El Mundo, El País, ABC, El Confidencial, La Vanguardia, El Español, Cadena Ser e RTVE por informar sobre o sumario dos CDR cando a causa, que se instrúe na Audiencia Nacional, era secreta.

A APM considera que quen ten que gardar silencio son os funcionarios e non os xornalistas, cuxo deber é difundir información veraz e contrastada sobre asuntos de interese público.

Os xornalistas foron citados como investigados polo titular do Xulgado de Instrución número 41 de Madrid, Juan Carlos Peinado, apesar de que investiga un delito de revelación de segredos por parte de funcionarios públicos. Segundo este xuíz instrutor, os xornalistas serían cooperadores necesarios da citada revelación de segredos.”

Comunicado de Acijur

“Ante a decisión dun xuíz de Madrid de citar a declarar como investigados varios xornalistas de diversos medios de comunicación pola publicación de informacións referentes á investigación xudicial sobre a actuación dos coñecidos como CDR, a Asociación de Comunicadores e Informadores Xurídicos (Acijur), mostra a súa sorpresa e absoluto rexeitamento.

Desde o máis escrupuloso respecto ás resolucións xudiciais, que foi e é consubstancial a esta Asociación, Acijur discrepa desta decisión que pon en dúbida o valor constitucional da liberdade de prensa e sobretodo o do dereito á información, do que son titulares todos os cidadáns.

Sorprende que á hora de investigar unha suposta filtración, a autoridade xudicial cite a declarar a xornalistas en calidade de investigados e non de testemuñas, como parecería máis lóxico.

Acijur debe lembrar que os xornalistas teñen a obrigación de informar, que é elemento fundamental para a formación dunha opinión pública libre.

Acijur defende, como fixo sempre, o exercicio responsábel da actividade informativa, de maneira especial a que ten a ver coa Administración de Xustiza, mais non pode permanecer indiferente ante unha decisión xudicial que parece ir en dirección oposta á reiterada xurisprudencia do Tribunal Constitucional, que primou sempre o interese xeral que garante o dereito á libre e veraz información.

Finalmente Acijur mostra o seu total apoio aos xornalistas citados a declarar como investigados.”

Fontes: VilaWeb –  El Nacional Cadena Ser –