O Tribunal Supeior de Xustiza de Nafarroa anulou a sentenza contra un garda civil que detivo unha camareira por non lle gustar o café que ela lle serviu nunha gasolineira de Legarda. O xulgamento terá que ser repetido na Sección Primeira da Audiencia Provincial de Nafarroa.

 

Los hechos ocurrieron en la gasolinera de la autovía A-12 a la altura de Legarda. (NAIZ)Os feitos ocorreron na gasolineira da autovía A-12 á altura de Legarda. (NAIZ)

 

O Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa (TSJN) anulou unha condena de seis meses de suspensión de emprego público imposta pola Sección Primeira da Audiencia Provincial de Nafarroa a un garda civil que detivo unha camareira após unha discusión por «servirlle mal o café». O xulgamento contra o axente terá de ser repetido.

A Sección Primeira da Audiencia absolveu en abril o garda civil do delito de detención ilegal, polo que estaba acusado, mais condenouno por un delito cometido por funcionario público contra a liberdade individual por imprudencia grave, do que non estaba acusado. Os maxistrados consideraron que imporlle un delito diferente non alteraba o principio acusatorio, xa que ambos os delitos afectan á liberdade.

Porén, a Sala do Civil e Penal do TSJN estimou o recurso da defensa, que alegou vulneración do principio acusatorio xa que os citados ilícitos penais son delitos heteroxéneos.

Por este motivo, na sentenza, insusceptíbel de recurso, a Sala ordena que os mesmos maxistrados da Sección Primeira volten a ditar sentenza sobre a proba practicada e os delitos imputados.

Ao cuartel de Gares por un café

Os feitos aconteceron sobre as 22.00 do 27 de xullo de 2019. Unha patrulla de Seguranza Cidadá da Garda Civil, composta por dous axentes, parou no bar da área de servizo de Legarda a tomar un café. O procesado pediu un café longo e con xelo. Desconforme pola forma como a empregada o serviu, iniciouse entre ambos unha discusión. O garda civil pediu a folla de reclamacións e, segundo a sentenza, non consta que lle fose entregada en ningún momento.

O garda civil tamén pediu á empregada o DI. Ela contestou que non o tiña e entregoulle o seu carné de conducir. A sentenza recolle que durante o troca de palabras xerouse «un ambiente tenso» no lugar, onde ceaban varias persoas.

O axente pediu á muller que saíse fora e, unha vez alí, segundo a resolución xudicial, ela faloulle de forma irada. Os clientes saíron, o que deu lugar a que aumentase a tensión, e así foi xerado un ambiente que o garda considerou que podía alterar a orde, polo que detivo a camareira. Conduciuna ao cuartel de Gares, onde foi deixada en liberdade ás 2.20 horas.

O recurso de apelación interposto pola defensa do axente cuestionou inicialmente a procedencia da condena realizada pola perpetración dun delito cometido por funcionario público contra as garantías constitucionais. Considerou que a condena vulneraba o seu dereito á tutela xudicial efectiva e o principio acusatorio, xa que o citado delito e o delito de detención ilegal, polo que foi formulada acusación, «son delitos heteroxéneos».

A Sala do Civil e Penal do TSXN sostén que a alegación formulada pola parte recorrente canto á imposibilidade de realizar un pronunciamento condenatorio polo tipo penal que recolle o fallo impugnado debe ser estimada, «xa que a condena pola autoría dun delito heteroxéneo a aquel polo que foi formulada acusación non pode manterse».

No entanto, prosegue a Sala, «aínda admitindo os feitos probados recollidos na sentenza, os mesmos non supoñen necesariamente a libre absolución pretendida pola defensa».

«Desproporción na detención»

Segundo o Tribunal, a sentenza impugnada valora que se constatou unha desproporción evidente na detención», se se ten en conta que «o desencadeamento inicial foi un feito de natureza privada, que non afectaba o servizo público e, en definitiva, co carné de conducir a camareira identificouse». Alén diso, engade, «tampouco consta que incorrese nunha desobediencia que amparase unha detención», unha medida que, ao ser restritiva dun dereito fundamental como a liberdade, «debe ser interpretada restritivamente e con criterios de proporcionalidade».

Así mesmo, a sentenza conclúe que «en ningún momento se constatou que houbese acometimento por parte da muller, que en todo caso xa se identificou co seu carné de conducir e mesmo se demostrou a súa identidade polo axente que acompañaba o acusado».

De igual forma, tampouco se considerou probado que nalgún momento a traballadora «alentase os clientes para estes provocaren unha situación hostil, nin que realizase ela directamente actos que puidesen alterar a orde pública».

Por todo o exposto, o TSXN estima procedente a anulación da sentenza recorrida con devolución das actuacións á Audiencia Provincial coa finalidade de que sexa ditada unha nova resolución «suprindo as omisións valorativas apreciadas con plena liberdade de criterio».

Naiz