Vaia, agora resulta que Adrià Carrasco tampouco era un perigoso terrorista. E como que non o era -nin o foi nunca-, un xulgado de Granollers acabou arquivando o seu caso, practicamente tres anos despois, argumentando que “non había probas que acreditasen o delito” do cal foi acusado. Ollo, insisto, non o acusaban de roubar tres mandarinas, non. Non, non, o delito era TERRORISMO. Mais, vaiamos á terza-feira 10 de abril do 2018.

 

 

Adrià Carrasco - Wikipedia, la enciclopedia libre

 

Naquel día, gardas civís armados como para entraren a visitar a sede central de Estado Islámico, e non precisamente para ir tomar un té, foron a Viladecans. Por orde do xuíz da Audiencia Nacional (AN) Diego de Egea, detiveron Tamara Carrasco. Era a Operación Cadera, que recibiu este simpático nome porque eran as sílabas de CDR. Cadeira. Ocurrente, verdade? A manobra filtrouse á prensa e toda a que tiña que publicalo, sen cuestionar nada, explicounos que en casa de Tamara acharan un documento referido a un cuartel da Garda Civil “que as fontes consultadas cualifican de interesante para a investigación, mais cun contido que declinaron detallar”. Despois soubemos que o documento que a perigosa terrorista que nunca o foi era unha procura en google maps da dirección do cuartel da Travessera de Gràcia de BCN para ir manifestarse. Claro, porque ela era de Viladecans e non sabía onde estaba.

Pois ben, aquel día o xuíz tamén ordenara deter outro perigoso terrorista que nunca o foi. E foron á súa casa en Esplugues do Llobregat, mais el xa non puido atendelos porque saíra un momentito a comprar tabaco a Bélxica. Era Adri Carrasco e atrás deixaba a procuradoría da AN acusándoo de dous dos delitos máis castigados polo código penal español con até 30 anos de prisión, o xa citado de terrorismo mais tamén o de rebelión.

Sete meses despois, o sete de novembro, a AN retirou a acusación de terrorismo porque “non apreciou a súa existencia” e enviou o caso aos xulgados cataláns, que tardaron dous anos e dous meses en tomar unha decisión. Claro, xa se sabe, a pandemia, o frío, as eleccións do Barça, os bares medio fechados… e a cousa acaba prolongándose. Total, que España volta a ser aquel marabilloso estado de dereito onde calquera cidadán pode ser acusado de terrorista sen unha puta proba, pode ir en prisión pola cara, poden arruinarlle a vida con alegría e ao cabo do tempo que se considere oportuno todo fica en nada, sen que aconteza nada e daquí nun ano.

Si, porque, acontecerá algunha cousa aos autores do relatorio que serviu para sustentar esta besteira que presentaron ao xuíz sabendo que todo era falso? Sairán os procuradores públicos e o xuíz a dar explicacións dos motivos por que o acreditaron nel? Os medios de comunicación que publicaron acríticamente todas as informacións que lles foron ditadas, dedicarán agora o mesmo espazo a dicir que todo era mentira?

E xa que estamos… o Valtònyc qué? Foi condenado por dicir unha cousa que o tempo demostrou que era totalmente certa e que foi recoñecida polo propio defraudador pagando unha multa non menor cun diñeiro que, por certo, aínda non sabemos de onde sacou. E -tamén- o conseller Lluís Puig? A xustiza belga recusou a súa extradición por “falta de competencia do Supremo” e “risco de violación da presunción de inocencia” se for xulgado pola xustiza española. E o resto de exiliados, con causas xudiciais que acabarán igual que esta, que? E os presos políticos, entre os que hai un euro-deputado electo a quen arrancaron os seus dereitos e os usaron para acender a chaminea do Supremo?

O tempo e, sobretodo a verdade, desfixo a montaxe, mais os seus responsabeis continúan realizando o seu traballo. Talvez preparando outras acusacións tan consistentes como estas e, en todo caso, cobrando no fin do mes grazas aos impostos que pagamos e acumulando trienios para poderen acceder a unha suculenta pensión de xubilación. SEN-SA-CI-O-NAL! Porque aquí nunca pasa nada. Sobretodo para algúns.

Lu Forn

El Nacional