Ano após ano, as cantidades destinadas ao Ministerio de Defensa nos Orzamentos Xerais do Estado non inclúen a despesa militar total. Foi así durante os gobernos de González, Aznar, Zapatero e Rajoy e é así agora con Sánchez na Moncloa. Despois da aprobación dos seus primeiros orzamentos nos finais de 2020, case un ano despois do inicio da pandemia, a partida en Defensa voltou a subir. Prevese que a despesa militar total ultrapase a cífra record de 21.000 millóns no final de ano.

 

El gasto militar mundial escala a su máximo por el impulso de EE UU | Internacional | EL PAÍS

 

 

 

A pandemia non reduciu o gasto que o Goberno progresista destina ao Ministerio de Defensa que dirixe Margarita Robles. Os Orzamentos Xerais do Estado (PXE) aprobados para 2021 reflicten que a despesa crece até os 9.411 millóns de euros a respecto dos 8.737 millóns do exercicio anterior, quer dicir, representa unha suba do 7,7%. Hai que ter en conta que tanto os PXE de 2020 como os de 2019 foron prorrogados dos que foron aprobados en 2018, con Mariano Rajoy como presidente do Goberno e María Dolores de Cospedal como ministra de Defensa.

Ningún Goberno desde o que presidiu Felipe González até o actual de Pedro Sánchez, pasando polas lexislaturas de Aznar, Zapatero e Rajoy, reflectiu a despesa militar real no orzamento de Defensa. No caso concreto dos PXE presentados polo Goberno de Sánchez, a eses 9.411 millóns hai que engadir 1.151 millóns correspondentes aos organismos autónomos do Ministerio de Defensa e os 299 millóns cos que está dotado o Centro Nacional de Intelixencia (CNI), algo que ocorreu en todos os gobernos anteriores, con algúns matices e variacións.

 

O orzamento consolidado de 2021 elevaríase a 10.863 millóns a respecto dos 10.198 millóns de 2020, segundo o cálculo elaborado polo Centre Delàs d’Estudis per la Pau

 

Portanto, o orzamento consolidado de 2021 elevaríase a 10.863 millóns a respecto dos 10.198 millóns de 2020, segundo o cálculo elaborado polo Centre Delàs d’Estudis per la Pau, entidade independente especializada en análise de paz, seguranza e defensa, no seu relatorio Análise crítica do Orzamento de Defensa de 2021. Por outra parte, existen outras partidas escondidas noutros ministerios que, seguindo o criterio de organizacións como a OTAN ou o Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI), deberíanse contabilizar como gasto militar.

Estas partidas ‘ocultadas’ inclúen as pensións militares (clases pasivas militares), as pensións de guerra, as achegas á mutua militar do Instituto Social das Forzas Armadas (ISFAS), os fondos destinados á Garda Civil (Ministerio do Interior), os créditos a interese cero en I+D militar (Ministerio de Industria), os organismos militares internacionais (Ministerio de Exteriores) e a diferenza entre o orzamento inicial aprobado no Congreso dos Deputados e o orzamento liquidado ao acabar o ano. Engadindo estes emolumentos, como reflicte o Centre Delàs no seu relatorio, seguindo o criterio da OTAN e do SIPRI, o gasto militar en 2021 ascende aos 20.444 millóns a respecto dos 18.528 millóns gastados en 2020.

Contas maquiadas
Este organismo vai alén desas contas e inclúe tamén na despesa final os intereses da débeda pública. En total, o Centre Delàs conclúe que o gasto militar total sitúase en 21.623 millóns -un 1,8% do PIB- en 2021 a respecto dos 19.762 millóns -un 1,76% do PIB- gastados en 2020, o que supón un aumento do 9,4%. Esta cifra constitúe unha nova marca histórica no Estado español. “É un dato preocupante, que mostra que nin tan sequera nunha situación de emerxencia como a do covid-19 foi destinado ese aumento a responder ás necesidades sociais, como a emerxencia sanitaria e o orzamento de Educación, en momentos en que había que reducir o cociente [das aulas]”, explica a El Salto Jordi Calvo, investigador e coordinador do centro de investigación.

