Este libro nace dunha preocupación persoal polo crecemento das sancións e penas en relación cos dereitos á liberdade de expresión e de manifestación. A obra expón a situación actual através dos casos sentenciados nestes últimos anos, desde que a lei Mordaza e outras formas de represión apareceron para obrigarnos a calar. Ante a acumulación de inxustizas e desprotección dos cidadáns coas políticas que se aplican, o dereito de manifestación e o exercicio da liberdade de expresión son as únicas ferramentas que temos como denuncia e resistencia; en realidade son un ben en si mesmo, un dereito universal que corresponde á nosa natureza humana no exercicio da nosa liberdade.
Tu, calla! Tres sílabas que nos percuten no cerebro e repercuten nas nosas reaccións. O libro nace tamén desta percusión tan contemporánea e busca a complexa repercusión que ten a cita inicial de Chomsky: “Se non cremos na liberdade de expresión para aqueles a quen menosprezamos, non cremos nela en absoluto”. Huerga & Busquets sitúan a orixe do libro nun contexto de involución de dereitos, vehiculada na lei Mordaza do 2015. Neste cadro, documentan unha chea de casos. Houbo millares de sancións subxectivas, case imposibeis de recorrer, sempre a opositores do Estado desde linguaxes diversas: cantora/es, artistas, escritora/es, opinadora/es, xornalistas, humoristas… A protesta foi tan criminalizada como a pobreza. O ensaio analisa a reforma do Código Penal de 2015, que eleva as penas por enaltecemento do terrorismo cando ETA xa entraba na fase terminal. Recóllese o cadro xurídico que contextualiza esta perda de dereitos, mais é cos exemplos que nos damos conta da magnitude da operación. A suposta liquidez do Estado moderno solidificase, tórnase rochoso.