O novo secretario xeral do Comité Rexional de Madrid, un axente de 29 anos que ingresou na Policía Nacional en 2011, está procesado por un suposto delito de violencia machista con orde de afastamento da vítima, que conta con protección policial. Contodo, non lle foron retiradas as armas que posúe, como é preceptivo para todo acusado de violencia machista, para evitar que fose suspendido de emprego e salario e poida continuar actuando como policía.

 

César Augusto Alvarado Cano, haciéndose un 'selfie'. Alvarado Cano facendo un selfie

 

Desde que conseguiu ser electo máximo responsábel da sección madrileña da Confederación Española da Policía (CEP), no 14 de marzo, César Augusto Alvarado Cano moveu todos os recursos posibeis para forzar unha moción de censura contra a Executiva dese sindicato policial, até conseguir a dimisión de toda a Comisión Nacional na Asemblea celebrada na semana pasada.

Agora, coas renuncias do moderado secretario xeral, Antonio Labrado Caro -que dirixía a CEP desde 2014- e do vicesecretario xeral de organización, Mateo Cuadrado, o sector máis reaccionario da Policía Nacional faise co control dese sindicato, que era o segundo en número de afiliados até a chegada en tromba de Jupol, a central xurdida do movemento Jusapol, segundo fontes policiais.

César Alvarado gañou as eleccións na Asemblea Rexional Extraordinaria de Madrid, a sección máis numerosa e potente do sindicato, cun programa de renovación total logo após case un ano de dirección por unha xestora despois da destitución e expulsión do histórico dirixente José Miguel Lorenzana, quen foi cesado -xunto co seu tesoureiro, Jesús dos Ríos- pola Executiva Nacional por causa das “graves irregularidades contabeis” detectadas por unha auditoría externa nos finais de abril do ano pasado.

Un final de mitin con saúdo franquista
Mais o discurso e as manobras políticas internas deste axente da Brigada Provincial de Seguranza Cidadá, sen experiencia sindical previa ningunha, non só reflicten demandas acaudilladas por Jupol senón tamén a crecente influencia ultradereitista no seo do Corpo da Policía Nacional. No final do seu mítin electoral, Alvarado pon o ramo cun “Viva España!” e o brazo no alto, como o saúdo franquista:

Fiel a ese ideario próximo a Vox -que tamén gañou moitísimos adeptos no Corpo que colaboraron no auxe electoral do partido ultra de Santiago Abascal-, Alvarado está procesado por un suposto delito de violencia machista do que terá que responder a principios de maio nun Xulgado de Logroño. Alén diso, ten unha orde xudicial de afastamento da vítima e esta conta con protección policial, segundo informan fontes próximas a esa investigación.

Orde de afastamento dunha vítima de violencia de xénero sen lle retirar as armas
Contodo, e apesar dos estritos protocolos policiais de obrigado cumprimento, Interior non lle retirou as armas que posúe, o que lle permitiu non ser suspendido preventivamente de emprego e salario, e poder así seguir traballando como policía. A Lei de Violencia de Xénero prevé a incautación preventiva de calquera arma de fogo que poida posuír todo acusado de violencia machista ou malos tratos á súa parella. Algo moito máis que preceptivo no caso dun axente armado e de servizo.

 

Lista de demandantes de vivienda social en Madrid, en 2015, donde aparece César Augusto Alvarado Cano.

 

Por outra banda, César Alvarado leva varios anos solicitando unha vivenda social na Comunidade de Madrid (como se pode apreciar na listaxe reproducida acima), que lle foi denegada ano após ano ao percibir un salario fixo como policía próximo aos 1.900 euros e acudir ao seu posto de traballo nun vehículo Audi Q5 valorado en máis de 50.000 euros, aseguran fontes sindicais a este diario.

Apesar de todo isto, Alvarado foi designado para encabezar as listas da CEP ás Eleccións ao Consello de Policía do próximo xuño, en que se renovarán todas as cúpulas dos sindicatos policiais. Un síntoma máis do extremismo ultradereitista que crece dentro das filas das Forzas e Corpo de Seguranza do Estado.

Carlos Enrique Bayo

Público