O xuíz Juan Carlos Peinado admitiu parcialmente o recurso da Fiscalía, que pediu que anulase as citacións dos imputados de oito medios de comunicación por actuaren no exercicio lexítimo da súa profesión.

 

Una multitud se concentra con esteladas en la manifestación de los CDR del pasado 18 de octubre. EUROPA PRESS

 

O xulgado de instrución número 41 de Madrid suspendeu as imputacións dedoce  xornalistas de oito medios de comunicación, a quen atribuía un delito de revelación de segredos por teren publicado informacións do sumario secreto da causa en que son investigados por terrorismo membros dos CDR.

Segundo informaron fontes xurídicas, o xuíz Juan Carlos Peinado admitiu parcialmente o recurso da Fiscalía, que pediu que anulase as citacións dos xornalistas en calidade de investigados, polo que estes xa non terán que acudir esta sexta-feira aos xulgados madrileños de Praza de Castilla.

Desta feita, segundo as fontes, o xuíz, que decretou o segredo da causa, levanta a imputación de xornalistas de Cadena Ser, El País, ABC, El Confidencial, El Mundo, La Vangarda, El Español e RTVE.

Fiscalía: “A información publicada cumpre cos requisitos constitucionais de información veraz e interese público”
No seu recurso, feito público na pasada sexta-feira, a Fiscalía sostiña que “a información publicada cumpre cos requisitos constitucionais de información veraz e de interese público”, polo que non é constitutiva de delito.

No seu parecer, non se lles pode esixir responsabilidade penal dado que actuaban en “o exercicio lexítimo da súa profesión ou oficio”, sen prexuízo de, caso existiren indicios da suposta comisión dun delito contra a Administración de Xustiza, poderen ser citados como testemuñas para “investigar o modo en que obtiveron esa información, o que podería proporcionar datos para a identificación dos supostos autores do citado delito”.

A causa ten a súa orixe na denuncia presentada na Audiencia Nacional polas defensas dos supostos membros dunha ala radical dos Comités de Defensa da República (CDR), investigados por terrorismo, que solicitaban fose investigada a “filtración masiva” do sumario, do que recentemente se levantou o segredo de forma parcial.

Ao non ser competente a Audiencia Nacional, o xuíz que os investiga, Manuel García Castelló, enviounos aos xulgados de Madrid en atención ao informe da Fiscalía da Audiencia.

Cando se coñeceu a noticia da imputación, varias asociacións como a Asociación da Prensa de Madrid (APM) ou a Asociación de Comunicadores e Informadores Xurídicos (Acijur) mostraron o seu rexeitamento á decisión do xuíz e defenderon que o deber dos xornalistas é divulgar información veraz e contrastada sobre asuntos de interese público.

Público