 

El Gobierno aprueba un gasto militar gigantesco de 7.331 millones: 5 fragatas, 348 blindados y mejoras en los cazas Eurofighter | España

 

A adulteración das contas públicas, polo que o Goberno quere facer crer que a despesa en defensa representa a despesa militar no seu conxunto, “é tentar auto-enganarnos”, afirma Jesús A. Núñez, economista, militar en reserva e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria

Esta adulteración das contas públicas, polo que o Goberno quere facer crer que a despesa en defensa representa a despesa militar no seu conxunto, “é tentar auto-enganarnos”, afirma Jesús A. Núñez, economista, militar en reserva e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH). Na súa opinión, os diferentes Gobernos que pasaron, de González a Sánchez, teñen unha ollada míope e temen que a transparencia poida suporlles un custo nas seguintes eleccións. “En lugar de facer pedagoxía política e promover un debate público sobre que defensa necesitamos, canto empregamos e investimos nela de maneira ponderada, xunto ao que hai que investir noutros asuntos, que podería levar a un resultado que non coñecemos, prefiren tratar a poboación como se estivésemos no infantario e disimular, en boa medida, o verdadeiro gasto que se realiza”, lamenta Núñez, quen considera que a sociedade española é suficientemente madura como para entender as cousas se se lle explican con transparencia.

As cifras en contexto
Antes de aprobar os PGE de 2021, o Goberno en solitario de Sánchez prorrogou os orzamentos de 2018 de Rajoy para 2019 e 2020. Portanto, desde 2018 até 2021, Defensa dispuxo dun orzamento de 8.737 millóns. En 2018, o gasto militar total, seguindo o criterio que utiliza o Centre Delàs, situouse en 19.843 millóns; en 2019, en 19.823 millóns; e en 2020, en 19.762 millóns, segundo consta nos relatorios “Crítica á razón do orzamento militar (anos 2019 e 2020)” e “Análise crítica do Orzamento de Defensa en 2021”. Por este motivo, case non houbo variación na despesa militar nos cursos 2018, 2019 e 2020.

En anos anteriores, o orzamento de Defensa pasara de 5.787 millóns en 2016 a 7.638 millóns en 2017. Se se inclúen as cantidades que non constan no orzamento e se teñen en conta as variacións que se producen ao longo da lexislatura, o gasto militar total -que inclúe os xuros da débeda, criterio que non segue a OTAN- pasou de 16.861 millóns en 2016 a 18.661 millóns en 2017. Alén diso, se se analisan as diferenzas económicas dos orzamentos entre 2017 e 2018, compróbase que pasaron de 7.638 millóns a 8.737 millóns. E se a estas cantidades se engaden os gastos atribuídos a outros ministerios e se suman os xuros da débeda, a despesa militar total sitúase en 18.611 millóns en 2017 e 19.843 millóns en 2019. En conclusión: aumentou nun 10,3% entre 2016 e 2017 e nun 6,6% entre 2017 e 2018.

 

“Non houbo nunca diferenzas sobre como abordan a despesa militar o PSOE ou o PP. Fixeron exactamente o mesmo”, valora Jordi Calvo, investigador do Centre Delàs

 

“Non houbo nunca diferenzas sobre como abordan a despesa militar o PSOE ou o PP. Fixeron exactamente o mesmo”, valora Jordi Calvo, investigador do Centre Delàs. Para argumentar a súa posición, pon o foco nas misións militares e no investimento armamentístico. “Ha ir a máis, cuns gobernos e con outros”, asevera. Paradoxalmente, a austeridade económica da primeira lexislatura de Rajoy conduciu a que o gasto en Defensa pasase de 6.316 millóns en 2012 a 5.787 millóns en 2016. Cinco anos despois, en 2021, sitúase en 9.411 millóns, o que supón un aumento dun 62,6% e unha diferenza de máis de 3.600 millóns. Apesar destas cifras, o Centre Delàs calcula que a despesa militar total pasou de 16.861 en 2016 a 21.623 millóns en 2021, quer dicir, case 5.000 millóns máis

