Resultado de imaxes para gemelos de prado comisaria ourenseOs policías xemelgos investigados en Ourense pola morte dun compañeiro. Brais Lorenzo (EFE)

Un sarillo de autos, providencias e recursos enmaraña a investigación xudicial aberta en 2016 pola morte violenta do axente Celso Blanco, responsábel de prensa na Policía Nacional de Ourense. O seu corpo apareceu na noite dun sábado caído sobre a mesa do seu gabinete na comisaría cun tiro na témpora e un regueiro de mensaxes autoinculpatorios de maior carga deflagrante que a bala que o atravesou.

A morte do axente Blanco tería fechado o nunca esclarecido roubo de seis armas do búnker da comisaría se a xuíz Eva Armesto, que estaba de garda, non tivese sospeitado, como a familia do falecido, que non encaixaba cun suicidio e non tivese ordenado deter os policías xemelgos Bernardo e Roi De Prado, agora en liberdade sob fianza. Despois de dous anos de investigacións, aos que se suma un prolongamento da instrución por outros 36 meses, o sarillo xudicial que envolve esta causa enmaráñase con outras tramas xurdidas dun mesmo tronco: o da corrupción na comisaría.

Os xulgados ourensáns investigan desde finais de 2014 un armazón delituoso baseado, segundo todos os indicios, nos rancores, ciúmes e vendettas entre grupos de policías. De momento, van catro causas abertas, ás que poderán ir sumándose outras novas. A morte na comisaría -sexa finalmente homicidio ou suicidio- acabou evidenciando o groso calibre dunha guerra interna que libraban entre eles os defensores da lei no interior do edificio máis blindado da cidade. A aparente normalidade de corpo policial na apracibel capital ourensá -unha das do Reino de España con menor índice de delitos- comezou a esnaquizarse en 2014, cando varios medios de comunicación locais recibiron anónimos inxuriosos (investigados nunha destas causas) en que se alertaba do suposto trato de favor a traficantes de droga por parte da brigada de estupefacientes.

 

Resultado de imaxes para gemelos de prado comisaria ourense

 

A difusión dos anónimos derivou na abertura da Operación Zamburiña (outra das causas) saldada co descabezamento da brigada de estupefacientes e o posterior procesamento do que era na altura xefe e outros tres axentes antidroga. A procuradoría pede agora 102 anos de cárcere para os catro policías (o ex xefe enfróntase a sete e medio) e os nove traficantes a quen supostamente protexían.

Os anónimos informaban tamén do roubo de seis armas do búnker da comisaria (obxecto doutras dilixencias) do que ninguén xamais informara, nin sequera internamente. A morte do axente Blanco, presentada como un suicidio con confesión incluída da culpabilidade do roubo das armas -a bala que o matou saíu dunha delas e outras dúas apareceron no escenario do suposto suicidio- abriu a última causa. Até o momento.

Decorridos máis de dous anos daquela morte violenta, Eva Armesto, titular do xulgado de instrución número 3 de Ourense, mantén en calidade de investigados Bernardo e Roi De Prado, dous policías xemelgos de potente personalidade, forxados como instrutores de tiro no corpo, amigos do defunto e un deles, o seu ex xefe. A xuíz Armesto deixounos en liberdade sob fianza que ampliou a 100.000 euros cada un, sen pasaporte e con obrigación de compareceren diariamente. Considéraos autores da morte do seu compañeiro, entre unha longa lista de delitos.

A instrutora vinculou practicamente desde o principio da investigación o suposto homicidio de Celso Blanco co roubo das armas do búnker da mesma comisaría, polo que pediu ao seu compañeiro do xulgado número 1, Leonardo Álvarez, que instruía nese momento a Operación Zamburiña que se inhibise na causa das armas.

A maxistrada expuña a conexión entre o roubo e o homicidio co argumento de este ter podido ser causado polos xemelgos -coa única intención de evitar seren descubertos como os autores da subtracción das armas-. Xunto a iso declarábase competente para instruír o roubo aludindo ao achado de ADN na pistola coa que se produciu o disparo mortal compatíbel con familiares en terceiro ou cuarto grao dos xemelgos.

No entanto, Leonardo Álvarez non se inhibiu. O xuíz acabou arquivando o pasado maio a causa alegando que non achaba indicios que apuntasen a autor algún do roubo após investigar varios policías e algún mando, mais non os irmáns De Prado que Armesto considera autores. Entre outros indicios, a instrutora apóiase nun relatorio da Unidade de Delitos Especializados e Violentos (UDEV) da comisaría de Ourense que sinala os xemelgos e o policía falecido como autores do roubo no armeiro e apunta que o suposto crime foi cometido ao xurdiren discrepancias entre os tres á hora de asumir responsabilidades.

