- A Comisión asegura que se conservan apenas os documentos ‘importantes’, mais considera ‘imposíbel’ elaborar unha lista con ‘regras claras e inequívocas’, segundo os documentos obtidos por Der Spiegel e partillados co xornal Dagens Nyheer e a rede de media European Investigative Collaborations, á que pertence InfoLibre.
- Cada seis meses, os funcionarios deciden o que se elimina e o que se conserva transferíndoo para os seus cartafoles persoais.
- O Código de Conduta recusa o acceso público aos seus documentos de traballo arguindo que a fiscalidade é un tema ‘delicado’, de competencia exclusiva dos Estados membros.
- A Comisión tampouco conserva os SMS ou whatsapps dos seus membros, apesar de estar obrigada polas súas propias normas.
Begoña P. Ramírez bpramirez@infolibre.es @BegoPRamirez
Cando o eurodeputado alemán Sven Giegold conseguiu autorización para ler as actas das reunións do Grupo Código de Conduta, o órgao encarregado de impedir que os gobernos vulneren a competencia leal no seo da UE aprobando réximes fiscais abusivos, metérono nunha cámara blindada despois de lle retiraren o móbil. E, ao saír, foille confiscado o caderno onde tomara notas. As que puido, porque boa parte dos documentos que lle puxeron sobre a mesa estaban riscados.
Non acontece só con este grupo, xa que o Consello Europeo dispón dun protocolo de acceso a toda información clasificada como confidencial que inclúe as medidas aplicadas ao europarlamentar dos Verdes. Mais o celo a que foi sometido Giegold si é paradoxalmente revelador da opacidade coa que traballou o Código de Conduta nos seus 24 anos de existencia. A súa actividade ten carácter confidencial como parte da súa propia natureza: é un corpo de carácter diplomático, non executivo. Polo menos ese é o argumento que dá tanto a Comisión Europea, que lle fai os traballos preparatorios e lle proporciona o aconsellamento técnico necesario, como o Consello, que o creou en 1997, para manter lonxe da opinión pública e mesmo do Parlamento Europeo o que o grupo discute e decide.
Contodo, os documentos obtidos pola revista alemá Der Spiegel e partillados co xornal sueco Dagens Nyheter e a rede de medios European Investigative Collaborations (EIC) , á que pertence infoLibre, demostran que o segredo do Código de Conduta vai moito máis alá. E que a Comisión pode estar a incumprir as súas propias normas sobre tratamento da información, excluíndo millares de ficheiros do sistema europeo de xestión de documentos e eliminando de forma masiva e automática millares de correos electrónicos.
“O Código de Conduta é posibelmente o grupo de traballo máis opaco do Consello da UE”, critica o eurodeputado dos Verdes Ernest Urtasun. Os Estados membros, adverte, “escúdanse no feito de as cuestións tributarias seren competencias exclusivas súas para evitar o escrutinio, mais isto non ten ningún sentido, xa vimos a natureza transnacional e europea dos esquemas de evasión fiscal máis comúns”.
Con efecto, os impostos sempre son material sensíbel e os Estados membros móstranse especialmente celosos da súa soberanía fiscal, polo que a tarefa do Código de Conduta resulta moi ‘delicada’, argumenta a Comisión Europea cando se lle reclama acceso aos documentos que pon negro sobre branco como funciona o grupo. Para que os Estados membros poidan avaliar as leis fiscais doutros Estados membros, estes deben proporcionar aos seus socios ‘información relevante’ sobre normas e actos administrativos internos. E as decisións do grupo, que se toman por consenso -unanimidade menos un, o país implicado-, poden supor a súa derrogación ou modificación. Son leis que ás veces determinan o establecemento das empresas nun ou outro país.