Para facer unha idea aproximada do que supón un aumento así, chega con pór o foco na medida que o Goberno progresista anunciou como novo dereito social: o Ingreso Mínimo Vital (IMV), aprobado en plena desescalada da primeira onda do coronavirus e cuxo custo supón uns 3.000 millóns anuais, segundo o Ministerio de Inclusión e Seguranza Social. Quer dicir, durante este ano, o Goberno vai destinar sete veces máis diñeiro en despesa militar que no IMV. Matizar que falamos de despesa militar e non do orzamento en Defensa é importante, porque este é tres veces -e non sete- superior ao destinado ao IMV. O orzamento do ministerio tamén está moi por cima do destinado a outras políticas sociais, entre elas o fomento do emprego (7.405 millóns), os servizos sociais (5.201 millóns), o investimento en política de vivenda (2.253 millóns) ou o investimento en Cultura e Deporte (1.148 millóns).

 

COMERCIO DE ARMAS: El gasto militar mundial se dispara en 2019 y alcanza los 20.050 millones en España | Público

 

Máis investimento en armamento
O complexo militar industrial do Estado español tampouco descansa en pandemia. O programa 122B, sob o título Programas Especiais de Modernización, que oculta coidadosamente a palabra armamento, ten asignados gastos nos PGE do 2021 por valor de 2.341 millóns de euros. Unha cifra que ultrapasa en 177 millóns o orzamento de 2020, quer dicir, supón un aumento do 8,18%.

O documento argumenta que estes programas están destinados “á fabricación de equipes e sistemas de armas” e que a súa elección está determinada por “unha combinación de necesidades político-estratéxicas, económicas, industriais e tecnolóxicas”. O texto tamén explica que estes programas son necesarios para cumprir cos compromisos do Reino de España coa UE, fixados na política comunitaria en seguranza e defensa, así como cos acordos subscritos coa OTAN.

Entre os despesas máis importantes, destaca o avión de combate Eurofighter (EF-2000) con 488 millóns, o avión de transporte militar A-400M con 321,5 millóns, o submarino S-80 con 300 millóns, os helicópteros multipropósito NH90 con 280 millóns, os vehículos de combate 8×8 (os blindados Dragón) con 245 millóns e as fragatas F-110 de Navantia con 218 millóns. Se sumamos o resto das partidas, entre elas, os helicópteros Chinook CH47 (165 millóns), os vehículos de combate Pizarro (71,5 millóns), os helicópteros de ataque Tigre (69 millóns), a nova xeración de avións de combate Next Generation Weapons System-FCAS (53 millóns), o buque de salvamento marítimo BAM IS (53 millóns), o tanque Leopardo (48 millóns), o mísil contracarro (20 millóns) e outro Buque de Acción Marítima (5 millóns), alcanzamos os mencionados 2.341 millóns.

Este aumento é, para Calvo, outro exemplo máis de que as políticas do Goberno en materia de defensa non dependen de que goberne a esquerda socialdemócrata ou a dereita liberal conservadora. “No que di respecto a grandes investimentos en programas de armamento, o que decide un goberno cúmpreo o seguinte sen o cuestionar. O Goberno actual, de PSOE e Unidas Podemos, parece que chegou a un pacto en que Unidas Podemos non existe en todo o que se refire a Defensa. Así nolo fixeron saber desde o grupo parlamentario”, remarca Calvo.

No que toca aos compromisos do Reino de España coa UE e a OTAN, Núñez explica que hai gobernos máis atlantistas, quer dicir, máis situados a favor da OTAN, e gobernos máis europeístas, máis favorabeis a que a UE aposte pola súa autonomía estratéxica. Contodo, matiza, ningún goberno prescinde totalmente dun ou outro actor. QA primeira opción fundamental é a UE, mais non ten capacidade real para atender todos os riscos ou ameazas que a afectan, en tanto que a OTAN leva décadas funcionando”, afirma Núñez, co que a política en defensa basculla entre estas dúas posicións a distintos niveis. “O que acaba de ocorrer en Afganistán demostra, máis unha outra, que a UE non ten capacidade propia nin sequera para montar unha operación de evacuación da súa propia xente e que segue dependendo hoxe, igual que onte, dos EUA”, analisa.

