Unha resposta a través do Portal de Transparencia detalla que todas as reparacións, como os brazos da cruz ou a portada da basílica, son pagadas tamén o Estado, así como os salarios, no que se inviste un millón de euros ao ano.

 

 

 

O ditador Francisco Franco tivo un soño: construír un grande conxunto monumental para celebrar o seu triunfo após o golpe de estado. Esa magnífica obra constaría de abadía de monxes, hospedaría, escolanía de nenos cantores, unha chaira rodeada de árbores, unha igrexa e a maior cruz do cristianismo. Ese coloso para conmemorar a súa ‘cruzada’, como a denominou no decreto de creación do Val dos Caídos de 1940, foi levantado durante a súa ditadura e continúa a pagalo o Estado 78 anos despois da súa creación. Patrimonio nacional corre cos gastos de mantemento, de persoal e financia todo tipo de actividade relixiosa alí. Mesmo paga as facturas para a manutención e actividade relixiosa dos monxes.

Todos os edificios do Val son de Patrimonio Nacional: bens públicos que non pagan impostos. Para xestionar esta construción franquista foi creada a Fundación da Santa Cruz del Valle de los Caídos en 1957, cuxa beneficiaria é a abadía de monxes benedictinos. É unha fundación privada de carácter relixioso que recibe todos os anos un subsidio directo do Estado de 340.000 euros para cumprir os seus fins: ‘Rogar a Deus polas almas dos mortos na Cruzada Nacional’, dirixir unha escolanía de nenos cantores, recoller o pensamento de pontífices, manter o culto ‘con todo o esplendor que a Igrexa recomenda” Ademais desta transferencia directa, Patrimonio Nacional, que depende do Ministerio de Presidencia, paga todas as despesas. Desde reparar unha cornixa, xestionar a venda de entradas, coidar a hospedaría ou financiar o vestiario e os hábitos dos relixiosos.

En que gastan os monxes eses 340.000 euros anuais? A opacidade rodeou sempre esta cifra. De feito, o Tribunal de Contas fixo en 2013 un duro relatorio en que reprochaba a Patrimonio o descontrol na despesa deste diñeiro público e eno que evidencia que ‘non se elabora un orzamento de ingresos e despesas nin se renden contas da súa execución (…). Deste subsidio non se rendeu nunca conta xustificativa’, sentencia. Ademais de alertar dalgúns erros nas cotizacións, conclúe que se incumpre a Lei Xeral de Subsidios pola falta de control público.

Tamén alerta de que, até ese ano, a transferencia dos 340.000 euros facíase directamente á abadía de monxes, en lugar de a facer á fundación relixiosa que xestiona o Val, unha medida que Patrimonio asumiu a partir de 2016, aínda que os destinatarios finais continúan a ser os benedictinos. En 2017, o Goberno si aprobou un relatorio de fiscalización das contas, segundo relata nunha resposta a eldiario.es através do portal de transparencia, mais sen o achegar. eldiario.es solicitouno a Patrimonio, que confirma que non o vai facer público.Vale.

Desagregación de despesa dos 340.000 euros anuais que reciben os monxes

A única referencia de en que gastan os monxes ese diñeiro está no propio relatorio do Tribunal de Contas de 2013: As verbas máis importantes van a cotizacións (máis de 100.000 euros) e a alimentación (84.676 euros), seguidas de combustibel -gasóleo e garrafas de GLP- (72.033). As excursións organizadas polos relixiosos levaron 8.441 euros e o vestiario, máis de 10.000 euros. En libros, os monxes da abadía gastaron 5.778 euros públicos, xa que entre os seus fins está manter unha biblioteca especializada ‘en materia relixiosa e católico-social’, segundo o decreto de creación da fundación.

Os gastos derivados do culto e as misas tamén son por conta do Estado: 9.659 euros. Finánciase tamén con impostos a factura de teléfono, en que a orde benedictina que coida do Val empregou 12.778 euros en 2013. Alén destes datos, é un misterio que pasou nos anos anteriores ou posteriores e como foi a repartición de gastos, porque Patrimonio non os facilita.

 

valle

 

Entón, que pagan os monxes ou a Igrexa? Fontes eclesiásticas confirman que nada e, preguntada oficialmente a abadía, non responde. Os monxes non teñen salario porque fixeron voto de pobreza, de modo que ese gasto non é imputabel.Se a súa manutención, o persoal do Val e o mantemento das instalacións son financiados polo Estado, non restaría ningunha despesa importante ao que facer fronte, segundo confirman a eldiario.es expertos en materia contábel.

Ademais dos 340.000 euros anuais para os fins relixiosos da fundación e os seus monxes (agora moran alí 24 máis tres acólitos), o Estado pon o diñeiro para reparacións do Val dos Caídos, que ten serios problemas de humidade e desprendementos. Segundo as despesas e investimentos remitidos polo portal de transparencia, empréganse uns 250.000 euros públicos anuais de media: desde o mantemento do funicular (máis de 100.000 euros en tres anos), conservación das estruturas dos brazos da cruz (22.000 euros), reparación de cornixas da Abadía (11.610 euros), das carpintarías da escolanía (45.000 euros) ou a enfermaría para os monxes (45.000 euros). En salarios de persoal, segundo datos facilitados por Patrimonio, empréganse ao redor dun millón de euros ao ano (dos 1,2 millóns de 2014 aos 1,02 de 2017). Isto non contempla os monxes, senón o persoal de servizos dedicado ao Val.

Mais, alén do financiado polo Estado, o monumento franquista deu perdas o ano pasado. As despesas son superiores aos ingresos que obtivo Patrimonio pola venda de entradas (1,3 millóns anuais) e outros ingresos patrimoniais. Segundo os datos oficiais, 2017 deixou un déficit de 425.583,33 euros, unhas perdas que financia tamén o sistema público.

eldiario.es