Os refuxios destinados a acoller as crianzas afgás evacuadas do país despois da vitoria dos talibán non estaban preparados nin dispuñan dos recursos para ofrecer o apoio de saúde mental que necesitan estes menores.

 

Afganistan                                  Familias en Afganistán esperando a ocasión de escapar

 

José Antonio Gómez

Nunha tarde fría e nublada de inicios de xaneiro, 19 crianzas afgás foron transferidas en furgonetas a un refuxio administrado pola organización sen ánimo de lucro Samaritas en Grand Rapids, Michigan.

Os empregados do refuxio ouviran dicir que poderían recibir crianzas afgás, mais pensaron que terían dúas ou tres semanas para se prepararen para a chegada.

En troca, recibiron un aviso con apenas 24 horas de antecedencia. Unha instalación federal de admisión de emerxencia que albergaba ducias de crianzas afgás a case 135 quilómetros de distancia en Albion, Michigan, fechou abruptamente, dispersando as crianzas a instalacións de todo o país, incluída Samaritas.

O refuxio non estaba preparado. Todo, desde a comida até o material de lectura e os procedementos de queixas e as regras, todo o que había estaba preparado para crianzas centroamericanas.

Nun día normal, ao redor de 10.000 crianzas e adolescentes están baixo a custodia da Oficina de Reasentamiento de Refuxiados (ORR) en todos os Estados Unidos, a grande maioría deles de Centroamérica. As instalacións que os reciben costuman ter empregados que coñecen o seu idioma e cultura. Os traballadores a miúdo falan español ou son inmigrantes latinoamericanos ou fillos de inmigrantes. Entenden o que motiva os adolescentes centroamericanos a emigrar cada ano: buscar unha mellor educación, fuxir da violencia das gangues e gañar dólares para manteren as familias.

As crianzas latinoamericanas tamén saben que esperar porque ouviron historias de amigos e parentes que emigraron antes que eles. Saben que pasarán uns 30 días sob a custodia da ORR antes de os enviaren a vivir cunha familia de acollemento. No entanto, as crianzas afgás eran unha historia completamente diferente.

Acoller as crianzas afgás encontrou os albergues absolutamente desprevenidos. Moitos necesitaban alfombras de oración, carne halal e conexións con musulmáns locais que puidesen dirixir as oracións do sexta-feira. Mesmo con intérpretes que falaban pashto ou dari, a comunicación entre as crianzas e os empregados era difícil, o que xeraba malentendidos e desconfianza.

Nas horas previas á chegada das crianzas a Grand Rapids, os membros do persoal loitaban porque se producía un duro choque cultural tanto para os menores como para os propios traballadores.

Houbo moitas complicacións inesperadas, mais en Samaritas pensaron que se non o facían as crianzas ficarían desamparadas.

Traumas, tentativas de suicidio e abusos sexuais

O trauma entre os xovens era máis grave do que viran até ese momento. As crianzas estaban desesperadas por chamar a casa para saberen dos pais e outros familiares, algúns dos cales traballaron para o goberno dos Estados Unidos ou para contratistas e convertéronse en obxectivos potenciais para os talibán. Algúns menores sentían culpabeis por estaren nos Estados Unidos en tanto as súas familias loitaban polas súas vidas en Afganistán.

Despois de as crianzas teren chegado a Samaritas, a policía de Grand Rapids respondeu case cada dous días a chamadas sobre incidentes como persoas desaparecidas, ameazas de suicidio, pelexas e agresións.

Un rapaz puxo unha corda ao redor do pescozo para se enforcar. Un menor tentou asfixiar outra crianza cunha bolsa de plástico. Uns días despois, un traballador atopou unha crianza rascando o antebrazo porque “cando o corpo sente dor, impede á cabeza pensar nos seus problemas”.

Entretanto, o Departamento de Saúde e Servizos Humanos de Michigan, que supervisa os Servizos de Protección Infantil do estado, investiga as denuncias relacionadas con Samaritas, aínda que non está claro en que consisten exactamente porque o hermetismo é absoluto amparándose na confidencialidade.

En Chicago, nun albergue operado por Heartland Human Care Services víronse superados pola falta de intérpretes. A policía foi chamada repetidamente ás instalacións. En xaneiro, os oficiais detiveron un mozo de 16 anos acusado de dar pontapés e bater en dous traballadores porque o separaron dos amigos.