Segundo os documentos obtidos por EIC, para avaliar eses réximes fiscais, tomar decisións e que os Estados membros as cumpran, é necesaria a ‘cooperación leal’ entre os gobernos. Porque, alén do máis, esas decisións non son vinculantes: que se poñan en práctica depende unicamente da ‘boa vontade’ dos países. O éxito do traballo do grupo baséase, pois, nun enfoque ‘colaborativo’, na ‘presión entre pares’ e no compromiso político dos gobernos. A Comisión argumenta que a necesaria ‘atmosfera de confianza mutua’ só pode ser construída sobre a base da confidencialidade das deliberacións. “A divulgación de documentos sobre os traballos preliminares [do grupo] que tratan sobre asuntos a debate danaría seriamente o proceso de tomada de decisións e afectaría negativamente de modo previsíbel á confianza mutua e aos intercambios francos entre os Estados membros, e á Comisión Europea no futuro”.
Todo debe ser accesíbel ao público, con excepcións
Segundo o regulamento de 2001 que regula este asunto, “todos os documentos” das institucións europeas deben ser, “en principio”, accesibeis ao público. Un dereito que debe ser garantido “da maneira máis completa posíbel”. Ese “todos os documentos” inclúe tanto os que obren en poder da Comisión Europea como os elaborados ou recibidos por ela “en todos os ámbitos de actividade da UE”. Tanto ten que sexan papeis ou teñan soporte electrónico, ou que se trate de gravacións sonoras, visuais ou audiovisuais, desde que se refiran a “políticas, accións e decisións que sexan competencia da institución”.
Mais cando Martjin Nouwen, profesor de Dereito Fiscal na Universidade de Leiden (Países Baixos), comezou a pedir as actas das reunións, os documentos de traballo e os correos electrónicos que daban conta dalgúns das avaliacións realizadas polo Código de Conduta, topou co un non da Comisión, e dalgúns gobernos. O regulamento regula as excepcións que xustifican ese “en principio” con que se matiza o acceso universal á información comunitaria. As institucións da UE poden recusar a entrega dun documento se pon en perigo o interese público ou a intimidade e integridade das persoas. Como interese público enténdese, por exemplo, a seguranza pública, mais tamén a política financeira, monetaria ou económica da UE. Así mesmo, pode rexeitar o acceso a un documento se a súa divulgación pon en risco os intereses comerciais de particulares e empresas, salvo que exista “un interese público superior”.
Cando o fiscalista holandés pediu á Comisión todos os documentos sobre como os gobernos están a cumprir o acordo do Código de Conduta para facer públicos os tax rulings -acordos fiscais vantaxosos que asinan con multinacionais-, a institución contestoulle que non tiña ‘identificado’ ningún correo electrónico relacionado con este asunto: nin con orixe na propia Comisión, nin enviados desde o Consello nin desde os Estados membros. Como é posíbel, se os gobernos enviaron por correo electrónico as súas respostas a un cuestionario remitido previamente polo grupo para facer o seguimento? Pois porque, explicoulle a Comisión, só se conservan e rexistran nos sistemas de xestión de documentos os correos electrónicos que conteñen información ‘importante’, definida só como aquela que ‘non é efémera e pode implicar acción ou seguimento’.
Quer dicir, alguén decidira que esa información non era relevante. Quen? Á luz dos documentos a que tivo acceso EIC, os propios funcionarios son quen determina que ficheiros son rexistrados en Ares, o sistema de xestión de documentos da UE e cales non. Alén diso, desde o 1 de xullo de 2015 a rede informática da Comisión conta cun sistema de eliminación automática de ficheiros de correo, que elimina todos os documentos seis meses despois de teren sido creados ou recibidos e que estiveren nos cartafoles de Recibidos e Enviados do programa Outlook de Microsoft. Para evitar a súa destrución, os funcionarios só teñen que os transferir aos seus cartafoles persoais ou de rascuños. Nese caso, escapan ao control do sistema Ares; saen tamén, portanto, do alcance da Comisión cando un cidadán os pede: por iso é polo que a institución di que non os ‘identifica’. Cando se lle pregunta, a Comisión nin sequera é capaz de calcular cantos documentos desapareceron nese limbo informático. Segundo explica a propia institución, os seus empregados recibiron case 75 millóns de correos electrónicos só en outubro.
