Van xulgar en Madrid por “terrorismo”, vaites coa palabra e co concepto, un grupo de persoas dunha organización que defende a independencia da Galiza do Estado español. Non hai armas, non houbo atentados. Mais…

.

 

Se un Goberno perseguise con malas artes os españolistas e pretendese ilegalizar as súas organizacións eu estaría en contra desa persecución. Non é preciso concordar coa maneira de pensar dos demais para defender o seu dereito a pensar así. Polo mesmo tamén defendo o dereito dos galeguistas que cren que a Galiza ten o dereito, e tamén a conveniencia, de sermos un Estado propio.

E levo constatado toda a miña vida que este Estado, antes con Franco e despois reformado, con breves momentos nos que deixou en suspenso a xenreira perseguiu e buscou prohibir non delitos senón unha ideoloxía ou unha postura política que, defendida coa palabra, é tan lexítima como a contraria. Tan lexítimo é defender que a Galiza debe ser soberana e que debe exercer a súa soberanía cun Estado propio como defender que a Galiza non existe como tal e debe ser catro provincias controladas desde Madrid pola corte. Coa palabra e pacificamente tan lexítimo é unha cousa como a outra.

Mais lembro como se lle prohibiu aos nacionalistas galegos celebrar o Día Nacional de Galiza no casco histórico de Santiago, e gobernaba o PSOE de González e Guerra, e lembro como hai cinco anos e aproveitando esta mesma operación policial contra o independentismo so acusación de “terrorismo” os dirixentes do BNG foron chamado a declarar a Madrid na Audiencia Nacional. Aproveitando que o Manzanares segue a pasar por Madrid.

Hai españolistas que teñen o seu lugar simbólico na Praza de Colón e outros na Puerta del Sol mais vemos como este Goberno controla de xeito centralizado tanto ou máis que os do PP. Varían os programas en parte, mais canto ao poder político na corte todos os partidos españois son centralistas e para eles os demais somos colonia. Comprobárono os vascos que quixeron exercer a autodeterminación polas armas e comprobárono tamén os cataláns que quixeron exercer ese dereito armados pacificamente de papeletas. A resposta é a mesma, policía, Guardia Civil, fiscais e xuíces. Este Estado fundárono os militares rebeldes contra un goberno civil e democrático e ese seu carácter segue aí.

E por iso ese tribunal de excepción fundado por Franco, o TOP, agora Audiencia Nacional, xulga e xulgará o pensamento político que cuestione o “atado y bien atado”.

Suso De Toro SUSO DE TORO

Nós Diario