Nun comunicado público, Heartland afirmou que o seu albergue non contaba cos recursos suficientes para brindar o apoio de saúde mental que necesitan algunhas crianzas. “Heartland non é a única que sofre a grave falta de recursos de saúde mental, que afecta dramaticamente as crianzas sen acompañamento”, afirmaba o comunicado.

Starr Commonwealth, o sitio de admisión de emerxencia en Albion, parecía comezar mellor. Ofrecía un contorno acolledor con cabanas residenciais nun campus verde e exuberante cando chegaron no outono pasado e, con diferenza ao que acontecía en Heartland, tiña intérpretes de dari e pashto.

Mais os avogados que visitaron as crianzas en Starr alertaron desde o principio. O sitio era demasiado restritivo e as crianzas queixábanse da falta de actividade física e de non poderen chamar as familias.

Por outro lado, debido á súa condición de sitio federal de admisión de emerxencia, Starr non tiña licenza do estado. Os activistas da inmigración critican o uso que fai o goberno destas instalacións de emerxencia porque funcionan sen supervisión estatal independente.

O goberno Biden comezara a alugar o campus a unha organización sen ánimo de lucro co mesmo nome e na primavera pasada en resposta á grande cantidade de crianzas centroamericanas que cruzaban a fronteira. Despois Starr pasou a albergar crianzas afgás.

Como ficaron moito tempo apesar de Starr estaba deseñado para estadías breves, a oficina do shériff local comezou a recibir chamadas sobre pelexas, fugas e comportamentos suicida. O albergue, en realidade, lembra unha prisión.

Antes de fechar, no inicio de xaneiro, a oficina do shériff no condado de Calhoun recibiu referencias de polo menos cinco denuncias de Protección ao Menor en apenas tres semanas. Nun caso, un rapaz de 16 anos dixo que dous traballadores o empurraron berrando. Ao ser entrevistado por un deputado, un dos traballadores recoñeceu ter gritado de frustración mais dixo que non espancaba crianzas.

O outro traballador foi suspendido despois de ser acusado de dar pontapés nunha crianza cando esta estaba rezando.

Houbo outros problemas. As autoridades responderon a tres denuncias de abuso sexual ou comportamento inapropiado entre crianzas, incluído un neno de 8 anos que dixo ter sufrido tocamentos doutro neno de 13 anos no se cuarto pola noite. Cando estes casos chegaron ao Ministerio Público as crianzas xa estaban noutro local.

Non está claro quen empregou os traballadores, xa que Starr foi contratado principalmente por PAE Applied Technologies, un contratista federal.

En Starr e nos albergues de todo o país, os traballadores estaban abafados de traballo. Algúns expresaron a súa frustración e chamaron as crianzas “mimadas” por pediren máis tempo para falar por teléfono e comida afgá, que, co tempo, recibiron. Outros empregados sospeitaron que os seus colegas tiñan medo das crianzas. Un voluntario cualificou a situación dentro dun albergue como unha “pota de presión^”.

Algunhas das crianzas afirman que foron ameazadas con seren enviadas de volta ao Afganistán caso se comportaren mal.

A escaseza de persoal agravou as tensións. Nas últimas semanas, os administradores de Samaritas ofreceron aos traballadores un bono de 500 dólares se facían horas extra.

A finais de marzo, Samaritas detivo as operacións no refuxio de Grand Rapids para contratar e capacitar persoal. A decisión foi tomada polos Servizos Luteranos de Inmigración e Refuxiados, que ten a subveción de Samaritas coa ORR.

Menos de tres meses despois da chegada a Samaritas, as crianzas estaban de novo en movemento, transferidas a novas instalacións.

Melissa Adamson, avogada do Centro Nacional para a Lei da Mocidade que está autorizada para entrevistar crianzas sob custodia de inmigración dos EUA., afirma que as continuas transferencias “desestabilizan aínda máis o seu xa fráxil sentido de seguranza”.

No outono pasado, a ORR comezou a ofrecer capacitación especial para o persoal dos albergues que atenden crianzas afgás. A axencia tamén comezou a permitir que mentores voluntarios da comunidade estadunidense de orixe afgá visiten e presten apoio emocional ás crianzas. En xaneiro, a ORR comezou a enviar especialistas en saúde mental musulmáns e estadunidenses de orixe afgá aos refuxios através dun programa co Comité dos Estados Unidos para Refuxiados e Inmigrantes.

Diario16