O efémero e o trivial
O resultado deste sistema de rexistro é que, por exemplo, a Comisión di que non ten no seu poder os correos electrónicos que os Estados membros enviaron ao Código de Conduta explicando se publicaban ou non os mencionados tax rulings. Estes polémicos acordos foron desvelados en 2014 grazas a Luxleaks, a filtración xornalística dos que asinou Luxemburgo con 343 grandes empresas cando Jean-Claude Juncker, na altura recentemente nomeado presidente da Comisión, era ministro de Finanza e primeiro ministro do Gran Ducado.
Pois ben, aténdose ás explicacións que a Comisión deu a Martjin Nouwen, alguén considerou que eses correos non eran ‘importantes’ e eliminounos ou foron eliminados automaticamente aos seis meses. Como sabe un funcionario se un documento é relevante ou non? Segundo o guía entregado aos empregados ao instalarse o sistema de eliminación automática, unha información é ‘trivial e efémera’ unicamente se perdela “non ten un efecto legal ou administrativo negativo para a Comisión”. Ao contrario, un documento que require acción ou seguimento ou implica a responsabilidade da institución é importante. É revelador tamén que o propio guía considere ‘imposíbel’ elaborar unha lista ou tipoloxía definitiva de documentos “con regras claras e inequívocas” para o que debe rexistrarse e o que non. A cuestión de se un documento debe conservarse, engade, “só pode ser respondida analisándoo no seu contexto”.
En calquer caso, pon como exemplo do que debe ser eliminado os rascuños e correos con intercambios informais de puntos de vista entre colegas. En troca, considera dignos de conservación os documentos informais, incluídos os correos electrónicos, que “confirmen situacións ou acontecementos, xustifiquen decisións ou expliquen o desenvolvemento de accións oficiais”. Obviamente, os correos enviados polos gobernos ao Código de Conduta explicando o seu grao de cumprimento dun acordo do propio grupo non é nin un rascuño nin un intercambio informal de punto de vista entre colegas que puidese ser eliminado.
Ben ao contrario, non hai maneira de impedir que un funcionario transfira aos seus cartafoles persoais documentos oficiais confidenciais que fican fóra do sistema de xestión Ares e, portanto, do escrutinio do Parlamento Europeo ou do público en xeral.
Suecia e Austria peden máis segredo
Mais non só a Comisión pon límites á transparencia do Código de Conduta. Tamén o fan os Estados membros. Foi igualmente o que ocorreu con lostax rulings. Suecia e Austria pediron expresamente á Comisión que recusase a divulgación das súas respostas ao cuestionario, incluídas as que puidesen constar nas actas das reunións onde se tratou o asunto. Os argumentos de ambos os países eran similares. Segundo o Goberno austriaco, a información solicitada contiña documentos internos que revelan “detalles do sistema financeiro [do país]” cuxa difusión socavaría a tomada de decisións no seo do grupo, do Consello e da Comisión. A Suecia tamén dicía que os procedementos internos detallados nos documentos eran para uso exclusivo dos funcionarios da Axencia Tributaria nacional.
Mais o Goberno de Estocolmo vai alén diso e pede á Comisión que deixe de incluír as posicións dos diferentes Estados membros nas actas das reunións do Código de Conduta, sobretodo se se refiren a asuntos que aínda están en fase de discusión e non están fechados. A Comisión estaba de acordo con ambos e mesmo sostivo que divulgar os debates preliminares no Código de Conduta sobre o comportamento de Austria a respecto dos tax rulings podía afectar negativamente a disposición do seu goberno a discutir ‘asuntos sensibeis’ ou a informar o futuro sobre prácticas potencialmente prexudiciais para a competencia fiscal dentro da UE. Tampouco vía que existise ningún ‘interese público superior’ que xustificase a divulgación do grao de transparencia de Austria e Suecia en materia de tax rulings.