 

El gasto militar español volverá a superar este año los 20.000 millones de euros | Público

 

A quen exportamos armas
De entre todas as exportacións de armamento que realiza o Goberno, hai dous destinos que son especialmente sensibeis á opinión pública: as monarquías absolutas da Arabia Saudita e os Emirados Árabes Unidos. O Reino de España exportou á ditadura saudita armas como munición e morteiros por 48,3 millóns en 2020 e autorizou 26 licenzas por 215 millóns en aeronaves e buques de guerra, segundo o relatorio “Estatísticas españolas de exportación de material de defensa, doutro material e de produtos e tecnoloxías de dobre uso do ano 2020” da Secretaría de Estado de Comercio. Así mesmo, exportou aos Emirados Árabes Unidos pistolas e granadas por 27,7 millóns en 2020 e autorizado 34 licenzas en munición, explosivos e outros materiais por 60 millóns.

O outro inconveniente que ten asinar acordos con estes dous países é que ambos forman parte da coalición encabezada pola Arabia Saudita que participa na guerra do Iemen desde 2015. Todas as partes implicadas no conflito armado cometeron violacións graves do dereito internacional e abusos contra os dereitos humanos, segundo denunciaron organizacións como Oxfam Intermón ou Amnistía Internacional. “A poboación do Iemen sufriu alén da capacidade humanaQ, asegurou Michele Bachelet, alta comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos no pasado 1 de marzo de 2021. Albert Garrido, xornalista especiaista no mundo árabe e profesor universitario, vai máis aló. “A situación no Iemen é catastrófica. É un dos países do mundo onde agora mesmo hai máis problemas de desabastecemento, fame e moitas doenzas infantís. A intervención da Arabia Saudita masacrou o país”, explica a El Salto.

A secretaria de Estado de Comercio, Xiana Méndez, explicou no pasado 24 de xuño nunha comparecencia na Comisión de Defensa do Congreso que o Goberno comezou a aplicar, en maio de 2020, un mecanismo de control para comprobar o uso e destino final do armamento que se exporta, comezando pola Arabia Saudita e os Emirados Árabes Unidos. “É unha das zonas grises que existen a nivel mundial co tratado de comercio de armas”, sostén Núñez, quen asegura que practicamente non hai maneira de comprobar que esas armas non se estean utilizando na guerra do Iemen. “Está a estudarse como perfeccionar esas medidas de control para evitar que despois haxa reexportacións a outros países ou para evitar que sexan usadas para fins que non son os declarados inicialmente, mais continúa sendo unha materia pendente”, explica.

É unha opinión coa que coincide Garrido. “Non hai maneira de verificar que o armamento vendido non sexa utilizado na guerra do Iemen”, asegura. Núñez o ilustra da seguinte maneira: noutras zonas de conflito apareceron armas fabricadas en territorio español, mais supor que iso é unha venda de España a ese país é soamente iso, unha suposición. O mercado negro determina que ao final pode aparecer unha arma en calquera recuncho do planeta, sen que por trás haxa unha operación de Estado a Estado”, esclarece.

No que se refere á exportación de armamento anual, non ten sentido comparala ano a ano porque os contratos para un determinado programa prolónganse no tempo desde a súa asinatura até a súa fabricación e posterior exportación. “Esta controversia mediática, política e social fixo que a venda de armamento a estes dous países probabelmente ficase conxelada, fose máis discreta ou ficou máis escondida, mais, na realidade, non foi paralisada”, afirma Calvo. Exemplo de que o Executivo progresista non mudou a súa política de exportación de armas son as cinco corvetas que Navantia fabrica para a Arabia Saudita. “A medida que vaian sendo entregadas, deberían aparecer nas estatísticas de exportación”, explica Calvo, aínda que iso non sempre é así, lembra, como a maioría das armas que Everis vendeu ao réxime saudita en 2018 e que a secretaría de Estado de Comercio non incluíu nas súas estatísticas de exportacións. “O Goberno ten a posibilidade de non informar daquelas cuestións que considera que teñen a ver con aspectos delicados da seguranza nacional”, lamenta Calvo.

Neste sentido, durante toda a historia democrática española, houbo unha falta de transparencia importante. “España non se distingue, dentro da UE, por ter unha política de transparencia e comunicación ao nivel que sería desexáel”, segundo Núñez. E esa falta de transparencia, explica, acaba redundando negativamente sobre as decisións que toma o Goberno. Mesmo acaba alimentando boatos.

El Salto Diario