O ex-presidente de Burkina Faso converteuse nun símbolo do panafricanismo e do anticolonialismo.

 

 

Thomas Sankara: Un frente unido contra la deuda | Progressive International

 

Un xulgado militar de Burkina Faso inicia estes días un xulgamento que chega con trinta e catro anos de atraso. O asasinato do presidente Thomas Sankara o 15 de outubro de 1987, fusilado polos militares na residencia presidencial nun sanguento golpe de estado.

A xustiza do país decidiu reabrir a investigación en febreiro de 2020, após a desclasificación por parte do Estado francés de documentos da conspiración. Crese que por trás do golpe estaban o Estado francés, Costa de Marfin, a “Françafrique” (como se designa a relación neocolonial de Francia coa súas ex colonias), Libia e posibelmente mercenarios do liberiano Charles Taylor e a CIA.

En total, hai catorce acusados. O principal acusado é Blaise Compaoré, na época ministro de Estado e teoricamente mellor amigo de Sankara, que asumiu a presidencia de Burkina Faso despois do golpe de estado. Está acusado de atentado contra a seguranza do Estado, complicidade no asasinato e ocultación de cadáveres

Sankara converteuse nun símbolo do panafricanismo e da loita contra o colonialismo. Coñecido como o Che africano, este revolucionario gobernou entre 1983 e 1987, anos en que iniciou unha importante transformación social e cultural en África: loitou contra a desertificación: foron plantadas dez millóns de árbores en quince meses. A taxa de escolarización pasou do 6% ao 22%, promoveu grandes campañas de vacinación e mellorou a situación das mulleres: prohibiu a ablación xenital e a poligamia e incluíu algunhas no goberno.

 

En 2016 o Instituto de Ciencias Forenses “Luis Concheiro”, da Universidade de Santiago de Compostela, fundado por Anxo Carracedo. analizou uns restos que podían ser de Sankara.

 

Todas estas políticas foron feitas sen a axuda de ningún poder e, de feito, en 1987 propuxo nunha cimeira da Organización da Unidade Africana unha unidade para non pagar a débeda externa. O obxectivo era acabar cunha relación dependente co resto do mundo, principalmente co Estado francés.

Golpe de estado

Compaoré gobernou desde o golpe que derrocou e asasinou Sankara, revogando as nacionalizacións feitas por Sankara e anulando as políticas que este promovera. Nun sentido similar, na política internacional renunciou a calquera pretensión de acabar co neocolonialismo, de crear un movemento panafricanista ou de transformar as relacións norte-sur. A mudanza de réxime contou coas simpatías da antiga potencia colonial, Francia.

Gobernou durante décadas até que tivo que fuxir a Costa de Marfin en 2014, coa axuda do exército francés, após unha vaga de protestos contra a súa intención de modificar a constitución para optar a unha nova elección.

A familia de Sankara levaba trinta e catro anos buscando xustiza, mais o goberno de Compaoré bloqueou calquera solicitude de exhumación dos restos, que foran desmembrados e enterrados nunha sepultura anónima.

Artigo orxinal de A. Solano en Vilaweb. Traducido para o galego por Nós Diario