A asociación de funcionarios de prisións Tu Abandono me Puede Matar denunciou no pasado 16 de agosto a suposta agresión dun preso con doenza mental, do que salientaban a orixe magrebí, a tres funcionarios que tiveron de ser ingresados no hospital. Nada máis lonxe da realidade. As imaxes mostran que son os tres funcionarios os que agriden o preso e que este en ningún momento os ataca directamente. Neste vídeo, publicado polo xornal Levante-EMV, pode comprobarse como os funcionarios propinan até 55 pancadas ao preso en pouco máis de dous minutos.
.
.
Captura del vídeo de la agresión en la prisión de Villena.

Os tres, investigados agora por Institucións Penitenciarias, dan varias puñadas e pontapés no preso. É tan grande a violencia que lles caen os walkie-talkies, que fican espallados no chan. Embora o preso pareza resistirse, nomeadamente no inicio da malleira, os funcionarios conseguen apacigualo a forza de paulada.

Nun dado momento, un dos tres agresores pisa as pernas do preso, que permanece deitado no chan. 55 pancadas despois, chegan outros catro funcionarios e cesa a agresión. Un minuto despois, o preso, xa apaciguado, é levado polo corredor polos tres funcionarios que inflixiron os malos tratos.

‘Tu abandono me puede matar’ , no entanto, afirmou nun comunicado que fora o interno quen batera “con pancadas, pontapés e puñadas” nos funcionarios, que están de baixa desde aquel momento. A asociación emitiu un comunicado en que defende os tres homes, “que viron a súa honra desprestixiada e que son inxustamente sinalados por estes feitos”.

Agresión á subdirectora antes da declaración

Alén da grave agresión a un preso con doenza mental nun contorno prisional sen atención psiquiátrica axeitada,o caso tomou tamén outra deriva perturbadora. A subdirectora de seguranza da cadea foi atacada nesta segunda feira na porta da casa por entre cinco e seis encapuzados, feitos que investiga a Garda Civil. “Mañá, caladiña”, dixéronlle na véspera da súa declaración no marco da investigación interna aos funcionarios, en tanto tres agresores a suxeitaban por atrás e outro lle daba dúas pancadas violentas na cara.

A funcionaria, que lonxe de asustarse acabou declarando no día seguinte da agresión, xa recibira mensaxes de cariz mafioso nun grupo de Whatsapp de ‘Tu abandono me puede matar’ . Tamén sufriu, no interior do presidio, o roubo do teléfono móbel en que recibira as mensaxes.

Na secuencia destes feitos, que causaron perplexidade no ámbito prisional, o colectivo de traballadores ‘Tu abandono me puede matar’  emitiu un comunicado mediante o nome dun escritorio de avogados de Alacant- que tamén representa o sindicato Jupol da Policía Nacional- en que anuncia accións legais contra os media que informaron da agresión á subdirectora de seguranza da prisión de Villena.

elDiario.es