A Corte Suprema de Xustiza de Israel ditaminou hai apenas un par de semanas que as torturas aplicadas polas autoridades israelitas a un sospeitoso palestino chamado Fares Tbeish non foi ilegal e que os seus interrogadores non deben ser procesados. A sentenza tamén eliminou de maneira efectiva as limitacións impostas por unha decisión histórica do mesmo Tribunal hai case dúas décadas, xerando así unha nova excepción á prohibición da tortura.

 

Resultado de imagen de israel tortura

 

Na realidade este fallo consolida prácticas que xa veñen sendo utilizadas por axentes do Shin Bet (Servizo de Seguranza e Intelixencia Nacional) desde hai décadas para extraer información a detidos palestinos. Os métodos abarcan desde sacudidas violentas, malleiras, privación do sono, exposición prolongada a música a todo o volume, exposición aos elementos, colocar os sospeitosos en posicións dorosas durante longos períodos de tempo até cubrir a cabeza con sacos cheirentos.

É moi significativo que Israel ratificase a Convención da ONU contra a Tortura en 1986, mais nunca dese o seguinte paso na lei israelí para prohibir a práctica. Sobre este delicado e grave asunto escribiu o xornalista Edo Konrad un revelador artigo que pode se localizado na Internet.

Este xornalista experto no conflito israelo-palestino recoñece que o fallo de prohibición da tortura en Israel, hai vinte anos, foi considerado valente e celebrado por organismos de dereitos humanos. Mais na súa decisión histórica os xuíces tamén crearon un buraco significativo na prohibición: no caso de ameaza inminente, os interrogadores poderían evitar o procesamento invocando a defensa necesaria. Vinte anos despois, fica claro canto estirou o Shin Bet esa corda. O fallo pode ser analisado como un intento de dar cobertura ao que realmente xa está a facer o Shin Bet.

Lamentabelmente a decisión prohibicionista nunca foi respectada polos organismos de seguranza israelís. Basta dicir que desde 2001 organizacións nacionais contra a tortura presentaron máis de mil queixas e só unha terminou en investigación criminal. A convención internacional sobre a tortura defínea como “todo acto polo cal se inflixir intencionalmente a unha persoa dores ou sufrimentos graves, xa foren físicos ou mentais, co fin de obter dela ou dunha terceiro información ou unha confesión, de castigala por un acto que tivese cometido, ou se sospeite que cometeu”. O que fixo o Tribunal israelí é afirmar que o caso Tbeish non cumpre con esa definición xa que a tortura inflixida foi “proporcional ao perigo que determinaron os servizos de intelixencia”. Con esta lóxica toda tortura é posíbel, xa que son os propios torturadores os que deciden a proporcionalidade e o grao de perigo da persoa detida.

O porta-voz do Comité contra a Tortura en Israel, Bergman-Sapir, valora esta decisión do Tribunal Superior como unha retirada efectiva e pública da posición ética e legal tomada en 1999. “O fallo mostra que aos ollos do Tribunal o abuso físico é unha forma lexítima e talvez mesmo preferíbel de levar a cabo un interrogatorio en casos de seguranza nacional”, declarou Itamar Mann, profesor de dereito na Universidade de Haifa (Israel).

Bana Shoughry, que dirixiu o departamento legal do citado Comité contra a Tortura entre 2008 e 2015 e estivo involucrado no caso de Tbeish desde o principio, asegura que a decisión pon fin á idea de que os interrogadores de Shin Bet serán responsabeis das súas accións, pois en realidade non renderán conta e serán inviolabeis. O Shin Bet utilizou principalmente a tortura contra palestinos sospeitosos de participación na resistencia armada ou o terrorismo. A actual resolución facilita que o Shin Bet use estas prácticas contra outros grupos, incluídos colonos radicais e constitúe unha nova mancha na longa carreira de incumprimento israelita de leis, tratados e normas internacionais. Toda a arquitectura legal do Estado de Israel fica impregnada dunha gravísima violación do estado de dereito.

A pregunta maldita é: Até cando a Unión Europea practicará un silencio cómplice que dana a súa propia ética? Dos Estados Unidos, aliado preferente e sostén do sionismo nada podemos esperar, xa ten o seu Guantánamo. Mais, de Europa a humanista? Onde están os simpatizantes desta Israel degradada para dicir basta e terminar con tanta impunidade?

Practicamente cada ano a Asemblea Xeral das Nacións Unidas condena Israel pola violación dos dereitos humanos dos palestinos. Mais non pasa nada. Para o sionismo os seus “dereitos de ocupación e colonización” están por riba da Declaración Universal. Os sionistas fabrican e practican a súa propia ética e néganse a cooperar en investigacións realizadas por funcionarios especializados das Nacións Unidas. Probabelmente non hai na historia moderna da humanidade un Estado que incumprise con tantos mandatos da ONU. Talvez só o apartheid de África do Sul podería concorrer. Semellante anomalía deixa a ONU no peor dos lugares, tendo en conta a súa incapacidade para impor resolucións de obrigado cumprimento.

Hai outras formas de presión, particularmente a económica e a do fin de toda cooperación militar. Mais nin os EUA nin a Unión Europea teñen vocación de actuar. Os negocios mandan. Tamén manda a batalla xeopolítica consistente en manter custe o que custar no Oriente Medio unha potencia aliada.

Probabelmente as denuncias máis consistentes e atrevidas virán do interior de Israel, de fóra hai demasiada covardía e cálculo.

O camiño abriuno o 3 de febreiro do ano 2000 o deputado israelí Issam Makhoul, que fixo historia no Knesset (Parlamento). Makhoul afirmou que Israel é o sexto país do mundo no que di respecto á cantidade de plutonio de alta calidade no seu poder. Engadiu: “O mundo sabe que Israel é un grande depósito de armas nucleares, biolóxicas e químicas?”. Makhoul recoñeceu que Israel ten máis de 200 bombas atómicas almacenadas no deserto de Negev. Dirixiuse algunha vez o Consello de Seguranza a Israel para que destrúa as súas armas de destrución masiva? Non. E se o fixese os Estados Unidos vetarían automaticamente a resolución. Este é o mundo en que vivimos.

Iosu. Perales

Noticias de Gipuzkoa