O SMS non son importantes
Outro tanto acontece co SMS. En teoría, o seu tratamento é o mesmo que para os correos electrónicos. Se conteñen información importante, deben copiarse nun correo ou rexistrarse en Ares. Mais non sempre se procede segundo o regulamento. Por exemplo, un xornalista solicitou recentemente a publicación das mensaxes de texto que se cruzaron Ursula von der Leyen e o director executivo de Pfizer, Albert Bourla. Segundo publicou The New York Times, ambos trocaran chamadas e SMS durante máis dun mes antes de chegaren a un acordo sobre a vacina contra o coronavirus.
Contodo, a Comisión recusou o acceso a eses ficheiros: “Unha mensaxe de texto ou outro tipo de mensaxería instantánea é pola súa natureza un documento de curta duración que non contén en principio información importante sobre asuntos relacionados con políticas, actividades e decisións da Comisión”, argumentou a secretaria xeral, a lituana Ilze Juhansone. Portanto, engadiu, o sistema de xestión de documentos da Comisión “excluiría en principio a mensaxería instantánea”.
Este principio aínda se aplica agora, como confirmou unha porta-voz da Comisión a Der Spiegel. Asegura mesmo que actualmente “non existen posibilidades técnicas para gravar mensaxes curtas” e que, en calquer caso, este tipo de comunicacións “non son frecuentes na Comisión”. Mais nas súas normas internas de 2015, a propia Comisión establecía que o SMS importantes e mensaxes similares deberían ser copiados nun correo ou ser rexistrados dalgunha outra maneira.
Alexander Thiele, profesor de Dereito Constitucional e Europeo na Business & Law School de Berlín, non está de acordo: “Se as áreas centrais da comunicación política e non puramente privada teñen lugar a través de SMS e outros servizos de mensaxería, non poden ser consideradas como ‘efémeros’ en todos os ámbitos”. “Portanto”, explica a Der Spiegel, ‘negar a relevancia política ou legal das mensaxes de texto é máis que cuestionábel dun punto de vista legal”.
Mais, á vista do criterio que exhiben as institucións europeas, se a Comisión quere traballar en segredo, só ten que comunicarse por WhatsApp en lugar de utilizar o correo electrónico.
Esforzos de transparencia… a medias
Nos últimos anos, no entanto, o Código de Conduta fixo esforzos por ser máis transparente. As críticas do Parlamento Europeo, os parlamentos nacionais e os medios de comunicación forzaron unha maior abertura na confidencialidade que o grupo considera inherente ao carácter político das súas deliberacións. Así, sobe algúns documentos internos na súa páxina web, publica un relatorio de actividade cada seis meses, así como as avaliacións finais dos réximes fiscais que son considerados perniciosos. En abril de 2018 os Países Baixos presentaron unha proposta para aumentar aínda máis a transparencia do Código de Conduta, en que propuña informar das reunións e publicar máis documentos na web do grupo. Mais o resto dos Estados membros non secundou a iniciativa holandesa.
Contodo, ao mesmo tempo que tentaba abrirse á opinión pública, o Código de Conduta restrinxía o uso dunha ferramenta básica de transparencia: a redacción das actas das súas reunións. As que puido ver infoLibre e o resto dos medios de EIC eran máis ou menos extensas e adoitaban mostrar as posicións dos Estados membros sobre cada unha das cuestións fiscais a debate, incluídas as máis delicadas. Case se podían seguir as conversas mantidas en cada reunión. Mais nos últimos anos convertéronse en documentos cada vez máis breves, apenas unhas notas con enunciados xerais dos puntos da orde do día: un Estado membro “fai un resumo das características principais do novo réxime”, outra delegación “informa” sobre unha reunión, a Comisión “resume as respostas recibidas”. Mais sen incluír pormenor algún sobre os contidos tratados. Quer dicir, se algún día chegan a ser publicadas as actas, estas non permitirán coñecer o que foi discutido no grupo.