 

Resultado de imaxes para gemelos de prado comisaria ourense

 

O relatorio sostén que os xemelgos foron tamén os autores dos anónimos que alertaban da desaparición das armas e da existencia da suposta trama corrupta na brigada de estupefacientes. A UDEV cualifica os irmáns e o defunto de ‘grupo criminal’ e atribúelles a comisión dun rosario de delitos (roubo con forza, tenza ilícita de armas, denuncia falsa, falso testemuño, revelación de segredos e inxurias e calumnias), realizados con ‘unha importante planificación’.

Cren estes investigadores que co roubo das armas iniciaron unha trama de corrupción para sementar sospeitas sobre outros compañeiros: os imputados na Operación Zamburiña, cos que antagonizaban. O intento da maxistrada de vincular esta causa co suposto homicidio do axente, baseándose en que a morte puido ser provocada polos xemelgos ‘coa única intención de evitar seren descubertos como os autores da subtracción das armas’ (nas mensaxes que deixou inculpándose o axente Blanco exoneraba expresamente de calquera delito os irmáns) resultou até o momento infrutuoso.

A fiscalía, que, xunto a defensa dos xemelgos insiste na inocencia destes irmáns, recorreu á Audiencia Provincial de Ourense para que instase a xuíz a derivar a causa do roubo novamente a Leonardo Álvarez. Agora, á vista do atestado da UDEV, o maxistrado podería acabar citando como imputados os xemelgos.

Así o esperan na contorna da policía ourensá representada polo SUP que, segundo transcendeu en medios locais, viu con receo as actuacións do titular do xulgado de instrución número 1 e da procuradoría no caso da Operación Zamburiña e cre que tanto o ex xefe de estupefacientes como os outros policías procesados só incorreron en mala praxe no seu trato cos confidentes. Aférranse estes compañeiros ao relatorio da UDEV que conclúe que o ex xefe de estupefacientes foi damnificado polos anónimos e a suposta apropiación das súas chaves informáticas por parte dos xemelgos. Baseándose neste atestado, o ex xefe antidrogas presentou unha querela contra os irmáns De Prado: acusar os delitos de acceso ilegal a sistemas informáticos, denuncia falsa, simulación e falso testemuño, así como de pertenza a grupo criminal xunto co falecido Celso Blanco.

Xunto con iso, o exresponsábel de estupefacientes recusou o xuíz Álvarez -que o procesou após ter sido acusado pola Fiscalía dun delito contra a saúde pública, revelación de segredos e omisión de perseguir delitos- para o afastar da instrución da querela contra os xemelgos. Alega falta de imparcialidade do maxistrado por manter unha ‘amizade íntima’ cos irmáns De Prado con quen sostén que compartilla un grupo de WhatsApp e que o convidaban á galería de tiro de comisaría.

O xuíz, que sostén que foi en tres ocasións a esa galería aínda que precisa que o fixo no contexto dunha relación institucional, non ve base para a recusación. A Fiscalía secúndao. E entretanto eles cruzan acusacións, a causa do suposto homicidio encalla nun labirinto burocrático e en enigmáticas peticións de arquivo, como o relatorio de Asuntos Internos que apareceu incorporado aos autos, sen asinar e sen ser solicitado, reclamando o arquivo desta causa e considerar suicidio a morte do axente; unha tese que comparte a Fiscalía.

Considerando as anomalías do documento, o xuíz pediu que non se tivese en conta. No entanto, ao levantarse o segredo do sumario o avogado dos xemelgos, Neil González, aferrouse a el e o procurador adheriu ao recurso presentado perante a Audiencia que ordenou o xuíz que non o mantivese nos autos. A instrutora deixouno, aínda que insistindo na súa irrelevancia polas características mencionadas.

Non é o único documento estraño que turba o caso. Evidenciando a vixencia do armazón, retornaron os anónimos. O último, enviado á familia do defunto, sinala os xemelgos como responsabeis da súa morte e denuncia, ademais, suposta corrupción de membros da xudicatura ourensá. O defensor dos irmáns De Prado califica de ‘esperpento’ o escrito que o avogado da familia do falecido, Arturo Mosquera, entregou, no entanto, ao xuíz para que o valorase ao tempo que instaba publicamente o autor a dar a cara e prestar declaración se quer que se outorgue veracidade á denuncia. Non houbo resposta.

‘É unha auténtica barbaridade’, sostén Neil González, destacando que ‘non só non está asinado senón que non achega nin un único indicio de proba das acusacións que verte sobre o estamento xudicial e policial de Ourense’. ‘Non ten percorrido. Arquivarano de inmediato’, afirma. Da mesma forma que a Procuradoría, o defensor dos xemelgos non descarta que o anónimo saíse das dependencias da propia comisaría, como se sospeita que saíron ‘doutro bando’ os que hai tres anos orixinaron a abertura da Operación Zamburiña, a primeira das causas de corrupción policial que seguen ensarillándose nunha espiral infinita.

Cristina Huete

El País