A prensa reproducía a “información” que lle pasaba a policía política (toda o era); quer dicir, o Gobernador Civil; quer dicir, o Ministerio; quer dicir, o Goberno; quer dicir, a Xefatura do Estado. Franco e os seus xenerais.
Unha das características dun sistema político totalitario é que a prensa sexa un dos brazos do Estado e non un instrumento independente que garanta á cidadanía o beneficio da liberdade de expresión e opinión (naturalmente, que os procuradores e xuíces non sexan franquistas biolóxica, caracterolóxica e ideolóxicamente tería que ser outro requisito, mais iso xa é fariña doutra saca).
No Reino de España, continuación do Estado fundado no 18 de Xullo de 1936, a cidadanía non benefícia realmente do dereito a unha prensa independente pois son mínimos os medios que tentan esa independencia, como este que me acolle. Estes días o Goberno divulgou novamente informacións sobre unha operación da Garda Civil para desmantelar Resistencia Galega. Debe ser moi difícil e de moito mérito desmantelar unha pantasma pois esa tal organización continúa sendo unha presenza evanescente que aparece e desaparece a impulsos do goberno de turno en Madrid. Unha organización que nunca reivindicou a súa existencia, que non comete atentados e da que non se coñece nin a organización nin o número aproximado de militantes e que só ten un nome, Resistencia Galega, posto pola propia policía do Estado, é o máis parecido ás pantasmas.
Imaxino que quen a inventou debeu de ser alguén que imaxinou a Galiza sob o tópico das meigas e a Santa Compaña, a procesión das pantasmas da parroquia.
Mais iso non impede que houbese detencións e longas penas que se pagan sen que existan probas, nin sequera un xulgamento, naturalmente en penais fóra da súa terra, preferibelmente na proximidade da capital do Estado. As vulneracións de dereitos e o carácter exemplarizante das actuacións da Xustiza española contra os presos políticos cataláns que aos poucos van sendo percibidas pola opinión pública española son a continuación de actuacións “de excepción” que viñeron ensaiándose e practicando con regularidade antes en Euskadi, en Catalunya e na Galiza.
Outra característica dos Estados totalitarios é que, caso non o haber, necesitan crear os seus propios terrorismos para xustificar a súa propia natureza autoritaria íntima.
O carácter político último destas actuacións, a súa auténtica natureza, móstraa a acusación de Feijóo -o amigo de narcotraficantes e conmilitante do recentemente detido proxeneta Juan Pérez Miramontes- de ter afectos e proximidades ideolóxicas da pantasma Resistencia Galega co BNG. O inimigo é calquera ideoloxía ou proxecto político que cuestione este Estado tal cal é.
Mais a miserábel insidia de Feijóo fainos voltar ao ano 2015, cando un xuíz da Audiencia Nacional, antes TOP, chama a declarar o portavoz e o secretario de organización dese mesmo BNG precisamente por se houbese relación algunha coa tal Resistencia Galega. Esa citación e comparecencia fíxose en plena campaña electoral, xa poden imaxinar que favor se lle facía á organización soberanista galega que, efectivamente, aquel ano perdeu a súa representación nas Cortes.
Non nos estrañe que a prensa cualifique de “terroristas” persoas detidas sen seren xulgadas, reproducindo o que digan as policías pois a prensa en España, igual que a Xustiza, o Exército, as policías e a Administración, non cortou co franquismo, continuou na mesma. E a prensa verdadeiramente profesional e independente continúa a ser tan minoritaria como o foi a oposición ao franquismo.
Suso de Toro