Resulta moi revelador o clamoroso silencio dos grandes medios sobre as últimas informacións do investigador Matt Taibbi que destapan a escandalosa colaboración dos antigos propietarios de Twitter con Joe Biden durante a campaña presidencial de 2020. Finalmente, vai resultar que as denuncias de Trump de colusión electoral contra súa tiñan algún tipo de base real.
O escándalo vén da época Obama, pero foi en 2020 cando The New York Post publicou un informe sobre os datos do ordenador persoal de Hunter Biden (fillo do presidente), abandonado nun local comercial. A análise do contido do dispositivo revelou a existencia dunha serie de correos electrónicos enviados por Hunter (como intermediario de negocios) a empresarios ucraínos do ramo da enerxía para que coñecesen (en persoa) a seu pai cando era vicepresidente de EUA.
Este material resultaba moi comprometedor para Joe Biden, ao verse implicado en plena campaña electoral en presuntos manexos da familia para facer negocios ilícitos na Ucraína. Ademais, no ordenador había imaxes altamente sensíbeis onde, presuntamente, aparecía Hunter consumindo drogas. O contido da computadora foi analizado por algúns expertos que declararon a The Washington Post que había unha alta probabilidade de que o material fose auténtico. Aí quedou todo, Twitter e a maioría dos grandes medios bloquearon e censuraron unha información que implicaba ao vicepresidente dos EUA en asuntos privados para beneficiar á súa familia.
Como xustificación, Twitter declarou de forma arbitraria que os materiais foran “pirateados” co único obxecto de xustificar o seu bloqueo na rede. Porén, non se preocuparon de verificar os datos achegados nin permitiron que os investigadores do Post expuxeran os seus argumentos e probas. O curioso do asunto era que, mentres acusaban a Trump de megalómano bloqueando o seu twitter ou vetándolle o acceso á rede social (lembrar que era o presidente de EUA e ningún xuíz o condenara polos seus actos e opinións), ocultaban información sensíbel e de especial interese para os electores norteamericanos sobre o candidato Joe Biden, promovendo unha imaxe súa tan idílica coma falsa.
A este tipo de manipulación cognitiva era ao que me refería nos meus artigos dos últimos meses sobre o comportamento nesgado, inquisitorial e totalitario das redes sociais e dos grandes medios: “non deixes que a verdade arruíne o prestixio do futuro presidente [de Wall Street]”. Sen dúbida, Musk fai todo isto polo seu propio interese (e dos grupos que o apoian), pero se serve para unha maior transparencia e pluralidade nas redes estaralle facendo un gran favor á humanidade.