Miguel Ángel Carballo, tenente fiscal da Audiencia Nacional e responsábel de terrorismo jihadista do tribunal, é o procurador -duramente cuestionado pola asociación de Xuíces para a Democracia- que está por trás das duras acusacións de terrorismo, rebelión e pose de expllosivos contra as nove persoas supostamente vinculadas aos CDR detidas na pasada segunda feira pola Garda Civil nunha macro-operación no Vallès e Osona.
Xustamente ese día, a pasada segunda feira, Carballo, que é un procurador con longa carreira e con vinculacións con casos relevantes como por exemplo o dos xovens de Altsasu e o 20-S en Catalunya, foi condecorado coa cruz ao mérito policial con distintivo vermello, a máxima distinción que o corpo outorga cada anos e con motivo da festa patronal do 2 de outubro. Entre outros condecorados pola Policía española destaca o titular do xulgado número 5 da mesma Audiencia, José de la Mata, responsábel de investigar o financiamento ilegal do PP cunha caixa B.
Miguel Ángel Carballo, membro da Asociación de Fiscais, de carácter conservador, foi designado tenente fiscal da Audiencia Nacional en 2017 polo desaparecido Fiscal Xeral do Estado José Manuel Maza. Cando a ex ministra de Xustiza, Dolores Delgado, accedeu ao cargo, Carballo foi nomeado tamén responsábel de terrorismo jihadista do tribunal e porta-voz do mesmo.
O tenente fiscal tivo un papel destacado en diferentes asuntos que afectaron Catalunya. Así, Carballo foi quen denunciou por sedición Jordi Cuixart e Jordi Sánchez, apenas dous días despois do 20-S, cando millares de persoas protestaron diante da sede do Departamento de Economía en Barcelona en contra das inspeccións da Garda Civil. Foi a primeira acusación de sedición vinculada ao procés, delito que, durante o xulgamento, mantivo a avogacía do estado.
En febreiro de 2018, Carballo pediu á xuíza Carme Lamela que imputase, tamén polo mesmo delito de sedición, a dirección dos Mossos d’Esquadra polo 1-O, entre os cales estaba o ex-director Pere Soler e o ex-secretario de Interior César Puig. Nun dos seus escritos, Carballo denunciou “unha actuación coordenada” entre os Mossos e os seus responsábeis durante o 1-O.
No caso de Tamara Carrasco, detida en Viladecans sen probas, Carballo tamén tivo un papel de relevo. O tenente fiscal pediu prisión incondicional para a activista que, finalmente foi obrigada a non sair da súa vila polo xuiz instrutor.
No que di respecto aos mozos de Altsasu, Carballo tivo unha intervención recente cando tentou prohibir un acto na vila alegando que estaba vinculado á ETA.
MIQUEL RIERA