O tribunal rexional de Przemysl aceptou o pedido do Ministerio Público e acordou prolongar a detención preventiva do xornalista vasco Pablo González por outros tres meses. O avogado polaco de González dixo a EFE que presentará recurso contra esta decisión. No entanto, por agora, González ten de permanecer sob custodia do goberno polaco. «O tribunal decidiu estender o cativerio outros tres meses», dixo a EFE o avogado de Pablo González, Bartosz Rogasa.
Rogasa afirmou tamén que, conforme á lei polaca, nesta etapa non lle foi permitido partillar os pormenores da xustificación da decisión do tribunal.
«A audiencia de detención foi parte dos procedementos preparatorios e, por iso mesmo, está clasificada», explicou Rogasa, que acrecentou que non lle foi posíbel ver máis documentación sobre a causa porque o Ministerio Público non lle permitiu acceder a eses informes.
Rogasa declarou a EFE que el e o seu cliente presentarán recurso perante o tribunal de apelacións de Rzeszõw nun prazo de sete días.
«A decisión da corte non é definitiva, mais é executábel, o que significa que o señor González fica detido», dixo Rogasa, que sinalou que o xornalista vasco está ben física e mentalmente.
Detido en febreiro
Pablo González, colaborador de NAIZ e doutros media, foi detido no 28 de febreiro na fronteira entre a Polonia e a Ucrania cando cubría os efectos da invasión rusa. Desde o primeiro momento, non puido ter unha relación normalizada co seu avogado, Gonzalo Boye, nin cos seus achegados. No inicio, non tivo outra asistencia que a dunha avogada de oficio designada polo Ministerio Público, que posteriormente renunciou á causa.
A acusación das autoridades polacas contra o xornalista vasco foi a de espionaxe a favor da Rusia. Para iso, utilizaron probas tan pouco rigorosas como a existencia dun pasaporte ruso a nome de Pavel Rubtsov, que corresponde á denominación rusa de González, nacido en Moscovo. O xornalista está desde hai tres meses en prisión preventiva, que foi revisada na vista de hoxe.
No mes de abril, González foi transferido do cárcere polaco de Rezszów, na fronteira coa Ucrania, ao de Radom, a escasos kilómetros de Varsovia.
Durante a súa estadia no cárcere, o avogado e a familia denunciaron que a asistencia das autoridades consulares españolas foi mínima e que o goberno español non tratou a situación de González cos seus homólogos polacos.
Naiz