Onte soubemos que Otegi foi xulgado por unha maxistrada que non debería estar no tribunal por non ser imparcial. O Tribunal de Dereitos Humanos recoñeceu que a xustiza española non reaccionou ante unha circunstancia que o privaba dos seus dereitos recoñecidos pola Carta europea, en concreto, o dereito a un tribunal independente e imparcial. Otegi comeu xa o seis anos e pico de cárcere. Talvez poida agora acudir ao Tribunal Supremo con este fallo a tentar finiquitar tamén a súa condena de inhabilitación. E isto, como pasou? O certo é que o sistema español debería de neutralizar esta vulneración de dereitos. Os mecanismos existen. Houbo unha primeira anulación dun xuízo pola frase parcial e preconceptuosa pronunciada no plenario pola maxistrada Ángela Murillo. Por que non se abstivo ela cando volveu cruzarse con Otegi? Por que a sala que tivo que ver a súa recusación no caso Bateragune non viu que con ese antecedente estaba xa contaminada? Por que só dous maxistrados do Supremo no recurso se deron conta de algo tan obvio, que a maioría pasou por alto? Non será pola deficiencia técnica manifesta de todos eles, non. Ao que se asistiu nese caso é a un claro exemplo do dereito penal do inimigo e á protección prestada polas instancias xudiciais aos seus propios membros, cando así se estima máis apropiado para a razón de Estado. Total, se é caso, xa chegará despois Estrasburgo mais, de camiño, levan cárcere e escarmento. Ou van ser tan inxenuos de pensar que os maxistrados que formularon a doutrina Parot non alcanzaban a ver que ía ser moi difícil que pasase o filtro do TEDH? Eu, persoalmente, non. Pragmatismo e razón de Estado. A armazón xurídica conseguiu mantelos en prisión uns cuantos anos máis. Ben valía probar, non?

Así que así ían as cousas nos tempos do ‘todo é ETA’. Xa saben que a inicial teoría dos círculos de impunidade que daban sustento á organización terrorista foi desenvolvida pola Audiencia Nacional, singularmente iniciada polo xuíz Garzón, e consistiu en ir estendendo a responsabilidade criminosa á contorna máis próxima, ao do financiamento, ao dos medios de comunicación, ao de… Ao final fíxose extensivo tamén ao caso Bateragune nunha instrución da que chegou a dicir un catedrático da UPV: “…nun auto que descontextualiza para encaixar cada actuación na pedra angular de todo é ETA e con vaporosa literatura de fantasía para xerar un relato imposíbel”. E aí o deixo, que non hai lector parvo. Tampouco vos sorprenderá entón que un dos fiscais máis expertos na construción dese relato cada vez máis amplificado das actividades, até chegar ao político, sexa unha das cabezas pensantes da acusación contra os políticos cataláns.

Por que se inadmiten o 98% dos casos presentados polos cidadáns e están sendo admitidos o cento por cento dos presentados polo procés?

Agora, todo é procés. En Madrid sempre se fala do xuízo do procés e nunca do xuízo do 1-O. E o xuízo polo procés entronca “salvando evidentemente o sangue vilmente derramado” coa mesma razón última coa que chocaba a actividade criminosa da ETA, que non é outra que a sacrosanta unidade da patria. Non nos debe estrañar pois que todo o sistema de recursos e de protección de dereitos procesuais bata contra unha barreira infranqueábel. Total, para Estrasburgo falta moito. Pode faltar unha eternidade, sobretodo á vista do movemento do Tribunal Constitucional de admitir a trámite dunha forma inusual os recursos presentados polos cidadáns cataláns. En contra do habitual, están a admitir a trámite todos os recursos de amparo presentados polo procés. Díganme se o fan porque desexan darlles a razón ou porque así poden calcular os tempos e adiar a chegada a Estrasburgo de calquera tipo de recurso. Por que se inadmiten o 98% dos casos presentados polos cidadáns e estan sendo admitidos o cento por cento dos presentados polo procés? Eu non me alegraría moito por iso.

Así que, se callar, Estrasburgo fica a moitos anos de condena. Todo depende de cal for a estratexia. Non só a das acusacións -que tanto balbordo causou nestes días- senón tamén a das defensas. No foro están a dar moito que falar as diverxencias entre as diferentes representacións letradas e, sobretodo, as declaracións publicadas por un medio español e moi español en que se afirma que “o caso será gañado en España”, en boca de Olga Tubau ou que “hai que esgotar as vías en España antes de internacionalizar a causa”, na de Van dean Eynde ou Melero. No fin de contas, isto supón xogar cunhas regras que son as que o sistema conta que se acepten. Eu espero con ansia os escritos de defensa.

 

Así poden calcular os tempos e adiar a chegada a Estrasburgo de calquera tipo de recurso

 

Como xa lles adiantaba a semana pasada, a Avogacía do Estado vai xogar un papel activo no xuízo. Ese rol en sala creo que nos vai a presentar unha novidade interesante dado que haberá unha representación do Estado xogando as bazas da inexistencia de violencia. Algo que preocupa tamén porque, en Estrasburgo, daría unha baza aos recorrentes. Eu, polo que sei, tampouco descartaría que as acusacións, excepto Vox, aínda rebaixen as súas peticións no trámite de conclusións na vista oral mais, mesmo así, a absolución parece impensábel, non hai segunda instancia, e Estrasburgo pode estar a anos non de luz senón de tebras. Obviamente, a opción da petición de indulto inhabilitaría completamente esa vía.

Así as cousas, e como xa saben que eu batallo firmemente para que as fallas evidentes do estado de dereito español se vexan retratadas, afeadas e, obviamente, purgadas, pregúntome se no fin todo vai ficar en augas de bacallau e se a verdade sobre o forzamiento dos principios, mesmo do dereito penal, nese caso vai chegarnos cando xa non poida solucionar nada: nin aos procesados nin a todos os que ansiamos que a lama deixe de escorregar pola xustiza dun estado que reclamamos democrático.

Elisa Beni

El Nacional