A denuncia por torturas presentada polo preso bilbaino Raúl Fuentes foi desestimada o ano pasado pola Audiencia de Bilbo que arguiu que os feitos eran de 1991 e están portanto prescritos. Mais hai doutrina internacional suficiente para abrir un debate a respecto diso no Estado español, polo que Fuentes levou a cuestión ao Constitucional.

 

0211_eg_tortura1

 

Na véspera do 13 de febreiro, día emblemático contra a tortura en Euskal Herria pola morte de Joxe Arregi, chega á máxima instancia xudicial española un debate que non consta teña abordado nunca. O preso bilbaino Raúl Fuentes Villota recorreu en amparo ao Tribunal Constitucional despois de ver como a súa denuncia de torturas era desestimada pola Audiencia de Bizkaia escudándose na prescrición do delito. Os tormentos aconteceron en 1991 e foron denunciados no seu momento por Fuentes tanto aos forenses como ao xuíz da Audiencia Nacional, mais como é práctica habitual, condenada por Europa, a denuncia non deu orixe a ningunha investigación.

Desde entón, Fuentes tivo un périplo vital complicado: encarcerado entre 1991 e 1995, exiliouse ao ser posto en liberdade e foi despois detido en Liverpool -en 2012-, extraditado e encarcerado no Estado español en 2014. Iso fixo que non formulase denuncia até 2018, no Xulgado de Instrución de Bilbo, que é onde ocorreron os feitos. Este non tardou en rexeitala e o mesmo fixo posteriormente a Audiencia Provincial, que argumentou tamén que o delito no seu caso estaría xa prescrito.

A única opción xudicial de insistir na súa denuncia era acudir ao Constitucional mediante a vía do recurso de amparo. E diso encarregouse o seu avogado, Iñigo Iruin, que basea o seu razoamento en resolucións de Estrasburgo e a Corte Iberoamericana de Dereitos Humanos nomeadamente.

Prescrición, aquí e fóra
A Audiencia Provincial de Bizkaia cita na desestimación do recurso de Fuentes que os delitos no Estado español prescriben aos 20 anos cando a pena máxima atribuíbel for de 15 ou máis anos; aos 15, cando for de máis de 10; aos 10, se estiver entre 5 e 10; e aos cinco caso o delito for castigábel con menos aínda. Se temos en conta que en 1991 estaba vixente o Código Penal de 1973, que establecía penas moi baixas para casos de tortura, o prazo de prescrición resulta efectivamente moi curto.

Esa literalidade, contodo, non esgota o debate. Atendendo á base do Dereito Internacional sobre dereitos humanos e ao dereito Penal Internacional, obsérvase unha aposta clara por que este delito non prescriba, igual que ocorre cos de lesa humanidade, por exemplo. E, de feito, en 2009 o Comité contra a Tortura da ONU comunicou ao Estado español que «debería asegurar a imprescriptibilidade da tortura en todo caso», e en 2015 engadiu noutro relatorio que «ao Comité preocupa que a prescrición para o delito de tortura continúe vixente».

Sen investigación algunha
Un argumento engadido a este, e achegado xa na denuncia de Fuentes en Bilbo, é que cando se produce un delito tan grave «non se pode facer recaer a responsabilidade da non-actuación na vítima». Nos tribunais españois está plenamente acreditado que Raúl Fuentes denunciou os malos tratos que estaba a sufrir no mesmo momento, tanto durante a incomunicación como posteriormente ao pasar ante o xuíz, mais nin se activou unha indagación propia nin se remitiron os feitos aos xulgados de Bilbo. Convén lembrar que Madrid xa foi condenado case unha decena de veces polo Tribunal Europeo por non investigar torturas.

Na propia AN hai un recoñecemento expreso diso. O voto particular do maxistrado José Ricardo de Prada no fallo que condenou Fuentes en 2014, despois de ser extraditado desde o Reino Unido, constata que «o rexeitamento da existencia [de torturas] que fai a sentenza da maioría sen se ter feito unha mínima investigación» supón «unha violación flagrante das obrigacións dos tribunais».

Naiz