Naqueles días de sumidoiros e cortinas de fume detiveron a un bo número de persoas, mais eu, egoísta, só me lembro do meu compañeiro Kake e da súa familia. Lémbrome daquel primeiro día de escarnio, de «algo faría». Lembro perfectamente que só unha concelleira da corporación boirense se sumou á concentración de protesta convocada. Revivo con mágoa os tres días que Kake estivo detido en Tres Cantos sometido a interrogatorios ás catro da mañá, comendo galletas de máquina; o calvario da familia… Tres días son moito tempo para perdelos nunha mascarada, pero tamén é verdade que non son nada se os comparas cos setecentos que levan uns rapaces de Alsasua por unha pelexa de borrachos nun bar de copas. Se non coñecen o caso bótenlle unha ollada, terrorismo disque…

Como ben dixo o mestre Maxi antes de marchar na súa derradeira columna neste espazo: «Opinamos y opinamos. Votamos y votamos. Pero, ¿tenemos información? Piénselo. Aunque podemos presumirlo, no tenemos ni idea de lo que se cuece en las alturas».

Aquel día infame polo menos serviu para que moitos boirenses albiscaran algo a través do espello, case unha epifanía: o Estado tamén nos pode enganar e porén debemos ser tremendamente críticos, como era Maxi.

Estevo Silva Piñeiro

La Voz de Galicia