Cámaras intelixentes para saber quen entra e quen sae, lectores de matrículas, máquinas que controlan os fluxos de persoas, postes con luciñas… e agora tamén drones que sobrevoan a cidade co fin de intensificar a vixilancia.

 

Un Juzgado ordena retirar las cámaras de vigilancia del ...

 

En verdade fai falta activar semellante movida tecnolóxica para garantir a seguranza do centro histórico de Santiago? Por que hai ese empeño en converter cidades amabeis nunha especie de búnker controlado por unha infinidade de dispositivos? Os nosos gobernantes saberán en que invisten o diñeiro, mais todo indica que lles saiu de control o intento de transformar a zona vella nun escenario asfixiante en que ninguén pode dar un paso sen a autorización dos gardiáns aditos ao Gran Irmán.

Case ninguén pon en dúbida que é necesario controlar os accesos á zona monumental de vehículos non autorizados, nomeadamente camións que reparten mercadorías cando lles parece ben, e que resulta conveniente dedicar unas cantas cámaras a vixiar os monumentos importantes, mais daí a pór en andamento semellante programa de espionaxe terrestre e aérea vai un treito moi longo.

Seguramente deberiamos debater este tema con sentidiño e apostar con clareza por métodos de vixilancia moito menos intrusivos e posibelmente máis eficaces, como son os tradicionais binomios policiais que pasean constantemente polas rúas, chaman a atención a quen está a facer algo mal, anotan matrículas, charlan cos veciños e multan quen non fai caso das ordenanzas. Trátase, en suma, de recuperar o espírito da policía ao servizo da comunidade, que nunha etapa non moi afastada funcionou de marabilla no centro histórico… até alguén decidir que as máquinas poderían substituír o factor humano. Pois ben, non é así. E nunca o será.

BEATRIZ CASTRO

El Correo Gallego