Presentan un estudo académico, que conta co apoio de 200 profesionais e docentes universitarios, que denuncia a manipulalción nos datos presentados até agora para mostrar que o Reino de España é unha ‘democracia plena’.

 

 

Berto Sagrera

A democracia está en risco. Despois da grande crise económica que comezou no 2008, este importante sistema político retrocedeu considerabelmente nos últimos anos por causa do auxe do capitalismo máis selvaxe e do autoritarismo que o acompaña. É neste contexto onde os indicadores que pretenden cuantificar a calidade democrática dunha sociedade proliferaron como nunca, ao mesmo tempo que se converteron nunha arma política. Dous dos índices máis famosos e reputados son o do xornal británico The Economist (EIU) ou o do V-Dem Institute sueco, que sitúan o estado español como “democracia plena”. Unha cualificación que o Goberno utilizou para contrarrestar ano após ano as acusacións recibidas por causa da represión exercida sobre o movemento independentista catalán a partir do 2017. Agora, un estudo académico que conta co apoio de 200 profesionais e profesores universitarios desmonta estes indicadores.

Orixinariamente publicada en setembro de 2021 na Revista de Catalunya e presentada nesta cuarta-feira no Ateneu Barcelonès, a investigación ‘Prejudici i manipulació sota l’aparença de ciència: a dubtosa qualificació d’Espanya com “democràcia plena” i els febles fonaments dels índexs de qualitat democràtica‘ cuestiona “o uso de índices de democracia baseados en recompilacións de opinións subxectivas, como os publicados por The Economist e polo V-Dem Institute, para acreditar, contra a evidencia obxectiva, a cualificación de España como democracia plena”. O traballo é asinado polos economistas cataláns Eduard Graza, Oriol Martínez, Jaume Pérez, Josep Reyner, David Ros e Lluís Verbon e recibiu o apoio de 200 profesionais e docentes universitarios que denuncian “que se cualifique España como plena democracia por parte de diferentes centros de opinión internacionais”.

El Nacional